100 días de folga da Aceiría Grega HELLENIKA HALLIVOURGIA


Os traballadores na "Aceiría Grega" celebraron 100 días de folga e continúan decididamente.

"Os traballadores na aceiría estaremos aquí até a vitoria". Esta promesa clara e absoluta deron onte os traballadores na Aceiría Grega (Hellenika Hallivourgia) despois de 100 días de folga. Onte pola noite, honraron a súa loita como traballadores en folga, cun concerto organizado polo sindicato con cancións militantes e populares e bailes e contaron cunha enorme solidariedade de obreiros, campesiños, estudantes, mocidade e xente corrente dos sectores populares. Celebraron todos os cen días de folga contra o patrón duro e desapiadado que botou á rúa a 65 traballadores, forzándoos a aceptar as medidas antiobreiras, o 50% de recorte do seu salario e ademais a aplicación dun réxime laboral de traballo por quendas. Nesta grande loita a PAME, desde o primeiro momento, foi o seu apoio firme. Os folguistas nestes cen días contaron co apoio e a solidariedade dos sectores populares, de todo o país, de todo o mundo.

Na celebración dos cen días de folga, os folguistas recibiron unha solidariedade reforzada e práctica coa súa loita. Os folguistas recibiron importante axuda práctica e en concreto diñeiro, comida, utensilios de uso doméstico. Ademais, foi de grande importancia a solidariedade da xente e de representantes dos sindicatos clasistas que se agrupan na PAME, que se reuniron desde a mañá cedo na porta da fábrica.

Mentres tanto, a solidariedade cos folguistas heroicos da Aceiría Grega non está limitada polas fronteiras. Varios partidos, sindicatos e organizacións responderon o chamamento por solidariedade internacional de parte do KKE, da PAME e da Federación Sindical Mundial, expresaron o seu apoio á loita por medio de comunicados, resolucións, manifestacións masivas, protestas fronte a embaixadas e consulados gregos, visitas a Grecia, manifestaron a súa solidariedade fronte á porta da fábrica e ofreceron axuda financeira aos folguistas dos seus recursos escasos. O valor desta mostra de solidariedade é inestimable.

No seu discurso na reunión, Giorgos Sifonios, presidente do sindicato, deu a benvida e destacou:"Fai cen días empezamos unha gran loita heroica. Dixemos NON á chantaxe do patrón e eliximos -como cómpre aos obreiros- o camiño da honra e da dignidade, o camiño da loita". Referíndose ás conclusións que se poden tirar dos cen días de folga subliñou que: "A nosa loita é un legado importante para o movemento obreiro do noso país e unha páxina gloriosa na súa historia. Os cen días de folga xa son unha grande vitoria para os folguistas na aceiría e a solidariedade da clase obreira. É unha grande vitoria contra a intimidación do empresario, o fatalismo, a paz de clases, a lóxica do mal menor, a lóxica de compromiso do sindicalismo amarelo e colaboracionista, as múltiples presións a dividirnos, a desorientarnos. Púxose de manifesto a forza dos traballadores, o feito que sen os obreiros non funciona nada, que son eles os que producen a riqueza que se apropian os patróns".

A continuación, G.Sifonios mencionou que: "Os traballadores na aceiría adquirimos gran experiencia dos 100 días de folga; temos máis experiencia e somos máis fortes para seguir adiante na nosa loita. Imos seguir difundindo a mensaxe a outras fábricas e empresas. Estamos decididos a continuar; non hai outro camiño".

Un concerto de solidariedade organizouse para o venres na segunda fronte que se abriu na rexión onde están as outras dúas fábricas do grupo da Aceiría Grega, na cidade de Volos.

É significativa a solidariedade de todos os xeitos que se expresou nos seguintes países: Colombia, Honduras, Portugal, Costa Rica, Brasil, Australia, España, Rusia, Venezuela, Perú, Arxentina, Chile, Palestina, Paquistán, Alemaña, Holanda, Canadá, Dinamarca, Suecia, Bélxica, Francia, Sudáfrica, Lituania, Alxeria, India, Italia, Panamá, Brasil, Turquía, India, Irán, México, Reino Unido, EE.UU.