POLA REINDUSTRIALIZACIÓN !!
NACIONALIZACIÓN BAIXO CONTROL OBREIRO DOS SECTORES
ESTRATÉXICOS!!
Miles de traballadores da Mariña lucense,
acompañando os obreiros da factoría de Alcoa en San Cibrao e das súas auxiliares,
culminaron onte varias xornadas de accións, cortando a A-8 en Ribadeo en
protesta contra os despedimentos pola multinacional que está deixando morrer a
actividade en varios departamentos da fábrica. Son 534 traballadores do
aluminio despedidos aos que se lle suman outros 250 das empresas auxiliares,
nunha actividade industrial que é fundamental na comarca e representa máis do
30 % do PIB da provincia de Lugo.
Desde o Comité Nacional do Partido Comunista dos
Traballadores da Galiza queremos expresar o noso decidido apoio e solidariedade
á loita dos obreiros de Alcoa e auxiliares, ás súas organizacións sindicais de
clase, e ao conxunto do pobo traballador da comarca, que se xoga a
supervivencia de milleiros de familias.
Denunciamos a estratexia de Alcoa consistente en
ir liquidando por partes a súa actividade produtiva para dificultar a
resistencia dos traballadores, ao desprenderse primeiro das factorías de Coruña
e Avilés, e agora cargarse progresivamente a de San Cibrao. Os obreiros de Alu
Ibérica (exAlcoa) poden ver como os gobernos e as empresas os estiveron
mareando durante dous anos, para verse hoxe vendidos por Parter ao Grupo
Riesgo. Todos puros delincuentes de traxe e garabata!! Xa en 2018,
denunciabamos nun comunicado: “Non o dubidemos, mañá, a infinita ansia de lucro
do Capital xustificará tamén a eliminación dos máis de mil empregos de San
Cibrao”. Lamentablemente, xa estamos niso.
Desde a privatización da empresa INESPAL (mediante
a súa venda a ALCOA por 370 millóns de euros) en 1998, a multinacional
norteamericana extraeu beneficios directos da explotación da clase obreira, e
indirectos das subvencións públicas dos gobernos centrais e autonómicos.
Subsidios no prezo da electricidade, axudas fiscais de todo tipo, en resumo,
miles de millóns de euros saídos do peto dos traballadores para engrosar
directamente as contas bancarias dos accionistas de Alcoa.
Confrontado hoxe a unha crise de sobreprodución,
que non é causada pola pandemia, senón polo seu afán de lucro, o Capital
pretende que a clase obreira, que todo o produce co seu traballo, pague os
pratos rotos. Aproveitando a situación de debilidade creada pola emerxencia
sanitaria e as limitacións físicas propias do Estado de Alarma, a patronal
trata de impoñer máis precariedade laboral, peores condicións de traballo e
salarios máis baixos. A destrución do emprego industrial responde a esa
intención. O goberno socialdemócrata da coalición PSOE-UP/Podemos e a Xunta do
PP asubían mirando para outro lado, mentres a ministra repite sen rubor:
prohibido despedir.
A clase obreira non debe consentir este novo paso
no proceso de desertización industrial da Galiza. Mentres a clase obreira non tome o control do que é seu, non
haberá solución definitiva para os traballadores. Debemos, desde xa, reclamar o
que é noso, porque foi construído co noso traballo, para deixar de ser vítimas
dos caprichos do capital.
Esiximos a nacionalización de ALCOA e de ALU
IBÉRICA baixo control obreiro, porque son partes dunha mesma loita en defensa
do emprego industrial. Esiximos así mesmo a nacionalización do sector
enerxético e de todos os sectores estratéxicos. A enerxía que emprega o sistema
produtivo, do que dependen o progreso e o desenvolvemento social, non pode
estar nas mans dos intereses do capital privado.
O PCTG chama o conxunto da clase obreira e do pobo
traballador galego a defender a permanencia das industrias e dos postos de
traballo que deben asegurar un futuro económico e produtivo en Galiza.
Chamamos a prestar a máxima solidariedade á loita
dos traballadores de ALCOA, das auxiliares e de ALU IBÉRICA que, defendendo o
seu emprego, defenden o noso porvir.
Chamamos a apoiar as mobilizacións e manifestacións
previstas nos días vindeiros para esixir: ALCOA NON SE PECHA!! DESPIDOS NON!!
ALCOA NON SE PECHA !!
REINDUSTRIALIZACIÓN !!
NACIONALIZACIÓN E CONTROL
OBREIRO !!
Galiza para a clase obreira!
Galiza, 1 de xuño 2020.
Comité Nacional do Partido
Comunista dos Traballadores da Galiza (PCTG)