por Álvaro Luque
“Non podo parar de chorar”, isa é a situación dunha dos miles
de traballadores e traballadoras de Ferrovial que se ven na rúa. Renfe
suspendeu o servizo de cafetaría nos AVE e Longa Distancia, polo tanto, centos
de traballadores quedan na casa de maneira definitiva. Estaban afectados por un
ERTE desde o inicio da crise, máis dun mes. Son 2000 familias que saíron a
aplaudir, que aguantaron entre catro paredes as restricións e que ergueron esa
empresa durante moitos anos. Agora, sen ningún tipo de rubor e coa economía
como escusa, sofren a outra pandemia, a que sofres ti e os teus, o paro e o
desprezo.
Foron a cara de RENFE durante moitos anos. As que servían o
café, axudaban a dependentes, ían dun lado ao outro do vagón facendo que todo
fose posible. As que con paciencia e boas formas aguantaban todo, se un
pasaxeiro era engreído e arrogante, se ía bebido ou se directamente lle
apetecía falar. Fixeron posible que viaxar non fose simplemente subir ao tren,
senón viaxar en tren, algo agradable. Que tí gozases da paisaxe, dun libro ou
un café, que estiveses cómodo era algo que non estaba nas tarefas prioritarias
dos executivos, senón dos que corrían dun lado a outro de vagón en vagón. Unha
tarefa que parece invisible pero que é a que fai que todo funcione, que todo
sexa posible, algo esencial. Madrid, Valencia, Barcelona, Sevilla, Xixón,
Alacante... Un día tras outro, a través de camiños de ferro de punta a punta do
país, a golpe de zapato e tacón, con boa cara para que o AVE funcionase.
Renfe decide pagar a súa entrega como o fan as grandes
empresas nos momentos difíciles, baixándoos do tren e mostrándolles a porta de
saída cun simple ”grazas polos seus servizos”.
As bágoas é o que queda, son da rabia despois de 12 anos
sacrificando todo por Ferrovial e Renfe. Se colles unha quenda ou o outra, se
vives aquí ou alá, cando tes fillos, redución de xornada ou non, madrugóns,
festivos, nadal, veráns, calor, frío, neve... Unha loita hora a hora,
quilómetro a quilómetro, folga a folga, para poder construír un soño sinxelo
compartido por toda familia traballadora, un futuro con dignidade. Nada do
outro mundo, simplemente ter emprego e dereitos. Vivir.
Renfe, como miles de empresas millonarias, crearon toda unha
maraña de contratas e subcontratas para facer posible o seu soño e facer
imposible o teu. «Non é un despedimento», din, simplemente a finalización do
contrato das cafetarías, “non depende de nós senón de Ferrovial”. A realidade é
que no andén quedan 2.000 familias e estas xa teñen claro que se se recupera o
servizo de aquí a 6 meses, farano en peores condicións. A peaxe será moi dura.
Dixéronnos que estaba prohibido despedir, aquí temos a
realidade a golpe de cifra e de historia real. A clase dos empresarios leva
dándose unha enchente de dereitos durante máis dun mes co Covid-19 como prato
principal do menú e todos nós de camareiros. En poucas semanas están a engulir
todos os nosos dereitos e, de momento, ninguén pon freo. Ao contrario, todo son
sorrisos e ofrecer máis pratos, café, puro, sobremesa. Un non parar.