por Saúl Fernández
Desde que comezou o Estado de Alarma e os seus decretos, non
pararon de sucederse despedimentos, ERTEs, situacións de vacacións forzosas,
falta de EPIs e de protocolos nas empresas, etc. Está claro que a case todos e
a todas nos pillou por sorpresa o xurdimento dunha pandemia, non é aí onde vou,
non serei eu quen tente iluminar ao mundo con teses epidemiolóxicas de barra de
bar, sen ter a formación nin a información adecuada. Aínda que o dereito á
opinión e ao sentido crítico, ao estudo e a valoración da información o
defenderei con todos os medios ao meu alcance. A tecnocracia e o elitismo
poderán ser alicerces dunha sociedade de clases, pero é precisamente esa
sociedade a que loitamos por destruír. Miren se vou de fronte.
Pero do que si vou falar é do mundo do traballo e como o
sistema sociopolítico no que vivimos está baseado na contradición
capital-traballo e todos os acontecementos que suceden están interrelacionados,
aquí si estou disposto a dicir o que está ben e o que non o está porque na
contradición capital-traballo que rexe o capitalismo, ou se está co capital ou
se está co traballo. Non hai máis. E ninguén que participe da estrutura de
goberno no Estado burgués pode durar moito se realmente pertence ao mundo do
traballo, ben porque acabe dimitindo, ben porque o acaban expulsando, isto
último no mellor dos casos.
Como dicía, dende o comezo do Estado de Alarma, o Goberno foi
tomando unha serie de medidas laborais. A crise capitalista xa se cernía sobre
nós, é falso dicir que a provocou o virus e por sorte hai hemeroteca para
rebatelo, aínda que non teñamos os altofalantes. É certo, por outra banda, que
o problema que xera a pandemia agrava e adianta a crise. Tamén é falso falar de
xestións neoliberais ou socialdemócratas, a xestión do capitalismo en calquera
das súas formas é xestionar para os intereses da burguesía, do capital.
Está claro que as medidas laborais da xestión socialdemócrata,
as que nos venden como as mellores posibles non son, con todo, as necesarias,
non son as que necesitamos a clase traballadora. Hoxe un de cada catro
traballadores está afectado por un ERTE que non saben cando van cobrar o 70% do
que se cobraba sen saber se acabarán nun ERE, que será unha realidade para
moitos, ademais dos despedimentos de fixos e temporais, hai familias ameazadas
por desafiuzamentos e demais situacións que conforman este tétrico panorama.
Elixir a extrema dereita é elixir o mal maior, elixir o mal menor, é elixir
igualmente o mal e en calquera caso é elixir de todo, agás o necesario.
Dende que existen as sociedades de clases, as clases pobres,
as desposuídas sempre loitaron contra as clases posuidoras, explotadoras. Dende
o inicio das sociedades de clases, a clase rica, podente, a que ten de todo,
ante os grandes desafíos aos que se enfrontou a humanidade sempre fixo uso dos
seus recursos para afianzar o seu poder baseado na posesión de ferramentas,
alimentos, casas, terras, etc.
Hai uns 12.000 anos xurdiu unha revolución na humanidade, o
neolítico ou nova pedra en contraposición ao paleolítico ou vella pedra. O
desenvolvemento da agricultura foi o alicerce fundamental desta revolución,
pero pensemos por que. Pola simple razón da obtención de excedentes. Por
primeira vez na vida, ao ser humano sobráballe comida e apareceu a loxística, a
xestión dos recursos e o desenvolvemento tecnolóxico. Para que camiñar en busca
de alimento se o podemos cultivar. Apareceu o arado, os celeiros e palleiras,
os cortellos e cortes, as casas, etc.
Pero os fenómenos e a adversidade foron unha constante, a
vida que está en constante evolución non se parapeta nunha sociedade pechada, a
sociedade non se adapta a si mesma, senón que se adapta aos cambios externos.
Ninguén sae da súa zona de confort se non é por unha boa razón: a
supervivencia. Ao final se algo se impón é a vida como fenómeno biolóxico, non
adaptamos a vida ás sociedades, senón as sociedades ao que a vida impón e a fin
de contas a vida adáptase aos fenómenos que nos rodean. Non somos alleos a
nada. De feito, a principal función dunha sociedade é o acondicionamento da
vida, poder xerar as mellores condicións posibles. Así se nas casas temos
tellados é para non mollarnos, acondicionamos un fogar en adaptación ás
condicións climáticas.
O desenvolvemento científico tecnolóxico avanza e así
chegamos aos nosos tempos. Coa gran capacidade de xestionar os recursos e
excedentes hoxe, imponse a realidade de que non é necesaria a explotación duns
sobre outros, os excedentes e loxística avanzada permiten a eliminación das
clases sociais de maneira obxectiva, o mundo está profundamente interconectado
e colonizado. A única razón pola que hai hoxe clases sociais é pola reacción da
clase posuidora a ceder nos seus privilexios, pero hai loita de clases, polas
irreconciliables contradicións entre explotados e explotadores. Poñamos o
máximo dos exemplos: no capitalismo hoxe producindo tres veces máis alimento do
que se necesita, 890 millóns de persoas pasan fame, non teñen acceso a ese
recurso.
Ben, xa chegamos ao noso tempo e estamos nunha crise de
sobreproducción, unha desas que o propio capitalismo xera de maneira cíclica
até o seu esgotamento e conduce á humanidade á guerra xeneralizada froito do
seu propio comportamento e ademais hai unha pandemia, unha de tantas que
arrasou á especie humana.
Entón, agora que relación ten a pandemia coa crise, o goberno
como autoridade e a clase obreira e os dereitos laborais? Pois tena toda. Como vimos, todo está relacionado,
a eficiencia dunha sociedade está na capacidade para afrontar unha crise de
calquera índole ou natureza para garantir a supervivencia. Como vimos, as
clases desposuídas sempre sufriron e pagaron as crises e, como vemos, hoxe
estámola a pagar.
Dos 23.822 mortos por COVID-19 actuais en España, Cantos son
traballadores e cantos son burgueses? Como é posible que morran os
traballadores e non os burgueses se o virus non entende de clases? Porque o
virus non entende, pero o modelo de sociedade si. E por que morre? Pois en gran
medida porque quen todo o produce o segue facendo e quen nada produce, pero é
dono de todo, non permite pór os recursos ao servizo de quen fai funcionar o
mundo. Como? Especulando, concentrando recursos, roubándoos, negando os recursos
necesarios aos desposuídos e en definitiva facendo o que fai unha clase que non
facendo falta, estorba bastante, no concreto unha clase parasitaria.
E aquí, volvendo ao principio do artigo, está o mundo de
traballo, está a contradición capital-traballo. E é entón cando xorde a
pregunta A que mundo pertence a ministra de traballo? A ministra de traballo
dicía nunha entrevista pouco despois das eleccións que “iso de ser comunista
era algo complexo”. E si, é certo, é moi complexo ser comunista cando non se
pertence ao mundo do traballo, é complexo ser comunista cando estás no bando da
clase posuidora, da reaccionaria, da que estorba, da que non fai falta xa.
Non fago estas valoracións en baleiro, en absoluto, sería un
exercicio acientífico e meramente provocador. Estas valoracións son certas
porque teñen a súa base para selo, así que agora si, imos entrar no terreo da
forma.
O capitalismo, a pesar da súa gran capacidade de produción e
a capacidade tecnolóxica da súa loxística non pode, con todo, parar de
producir, pois o valor non se xera nas esferas financeiras, se non na
extracción de plusvalía na produción como base da explotación, por iso hoxe
obrígannos a traballar, a producir incluso o que non é esencial e producimos en
condicións de perigo, mentres, os excedentes non están ao servizo de todos,
nesta tesitura os traballadores, os desposuídos, os que non deciden sobre o que
fan nin o que producen, revélanse, revelámonos coas ferramentas que temos.
Durante moitos anos esa loita de clases foi gañando certo
terreo, implementado medidas e leis, que, aínda non solucionando o problema,
eran paliativos, pequenas ferramentas sostidas a base dunha loita cansa e
constante, esgotadora. Como dicía o Che: a liberdade e o seu sostén diario
teñen a cor de sangue e están henchidos de sufrimento. Facendo uso desas
medidas sostidas a base dunha verdadeira correlación de forzas, (sempre froito
da organización sindical e política da clase obreira, da loita de clases onde o
Partido Comunista sempre foi guía e vangarda do verdadeiro progreso
revolucionario da humanidade) loitouse desde o principio desta crise contra os
perigos e abusos nun momento en que as manifestacións e concentracións están
prohibidas. Pero de entre “esas ferramentas que temos”, como a Lei de
Prevención de Riscos Laborais, a mellor arma de loita, como vimos, é sempre
parar a produción e así se fixo en moitos talleres e fábricas de España e do
mundo. Froito deses dereitos adquiridos na loita, os paros eran legais, digo
eran porque agora xa non o son, excepto a folga, dereito que está no punto de
mira das patronais. Pensemos que a legalidade ou a ilegalidade non alteran a
consecuencia dun acto, pero si as consecuencias sobre quen ou quen o comete e
aí aparece a represión. Por tanto, a ministra de traballo e o goberno
“progresista” é represor da clase obreira e se aprendemos a ler a linguaxe
política, dinnos: acepten polas boas, que o noso sistema ten ao fascismo
preparado se non o fan. Apúntante coa pistola do fascismo se non lles dás a
bolsa da vida e do diñeiro, que a fin de contas, é a riqueza o obxectivo de
producir.
Unha desas ferramentas en forma de leis que desde o principio
foi utilizada foi a Lei de Prevención de Riscos Laborais, e unha ferramenta
para facela cumprir, unha autoridade laboral que é a Inspección de Traballo e
Seguridade Social. Pois ben, desvirtuaron a Lei e caparon a ferramenta. O Goberno é responsable
e o Ministerio de traballo máis. Claro, os xestores do inimigo de clase non se
deron conta a tempo, froito da improvisación, de que o uso desta Lei, en
concreto o artigo 21 e o apartado 1 do 14 podía entrar en contradición coas
medidas tomadas nos RD que se foron sucedendo: flexibilización dos ERTE con
vontade de non despedir nos seis meses despois da finalización do ERTE.
Vontade? Pois si, vontade para eles e fe para nós. Moi comunista todo!
Encarecer en 13 días o despedimento, que NON PROHIBILO, permiso retribuído
recuperable! En definitiva, conceptos novos para esa «nova normalidade», que
supoñen na práctica unha nova reforma laboral que non só non derroga os
aspectos máis lesivos da anterior, se non que os empeora. Dádesvos conta de que ao pleno do Congreso levaron ao
debate a cuestión dos despedimentos por baixa médica? Uns e outros, máis a
favor ou en contra, pero sempre ocultando que non se prohibe o despedimento, se
non, que se encarece, pero o importante é que levar ese debate ao pleno onde se
votaba o estado de alarma supón fabricarse unha coraza de escusas ante o pobo,
grazas ao papel que lle toca xogar á dereita, polo que señores aí teñen á
dereita, non podemos facer máis! Artimañas cutres, maldades. Deixemos atrás as
suposicións e imos aos feitos. O uso dunha medida para non só non derrogar a
reforma, se non profundala. Señores da aristocracia obreira que vos sentades
nos despachos e perdedes alí o que conquistamos na rúa e no traballo,
metéronvola, pero comémonola nós.
O Ministerio de Traballo, formula un escrito no que
desautoriza á IT a paralizar os traballos por risco grave e inminente, isto si
que constitúe un feito grave, e inminente debe ser a súa dimisión, aínda que se
non pertence ao mundo do traballo comprendo que non o faga, agora o que non
podo comprender é que non dimita vostede sequera do PCE, señora ministra, como
o señor Garzón que ante a especulación dos prezos de máscaras, alimentos e
xeles o Ministerio de Consumo non se sabe onde anda.
Pero analicemos como o fai a señora ministra de traballo.
Primeiramente, desvirtúa a lei, é dicir argumenta que as consecuencias
derivadas do coronavirus non son de aplicación na PRL posto que non proceden do
centro de traballo, senón de causas externas. É dicir, a ministra de traballo
usa a concepción idealista e metafísica para dilapidar a lei. Comprende que as
causas veñen de dentro e adaptamos a realidade a iso, cando en realidade é o
traballo o que se debe adaptar á realidade exterior, como así o demostra a
historia do desenvolvemento humano. Se non, señora ministra, por que non
quitamos a calefacción dos centros de traballo se o frío é un elemento exterior
que non nace do centro de traballo? Ou quite os tellados dos talleres a non ser
que negue a choiva e a calor do Sol como fenómenos naturais. A concepción
idealista e metafísica sempre foi a base filosófica das sociedades de clase
para perpetuar o seu poder e confundir ao pobo, do mesmo xeito que é usada
polas relixións para o mesmo labor. Todo ten unha base económica e aquí esa
base é impedir paralizar a produción, aínda que falten EPIs, aínda que falten
protocolos, aínda que os traballadores se infecten e enfermen ou morran. Para
iso fai interpretación parcial da Lei e esnaquiza a amplitude do concepto de
seguridade e saúde no traballo, recoñecendo só o intrínsicamente asociado ao
traballo que se realiza.
Como a realidade se impón, permite á IT recoller en informe
estas cuestións e trasladar á empresa un requirimento para que o cumpra,
redirixindo a responsabilidade ás autoridades sanitarias. Polo que na práctica
desautoriza á IT e os seus inspectores e inspectoras a paralizar un centro de
traballo por risco grave e inminente. O Ministerio de sanidade poderá falar coa
empresa, pero non hai autoridade laboral que teña efecto de paro dos traballos
aos traballadores, De novo gaña a empresa.
A ministra non pode negar que nas clínicas, residencias, hospitais,
servizos de atención, etc., o risco de infección é un feito propio do centro de
traballo, intrínseco, aí non caben
interpretacións falsas nin escusas, entón nunha decisión de absoluto
descaro, prohibe directamente a paralización dos traballos por risco grave e
inminente como recolle a Lei PRL. Vaia, que se carga a lei. Isto na práctica
implica que os traballadores sanitarios, eses aos que aplaudimos todos os días,
traballen sen EPIs e non se poidan rebelar contra a situación legalmente, están
atados de pés e mans. Isto sucede ante a incapacidade dun sistema de abastecer
dos recursos necesarios a pesar de existir as fábricas e a tecnoloxía. Pero
ademais en que situación quedan os centros privados, residencias e servizos de
atención? Sinxelo: como non poden parar, non hai protesta, se a hai poden ser
sancionados e detidos, desta forma ocúltase o problema e non se intervén pola
sanidade pública, abandonando á súa sorte aos traballadores sanitarios e aos
pacientes-residentes.
No medio de todo isto apélase ao heroísmo da clase, pero
úsase a categoría de heroe para xustificar a entrega das súas vidas ao capital,
nin máis nin menos. A clase obreira é heroica porque só o pobo salva ao pobo,
pero non permitiremos que os nosos heroes morran, porque non morren nin por
heroes nin como heroes, morren por ser obreiros e fano como escravos. Son os
nosos heroes, non os vosos.
Aínda por riba, no mesmo documento de apenas seis páxinas,
deixa claro que ante a ambigüidade dos seus decretos e para aclaralo, os ERTES
parciais SI están permitidos nos servizos esenciais.
Disto podemos sacar catro conclusións inmediatas: nin a
ministra de traballo é comunista nin hai comunistas no Goberno; o capitalismo
monopolista non admite a capacidade dunha xestión máis amable e demóstrase como
ineficaz e como cinto de forza para as necesidades da humanidade hoxe e mañá; o
desenvolvemento científico-técnico e do proletariado, así como a capacidade
produtiva e de xestión dos recursos permiten hoxe máis que nunca a implantación
e construción do socialismo-comunismo; como sociedade de clases, a revolución
do proletariado é a única forma capaz de conquistar o poder político e
construír o socialismo.
Xa abonda de falar de neoliberalismo e keynesianismo! Falemos
do que toca, de imperialismo e de revolución socialista.