Nota do goberno cubano sobre a morte de Wilman Villar Mendoza

Nota informativa
20 Xaneiro 2012

Ás 18:45 horas do 19 de xaneiro faleceu en Santiago de Cuba o recluso común Wilman Villar Mendoza, na sala de coidados intensivos do hospital Clínico Cirúrxico "Doutor Juan Bruno Zayas", por mor de fallo multi-orgánico secundario a un proceso respiratorio séptico severo, que levou ao paciente a un shock por sepsis.

Esta persoa fora remitida con urxencia o pasado 13 de xaneiro do centro penal "Aguadores", ao hospital provincial "Saturnino Lora", ao presentar síntomas dunha pneumonía severa do pulmón esquerdo, recibindo todas as atencións para este tipo de afeccións, aplicándoselle ventilación e nutrición artificial, fluidoterapia, hemoderivados, apoio con drogas vasoactivas e antibióticos de amplo espectro de última xeración.

O hospital clínico cirúrxico "Juan Bruno Zayas", onde faleceu, é un dos centros hospitalarios de maior nivel na rexión oriental e a súa sala de terapia intensiva conta cunha gran experiencia na atención ao paciente grave.


Villar Mendoza residía no municipio Contramaestre, provincia Santiago de Cuba e cumpría sanción de privación de liberdade desde o 25 de novembro do ano 2011, polos delitos de Desacato, Atentado e Resistencia.

O feito polo que foi sancionado produciuse durante un escándalo público no que agrediu e provocou lesións no rostro á súa esposa, ante o que a súa sogra solicitou a intervención das autoridades e ao acudir axentes da PNR resistiuse e agrediunos.

Os seus familiares máis achegados estiveron ao tanto de todos os procedementos que se empregaron na súa atención médica, ademais de recoñecer o esforzo do equipo de especialistas que o atendeu.
En relación con este feito, desde hai varios días axencias de prensa estranxeiras, en particular de Miami, veñen promovendo unha intensa campaña internacional difamatoria, en contubernio con elementos contrarrevolucionarios internos, que presentan a Villar Mendoza como un suposto "disidente" que faleceu tras realizar unha folga de fame en prisión. Respecto diso disponse de abundantes probas e testemuños que demostran que non era un "disidente" nin estaba en folga de fame.

Wilman Villar logo de cometer o delito, polo cal foi procesado en liberdade, comezou a vincularse con elementos contrarrevolucionarios en Santiago de Cuba, que lle fixeron crer que a súa presunta pertenza aos grupúsculos mercenarios lle permitiría evadir a acción da xustiza.


Cuba lamenta a morte de calquera ser humano; condena enerxicamente as bastas manipulacións dos nosos inimigos, e saberá desmontar esta nova agresión coa verdade e a firmeza que caracteriza ao noso pobo.