por Álvaro Luque
Hai certas historias que foron contadas, lidas e filmadas
tantas veces que parece que xa o sabemos todo, que aburren ou que sinxelamente
non nos van ensinar nada. Todos viaxamos
mentalmente a Auschwitz, fomos rapados, vexados e humillados. Deixámonos caer
asustados nun catre de madeira duro e frío. Choramos e rimos, perdimos a
familia e sobrevivimos. Os nosos sentidos impregnáronse de toda a miseria
posible a través dos libros e o cinema. Pasamos fame e fomos presos vítimas dos
nazis na Polonia ocupada, pero moi poucos fomos capaces de vestir o triángulo
azul invertido e a S de Spanier nun KL, Konzentrationslager, de Austria. Esta é
só unha pequena crónica sentimental dos españois en Mauthausen: unha historia
dos indobregables.
Encima dun outeiro á beira dun pequeno pobo de ilusión serpeado
polo Danubio, construíuse un dos tantos campos de concentración do III Reich.
Austria foi anexionada por Alemaña en 1938, o que se chamou Anschluss, e alí na
Alta Austria, en Mauthausen, durante 7 anos os propios presos construíron o seu
propio cárcere ou tumba. Dá igual como o queiramos definir, era unha gran
extensión de quilómetros de terra que a morte arrincou á vida.
Para os aproximadamente 7500 españois que pasaron por alí foi
morrer en vida, o seu peor pesadelo. Dachau, Buchenwald, Ravensbruck,
Sachsenhausen e así até 10 máis, onde case 9500 españois sufriron humillacións
e torturas. A maioría foron asasinados e hai constancia de que sobreviviron uns
3800. Mauthausen foi o “campo dos españois”. As cifras aumentan e amoréanse en
paralelo á nosa sensación de barbarie. Non son fixas, nin definitivas, hai
moito por investigar.
O microcosmos concentracionario creado polo III Reich era
sofisticado, complexo e debe ser motivo de estudo histórico, non dunha pequena
crónica. Diferentes tipoloxías de campos, presos, administracións, rangos e
xerarquías creadas para garantir a supremacía do Imperio dos 1000 anos. Ao
penetrar nel, un perde a noción do humano. Toda unha maquinaria que non cabe
nunha descrición en poucas palabras. No caso de Mauthausen era o “campo nai” do
que dependían numerosos subcampos (Kommandos) de diferente tamaño e extensión,
destacando Gussen, o máis grande e que case era un campo independente onde a
maioría dos presos non puideron sobrevivir. Un auténtico cemiterio.
Himmler, alto mando das SS e do Reich, decidiu crear en
Mauthausen o campo para explotar a súa canteira de granito, algo habitual nos
campos convertidos en alicerce da infraestrutura e economía alemá con man de
obra escrava. A súa curta historia serviu para que as SS masacrasen a 120.000
homes, mulleres e nenos, das 200000 persoas que pasaron polo campo. Hai casos
abrumadoramente superiores pero é difícil matar tanto en tan pouco tempo.
As praias dos Mediterráneo aramiadas
En 1939 a ocupación de Catalunya forzou o exilio e a
continuación da loita contra o fascismo. Alén dos Pireneos, o goberno francés
aramióu as asoladas praias do Mediterráneo para recibir ao preto de medio
millón de refuxiados. Argeles-sur-Mer foi o primeiro gran campo para uns
100000, pero houbo máis campos onde arrastrarían a mesma miseria e fame.
Morreron preto de 35000 persoas. Xa daquela un refuxiado era considerado un
miserable, neste caso eramos nós.
O 1 de setembro de 1939 todo cambia. Alemaña invade Polonia e
Francia entende que a súa política de apaciguamento é completamente estéril
ante a brutalidade nazi. Busca fortificar a súa fronteira e necesita man de
obra. Os españoliños das praias son agora unha necesidade para a súa defensa e
danlles principalmente a opción de alistarse na Lexión Estranxeira, outras
Unidades Militares ou as Compañías de Traballadores Estranxeiros. A maioría irá
ás CTE, uns 30000, para construír un muro de formigón inexpugnable na fronteira
norte coñecido como “Liña Maginot”. Os nazis tardaron poucos días en arrasar a
fronteira e dirixirse a París sen atopar resistencia. En xuño de 1940 non había
nada inexpugnable para eles, levaban anos preparándose para a guerra. A
pasividade occidental foi o campo de cultivo dunha actividade frenética
favorable aos nazis en todos os sentidos. Os españois detidos foron internados
como prisioneiros de guerra nos coñecidos como stalag. Un novo campo á
biografía.
«Poden facer con eses vermellos o que queiran porque a nova
patria non os considera españois», estas foron as palabras que segundo algunhas
fontes pronunciou Serrano Suñer ante o Führer. Era o “cuñadísimo” e Ministro do
Interior do primeiro goberno de Franco. Os seus xestos e ollos non esconderon
nada, díxoo todo, condenounos a todos. A partir do 25 de setembro de 1940 a
RSHA (Oficina Central de Seguridade do Reich) catalogounos de apátridas e isa
sería a súa condición nos campos; apátridas e vermellos. A responsabilidade
franquista no destino das vítimas españolas do nazismo está fóra de toda
dúbida. É un feito inapelable.
O 6 de agosto de 1940 os ladridos dos cans e os berros dos SS
recibiron ao primeiro convoi de republicanos en Mauthausen. A viaxe de dous
días desde o stalag de Moosburg foi terrible. Aparvados e desorientados non
sabían que o peor estaba por chegar. Camiñaron
5 km desde a estación até o campo, sen saber exactamente onde estaban e
onde ían. A partir de agora arrincaráselles a súa condición humana e serán
números, franxas verticais brancas e azuis que simplemente camiñan e tentan
sobrevivir. Nos seus expedientes figurarán dúas letras: NN, (nacht und niebel),
noite e néboa, así se definía a aqueles que debían desaparecer sen deixar
rastro. O goteo de convois ao “campo dos españois” dura meses e non é
constante, do mesmo xeito que a outros campos.
A vida no campo
Todo prisioneiro en Mauthausen tentaba loitar por non morrer,
ese era o obxectivo, vencer á morte. Á súa chegada eran rasurados,
desinfectados e sometidos a duchas de auga fría e quente. A diario sufrían unha
malnutrición paulatina, aguda e constante. A comida era auga suxa á que
chamaban café, un anaco de pan e auga turbia con nabo, algo que aspiraba a ser
un caldo. Un anaquiño de salchicha e cazar algunha pataca ou cenoria eran os
seus poucos alimentos.
Soaba a campá ao redor das 4:45, de aí, inxesta rápida do que
sexa, pertenzas e a recibir a instrución do Kapo que formaría o Kommando para
traballar fóra do campo. Chegaban ás 18.00 ou 19.00 da tarde e deixábanse caer
nun catre de madeira a tentar non morrer co frío. Os sobreviventes relatan como
o obxectivo constante é pasar desapercibidos. Non ser nin o primeiro, nin o
último, nin nun lado, nin no outro. Non chamar a atención e tentar evitar
Gussen e os que acabarían sendo os 186 chanzos da canteira. Ese era o lugar onde
durante 12-14 horas tiñan maior posibilidade de que un caprichoso nazi os
matase. O lector poderá imaxinar que poderiamos encher centos de páxinas
contando as inhumanas historias do día a día no campo, son case 1700 días sendo
torturado. Algúns duraron días, semanas ou meses, meses nos que a vida non se pode catalogar como tal.
Dous serán os Kommandos máis coñecidos polos españois, o
Cesar (dirixido por un valenciano) e o Porchacher, ao servizo dun empresario
local, e formado por mozos españois. Este último é importante porque os seus
presos foron escondendo no exterior os negativos que Francesc Boix, militante
do PSUC, ía roubando e que Anna Pointner, unha civil austríaca membro da
Resistencia local, ía gardando nun muro. Unha cadea humana antifascista difícil
de crebar.
Resistir e organizar
Hai unha data que dará un envorco na historia do campo. O 22
de xuño de 1941 é un punto de inflexión. Non porque se achegase o inicio do
verán, nin porque coincidise co inicio da operación Barbarroja de invasión nazi
da URSS, senón porque as SS planificaron a desinfección do campo. Nese curto
espazo de tempo todos os presos reúnense, conversan e aproveitan para
planificar a organziación e a resistencia. Son moitos os que morreron, morren e
seguirán morrendo, pero deciden empezar a organizarse. A militancia do PCE
decide dar un paso á fronte e sentan as bases do Comité Internacional de
Mauthausen.
Organízanse para a axuda mutua, postos menos duros e máis
comida para os máis débiles, asumir postos de responsabilidade para evitar
mortes, fomentar a solidariedade con outros presos políticos, sabotear a
produción destinada ao exército nazi e evitar calquera tipo de facilidade ás
SS. Aos poucos, técese toda unha maraña organizativa que xenera un futuro de
esperanza e para que haxa condicións de desenvolvemento para loitar en todas as
condicións. En palabras dos dirixentes comunistas que sobreviviron: “manter a
vontade inquebrantable de esperanza e de combate”. Arduo labor nun espazo
construído e pensado para a morte. Deles é a tarefa de sacar os negativos
mencionados con anterioridade.
A partir de 1942, chegan noticias das vitorias soviéticas,
sempre boas de aquí ata a fin da guerra. A organización clandestina mantense
informada a través da chegada de comunistas, sobre todo a partir de 1943, que
formaban parte da Resistencia francesa e a través dunha radio incautada ás SS
dentro do campo. Na primavera de 1944, sempre a eterna primavera, fórmase o
Comité de Unidade Nacional español composto de forma paritaria por CNT, PSOE e PCE.
No verán constitúese formalmente o Comité Internacional de Mauthausen e o
Aparello Militar Internacional, organización cun rol clave na liberación do
campo en maio do 45.
A liberación
A finais de abril do 45, o xefe do campo recibe a orde de
masacrar a todos os prisioneiros. É aí, cando a resistencia no campo asume un
papel protagónico e desátase toda a forza asentada na organización clandestina
durante anos. Os SS non poden facerlles fronte e foxen. Será a garda urbana de
Viena a que substitúa ás SS e o Comité Internacional convide a que entreguen as
súas armas. Cando o 5 de maio chegan os jeeps norteamericanos á porta de
entrada pódese un preguntar se o traballo de liberación xa está feito ou non.
De feito, o exército norteamericano recoñece ao Estado Maior do CI que é só
unha patrulla de recoñecemento e que marchan. O campo queda desabastecido,
famento e baixo a organización dos propios presos durante días. Días que para
moitos foron a morte tras a liberación xa que ao levar anos sen inxerir nada digno,
o consumo incontrolado matounos. A historia oficial defende que foron os EEUU
quen liberaron o campo pero quedan moitas preguntas por resolver e parece ser
que o papel da organización interna, maioritariamente comunista, xogou un papel
moi destacado. Outra pasaxe da nosa historia que queda por escribir.
Unha foto pasou á historia, icónica, a da famosa pancarta
despregada polo Comité Internacional lembrando a loita antifascista e saudando
aos aliados. Hai outras que non teñen tanto eco, en concreto unha datada o 13
de maio de 1945 onde pousan 16 mozos da Mocidade Socialista Unificada (mocidade
do PCE) con pancarta e bandeira elaborada no campo. É a mirada, o sorriso e a
actitude serena da vitoria fronte o fascismo. Algo indeleble e imperecedeiro e
que custou moito sacrificio e enteireza. Son mozos do Kommando Porchacher, eses
que escondían as fotos, e que resistiron e logaron vencer. Á esquerda, sentado
con gorra, hai un mozo que non sabe aínda que a historia lle reserva un papel
en primeira fila para seguir sinalando aos nazis, é Francesc Boix, o fotógrafo
que achegou probas claves nos Xuízos de Núremberg. El é quen nos xuízos mira
aos verdugos sen medo, con determinación. El foi os nosos ollos no campo.
A historia de Mauthausen é unha etapa máis da dura loita
contra o fascismo que se iniciou en España e que continuou en todo o continente
europeo. Un elo máis dunha mesma cadea que milleiros de comunistas conseguiron
crebar demostrando que eran indobregables.
* Á memoria de todos os comunistas que morreron, que se
organizaron e loitaron nos campos nazis e contra o fascismo. Á memoria de
Josefa Coleto Caballero, irmá do preso 3332, a miña avoa.
Foto 1: Mauthausen. Os españois antifascistas saúdan ás forzas liberadoras. Campo de concentración de Mauthausen, 6 de maio de 1945.
Foto2: Mozos comunistas españois, sobreviventes do campo de concentración de Mauthausen. 13 de maio de 1945. Á esquerda, con gorra, o fotógrafo Francesc boix.