Homenaxe a José Martí co motivo do 159 aniversario do seu nacemento


O pasado sábado 28 de xaneiro tivo lugar en Vigo unha homenaxe a José Martí co motivo do 159 aniversario do seu nacemento. A Asociación de Amizade Galego-Cubana "Francisco Villamil", xunto co Consulado de Cuba en Galicia, honrou a memoria do poeta e heroe nacional cubano diante do seu monumento nos xardíns de Montero Ríos.
Os membros da Asociación Villamil e doutras organización políticas e sociais de Galicia participaron na homenaxe, así como o Cónsul Xeral de Arxentina e a Cónsul Segunda de Venezuela, os integrantes do Consulado de Cuba e outros cubanos e cubanas.
Presentou o acto o Presidente da Asociación, Valentín Alvite, que destacou a personalidade de José Martí e a importancia das súas ideas políticas e revolucionarias. Así mesmo, deu lectura a unha mensaxe de Armando Hart Dávalos, Director da Oficina do Programa Martiano,onde este sinala ó prócer da Independencia como o máis universal dos cubanos, no que Fidel Castro fundamentou sempre a súa política.   O discurso central correu a cargo do Cónsul Xeral de Cuba en Galicia, Alejandro Fuentes e nel salientou a figura do Heroe Nacional e a súa transcendencia para a historia do país e incluso de todo o mundo. Rematou cunha alusión ós Cinco Heroes presos do Imperio, destacando, como dixera Martí, que as trincheiras de ideas valen máis que as trincheiras de pedras.