Declaración conxunta do (KKE) e o PCPE

O Partido Comunista de Grecia (KKE) e o Partido Comunista dos Pobos deEspaña (PCPE) decidiron realizar unha declaración conxunta ante os complexos desenvolvementos da crise capitalista e a salvaxe ofensiva do capital contra a clase obreira e os sectores populares pobres, tanto en Grecia como en España, así como no conxunto de Europa.

O capitalismo non pode resolver os problemas do pobo
As causas da crise, que é unha crise do propio modo de produción capitalista, unha crise de sobre-acumulación de capital, subliñan os límites do sistema capitalista e a necesidade do seu derrocamento, así como a vixencia e oportunidade do socialismo.

As forzas burguesas e oportunistas están a quedar en evidencia día a día, particularmente o Partido da Esquerda Europea, quen durante algún tempo estiveron falando do capitalismo de casino, de que a crise foi causada polo neo-liberalismo, de que se trata dunha crise do sistema financeiro ou dunha crise de débeda. Estas forzas foron postas en evidencia polo propio desenvolvemento da crise. As propostas do PEE relativas a “un desenvolvemento capitalista favorable aos pobos” e ao recurso a préstamos variados por medio do BCE, que a clase obreira e os sectores populares pobres van ter que pagar, están feitas á medida do gran capital e dos seus intereses.


As forzas, burguesas e oportunistas, que saudaron e apoiaron á UE, que votaron a favor do Tratado de Maastricht e da Unión Económica e Monetaria, tamén foron postas en evidencia polos propios acontecementos. Hoxe en día, esas forzas que fomentaron e seguen a fomentar sistematicamente unha serie de ilusións sobre unha “construción favorable aos pobos· da UE, sobre a súa suposta refundación, víronse desmentidas. A barbarie anti-obreira, que está a ser promovida pola UE e os gobernos burgueses -ben sexan liberais ou socialdemócratas, de centro dereita ou de centro esquerda - serve ao capital mediante a xeración de incribles beneficios e mediante a ruína dos traballadores.

A UE e os gobernos burgueses promoven este permanente estado de barbarie a través de salvaxes recortes nos salarios, nas pensións, nas indemnizacións por despedimento, co traballo impagado e o saqueo dos fondos da seguridade social, a través dunha fortísima imposición fiscal e as privatizacións. O masivo incremento da pobreza e o dramático incremento do paro revelan a agresividade do capital e o seu obxectivo de abaratar o prezo da forza de traballo, de destruír masivamente forzas produtivas para pór a salvo a súa rendibilidade nas condicións da crise.

Ante este obxectivo, a competencia interimperialista está a agudizarse e profundarse, amosando que a UE non é unha unión de pobos, senón que foi e é unha unión de imperialistas que non pode converterse en favorable para os pobos. A ansiedade que o PEE e outras forzas oportunistas están a amosar en canto á salvación da UE e a súa propaganda para embelecela, subliñan o seu carácter de fieis servidores da perpetuación do capitalismo e da explotación de clase.

A UE está ao servizo da estratexia do capital para obter unha forza de traballo máis barata no marco da competencia co resto de estados e unións imperialistas. Esta estratexia explica por que existe unha tendencia xeral, non só en Grecia e España, senón en toda Europa, a adoptar medidas salvaxes que supoñen un ataque ao pobo e incrementan os beneficios dos monopolios. O PEE sométese a esta estratexia nos seus Estatutos e coa aceptación dos “principios da UE”, que están ao servizo do capital. A UE non é un contrapeso aos EEUU nin os pobos deberían verse forzados a elixir entre imperialistas, como fan os oportunistas e o PEE. Obxectivamente, a crise capitalista, o realiñamento das potencias imperialistas e a súa competencia intensificada, avivan novos focos de guerra e de masacre dos pobos. Os pobos deben rexeitar firmemente verquer o seu sangue en beneficio da burguesía.

O derrocamento do capitalismo, e non a súa xestión, é a saída
Os acontecementos subliñan que non se pode volver ao pasado. Ningunha propiedade estatal ampliada, no terreo do dominio dos monopolios, pode traer un resultado positivo para os pobos nas condicións do mercado capitalista liberalizado. Ningún "polo de bancos estatais", ningunha suposta transformación do BCE en beneficio dos pobos, ningún suposto "fondo social" en beneficio dos pobos, pode supor unha saída para a clase obreira e os sectores populares pobres.

A soberanía e a democracia non poden existir sen a saída de todo país da UE, xunto co derrocamento do poder do capital. Hoxe é necesaria a unión clasista, o reagrupamento do movemento obreiro, a alianza popular dos traballadores e os sectores populares pobres para loitar polo poder obreiro. A formación dun polo clasista no movemento obreiro é unha condición necesaria para a correcta orientación das loitas.

A esperanza reside na loita de clases
.Saudamos as grandes loitas obreiras en Grecia, España e moitos outros países, cos comunistas e as forzas clasistas en primeira liña. Estas loitas multiplicaranse. Particularmente saudamos a magnífica folga dos metalúrxicos gregos. Esta loita, así como as folgas xerais, demostran na práctica que a batalla crucial non terá lugar nas prazas cos “cidadáns indignados”, ou no diálogo social dos representantes pactistas da CSI/CES.

A ira e a indignación, para ter algunha posibilidade, deben ser expresadas nos centros de traballo, onde se resolve a loita de clases, en oposición á denominada “cohesión social” e o diálogo social promovido e apoiado pola socialdemocracia, o PEE e as confederacións sindicais pactistas da CSI e a CES.

Nos nosos países, a existencia e a actividade dun polo clasista diferenciado é un recurso e un legado para a loita da clase obreira e os sectores populares pobres. A Frente Militante de todos os Traballadores (PAME) en Grecia, así como os incipientes Comités para a Unidade Obreira (CUO) en España, constitúen un valioso apoio porque promoven a loita de clases, denuncian o papel de zapa das direccións pactistas do movemento sindical e organizan a loita da clase obreira contra o capital.

O KKE e o PCPE fortalecerán as súas iniciativas conxuntas tanto nos seus países como no seo do Movemento Comunista Internacional para dar forza, no seo da clase obreira e os sectores populares, á perspectiva forxada pola estratexia revolucionaria dunha implacable loita de clases en favor do poder obreiro. A Revista Comunista Internacional xoga un papel especial e contribúe particularmente a este obxectivo. Trátase dunha iniciativa das revistas teóricas de partidos comunistas co obxectivo de reforzar a dirección marxista-leninista no movemento comunista internacional, como condición necesaria para o seu necesario reagrupamento.

O Socialismo é necesario, vixente e oportuno e é a única saída

Os burgueses e oportunistas que saudaron o derrocamento do socialismo, que falaron do “período de liberdade, prosperidade e paz”, foron completamente postos en evidencia. Hoxe o PEE carga cunha especial responsabilidade pola histeria anticomunista, dado que aceptou o núcleo da ofensiva da clase burguesa ao negar e difamar o socialismo real, promovendo o “socialismo do século XXI”, que non é outra cousa que capitalismo con “rostro humano”, algo que non pode existir. A añoranza polo socialismo, nos países nos que se construíu, está a crecer. Os pobos que viviron o socialismo non o esquecen. Os PPCC poden hoxe extraer conclusións relativas ás leis da construción socialista que foron violadas e aos erros que se cometeron. As novas revolucións socialistas terán ante si un legado, o socialismo que coñecemos, a superioridade da economía socializada e planificada centralmente, sen capitalistas nin explotación, sen crise nin paro, coa saída da OTAN e a UE, sen incertezas ante o futuro, onde a clase obreira estea ao mando e teña o control, a clase que tomará nas súas mans as rendas do poder.

16 de marzo de 2012