POLA REINDUSTRIALIZACIÓN !!
NACIONALIZACIÓN BAIXO CONTROL OBREIRO DOS SECTORES
ESTRATÉXICOS!!
Desde o Comité Nacional do Partido Comunista dos
Traballadores da Galiza (PCTG) e dos Colectivos da Mocidade Comunista (CMC)
queremos expresar o noso decidido apoio e solidariedade á loita dos obreiros de
Alu Ibérica, de Alcoa e das auxiliares, ás súas organizacións sindicais de
clase, e ao conxunto do pobo traballador das comarcas afectadas, que se xogan a
supervivencia de milleiros de familias.
Os traballadores de Alu Ibérica están hoxe
confrontados a un episodio máis desa chantaxe
do capital que consiste en xogar coa permanente ameaza sobre a
actividade produtiva e o futuro dos empregos, coa única finalidade de garantir
o máximo beneficio, o máximo rendemento para o capital e os especuladores de
todo tipo.
Durante dous anos, o Goberno, a Xunta e os empresarios
estiveron mareando os traballadores e enganando o pobo, vendidos por Alcoa a
Parter, vendidos logo por Parter a Grupo Riesgo. Vanse sucedendo á cabeza das
empresas puros delincuentes de traxe e garabata especializados no saqueo dos
recursos públicos e na explotación da clase obreira. Subsidios no prezo da
electricidade, axudas fiscais de todo tipo, en resumo, miles de millóns de
euros saídos do peto dos traballadores para engrosar directamente as contas bancarias
dos accionistas.

A clase obreira non debe consentir este novo paso
no proceso de desertización industrial da Galiza. Precisamos defender as
capacidades produtivas da nosa industria para cubrir as necesidades do pobo e o
seu dereito a unha vida digna, sen carencias, e con pleno emprego para todos e
todas. O traballo debe servir para termos unha vida mellor e segura, non para
enriquecer obscenamente un puñado de multimillonarios.
Mentres os traballadores non tomemos o control do
que é seu, non haberá solución definitiva aos nosos problemas. Debemos, desde
xa, reclamar o que é noso, porque foi construído co noso traballo, para deixar
de ser vítimas dos caprichos do capital.
Esiximos a NACIONALIZACIÓN DE ALU IBÉRICA E DE
ALCOA, baixo control obreiro, porque son partes dunha mesma loita en defensa do
emprego industrial e dun mesmo proceso produtivo. Esiximos así mesmo a
nacionalización do sector enerxético e de todos os sectores estratéxicos. A
enerxía que emprega o sistema produtivo, do que dependen o progreso e o
desenvolvemento social, non pode estar nas mans dos intereses do capital
privado.
O PCTG chama o conxunto da clase obreira e do pobo
traballador galego a defender a permanencia das industrias e dos postos de
traballo que deben asegurar un futuro económico e produtivo en Galiza, para que
a nosa mocidade non siga a emigrar.
Chamamos a prestar a máxima solidariedade á loita e
ás mobilizacións dos traballadores de ALU IBÉRICA, de ALCOA, e das auxiliares que,
defendendo o seu emprego, defenden o noso porvir.
ALU IBÉRICA NON SE PECHA !! ALCOA NON SE PECHA !!
REINDUSTRIALIZACIÓN !!
NACIONALIZACIÓN E CONTROL OBREIRO !!
Galiza para a clase obreira!
Galiza, 6 de xuño 2020.
Comité Nacional do Partido Comunista dos
Traballadores da Galiza (PCTG)
Comité Nacional dos Colectivos da Mocidade Comunista
(CMC)