Só o 23% das traballadoras que teñen 65 anos cotizaron os 38,5 anos que estabelece a reforma das pensións

CIG.- Se nestes momentos se aplicara a totalidade da reforma das pensións recollida no pacto social, só o 23% das mulleres traballadoras que se xubilan en Galiza aos 65 anos terían dereito a percibir o 100% da prestación, fronte ao 71% dos homes que a esa idade conseguiron cotizar 38.5 anos. Así o revela o informe sobre a situación sociolaboral da muller na Galiza que a CIG vén de presentar con motivo da celebración do 8 de Marzo, Día da Muller Traballadora. Este ano, a Secretaría da Muller ten posto en marcha unha campaña para denunciar as consecuencias dos recortes de dereitos e prestacións que dende os gobernos se están a aplicar, e que afectan especialmente ao colectivo de mulleres traballadoras.