Concentración diante da Fundación de Amancio Ortega contra a explotación laboral en Inditex

http://www.galizacig.com

A multinacional do téxtil subcontratou a unha empresa para realizar a descarga dos camións en condicións de absoluta precariedade
12-01-24 Concentración persoal Atlas Servicios1  
Traballadores de Atlas Servizos Empresariales, apoiados polo Comité de Zara Loxística, concentráronse esta mañá ás portas da Fundación de Amancio Ortega no Polígono de Sabón para denunciar as actuacións do Grupo Inditex que, logo de mantelos nunhas condicións laborais absolutamente precarias, optou por botalos á rúa ao esixir melloras laborais.

Os 15 traballadores afectados pertencían a Altas Servicios Empresariales, unha compañía subcontratada pola multinacional do téxtil para realizar as tarefas de descarga dos camións nos almacéns de loxística do Polígono de Sabón, nunhas condicións que cualificaron de “miseria e explotación”.

Segundo explican, Inditex subcontratou estas tarefas xa que consideraba que realizar a descarga dos camións con persoal propio resultaba “cara e lenta”, ao esixírenlle os traballadores/as, organizados sindicalmente, que se cumpra a Lei de Prevención. Respectar a norma supón implantar un sistema de rotacións que impida permanecer demasiado tempo desempeñando esta penosa actividade.

Para reducir custes, denuncian os traballadores de Atlas, Inditex creou 15 postos de traballo “indigno con man de obra barata e de usar e tirar”. Este persoal atopábase nunha situación laboral totalmente precaria, sen convenio de aplicación, realizando xornadas de até 15 horas continuadas, meses con 226 horas de traballo, sen posibilidade de facer uso das licencias, unhas remuneracións ínfimas, contratos temporais a tempo parcial que en épocas de pouca actividade nin sequera se cumpren, etc.

Diante destas miserentas condicións impostas, os empregados de Atlas denunciaron a súa situación na Inspección de Traballo, que emitiu unha resolución na que constataba a existencia de cesión ilegal de persoal. Esta resolución impelía a Inditex a incluír a estes operarios no cadro de persoal de Zara Loxística. Non obstante, a empresa fixo caso omiso a esta resolución, polo que os traballadores tiveron que presentar demanda individual no Xulgado do Social.

Tras desta medida, a multinacional respondeu rescindido o contrato con Atlas Servicios Empresariales e realizando unha nova subcontratación cunha empresa que ten que facer as tarefas no Polígono de Ledoño “nas mesmas condicións, pero uns quilómetros máis lonxe”.