Traballadores e traballadoras, pensionistas e xubilados, estudantes,
traballadores e traballadoras autónomas, a loita de clases non se detivo
durante a crise sanitaria e debemos estar preparados para novos ataques contra
os nosos dereitos e condicións de vida.
Neste 1º de Maio queremos saudar especialmente todos os sectores da nosa
clase que, durante estas semanas, estiveron en primeira liña da loita contra a
pandemia -nomeadamente o persoal sanitario, que tantos ataques sufriu nos
últimos anos- e todos aqueles que foron obrigados a manter a súa actividade
laboral sen cumprirse as condicións mínimas de seguridade e protección.
Igualmente queremos expresar as nosas condolencias a todas as familias
que perderon algún dos seus membros
durante esta grave crise sanitaria, así como expresar a nosa profunda
indignación pola particular situación vivida en centos de residencias
xeriátricas, a maioría privadas ou concertadas, onde faleceron miles de persoas
debido á falta de medios e equipamento.
Este 1º de Maio conmemórase nunhas condicións moi especiais debido ao confinamento
derivado da pandemia da Covid-19. Esta situación fixo que as habituais
manifestacións, concentracións e actos organizados para celebrar o Día
Internacional da Clase Obreira muden de formato, pero esta excepcionalidade non
supón ningún cambio na orientación de loita desta xornada e na necesidade de
colocar no debate público, que a clase obreira é a xeradora de toda a riqueza
social do noso país.
A terrible crise económica que puxo ao descuberto a pandemia é unha nova
mostra da bancarrota do capitalismo, en España e no mundo enteiro. Non hai
precedentes recentes dunha crise económica tan sumamente grave e profunda, e xa
estamos a ver como son postas en marcha as primeiras medidas destinadas a que
sexamos os traballadores e as traballadoras, as clases populares do noso país,
quen a volvamos pagar.
Até o momento, o Goberno de coalición socialdemócrata levou a cabo unha
xestión da crise sanitaria que deixa moi claro cales son os intereses que
defende prioritariamente: os intereses dos monopolios, dos grandes
capitalistas. Nada fai pensar que, na xestión da gravísima crise económica que
se desatou, as súas medidas vaian ser de natureza distinta.
A sociedade enteira foi testemuña de que, cando hai que elixir entre a
saúde e a vida dos traballadores e traballadoras ou o mantemento da produción
para beneficio da patronal, a elección dos partidos capitalistas sempre é a
favor dos capitalistas.
O Goberno socialdemócrata colocouse ao lado dos intereses patronais,
priorizando o mantemento da produción capitalista a pesar de non cumprirse as
condicións sanitarias e de seguridade recomendadas para outras esferas da vida
social. Cando a burguesía aperta, os gobernos capitalistas axeónllanse.
As primeiras medidas económicas e laborais adoptadas para xestionar as
consecuencias da crise sanitaria protexeron os intereses dos grandes
monopolios, asumindo o Estado unha grandísima parte dos seus custos e
convertendo boa parte da débeda empresarial en débeda pública.
Posteriormente, as medidas que pretendidamente tiñan un “carácter social”
demostráronse tremendamente limitadas e insuficientes. Pero, ademais, como recoñeceu
o propio Goberno, o seu obxectivo real é procurar que as familias traballadoras
poidan manter uns niveis mínimos de consumo que permitan dar saída á enorme
cantidade de mercadorías que se acumulan nos almacéns.

Ese, e non outro, é o obxectivo fundamental das medidas adoptadas até o
momento para, supostamente, axudar a que a maioría obreira e popular supere a
crise sanitaria. E así, e non doutra maneira, será como o Goberno de coalición
socialdemócrata pretenda superar a primeira fase da crise económica xeneralizada.
Esta situación non é nova, a socialdemocracia está a xogar o mesmo papel
que xa tentou na primeira fase da crise de 2008. Agora pretenden volver aplicar
as mesmas ferramentas que xa se demostraron erradas entón, xa que non conciben
ningunha medida de protección dos traballadores e traballadoras que non pase
pola salvación dos capitalistas.
No futuro inmediato imos asistir a un fortalecemento do papel do Estado na
economía, pero advertimos de que esta maior intervención estatal irá encamiñada
a salvar os intereses monopolistas. Imos ser testemuñas da nacionalización de
empresas en quebra ou en risco de quebra, imos escoitar propostas sobre
supostos plans de reindustrialización. O caso de Bankia demostra como entenden
as nacionalizacións os gobernos capitalistas: pásanse a mans públicas as
empresas para socializar as perdas e, unha vez saneadas, son obsequiadas ao
capital privado.
Que existan empresas públicas sometidas ás regras do mercado capitalista e
que compitan coas empresas privadas non soluciona os problemas do pobo. É
necesario formular, como primeiro paso, que os sectores estratéxicos da
economía non soamente estean exclusivamente en mans públicas, senón que ademais
estean baixo control dos traballadores e traballadoras e a súa actividade sexa
destinada á satisfacción das necesidades do pobo, sen estar suxeita aos
criterios de competencia capitalista.
Coas propostas de industrialización, se non atenden a unha planificación
integral destinada a cubrir as necesidades do pobo, acabaranse dando todas as
facilidades aos monopolios, flexibilizando as condicións laborais
principalmente, para que sigan a producir en función dos seus intereses
privados e non dos intereses colectivos.
Este Goberno, como todos os partidos capitalistas, non pode asumir que a
única clase esencial na sociedade é a clase obreira. Os traballadores e as
traballadoras, os explotados. Demostrouse xa na Historia que é posible unha
sociedade sen explotadores, pero xamais poderá sobrevivir unha sociedade sen
traballadores.
Coas súas propostas para soster o capitalismo, sexan estas máis agresivas
ou menos para a maioría obreira e popular, tanto as formacións da coalición de
goberno como o resto de partidos capitalistas unen o seu destino ao de quen se
enriquecen coa explotación do traballo alleo. Como xestores dos intereses dos
capitalistas, deben ser considerados inimigos dos intereses dos traballadores.
Non hai conciliación posible cando as contradicións da sociedade capitalista
son máis evidentes que nunca e cando os seus esforzos son destinados a garantir
que quen a superen sexan os que nos explotan cada día.
Eles lexislan para os donos das empresas, nós loitamos polos intereses dos
que xeran toda a riqueza social.
Varias das medidas adoptadas para abordar a crise sanitaria, presentadas
inicialmente como de carácter extraordinario, viñeron para quedar. Non só no
terreo económico e laboral, senón tamén no que afecta os dereitos e liberdades
públicas.
Nas próximas semanas e meses imos ver como moitos dos ERTEs aprobados neste
período se amplían durante meses ou indefinidamente. Veremos como moitos se
transforman en expedientes de extinción. Imos asistir a un proceso xeneralizado
de desmantelamento dos convenios colectivos, deixándoos sen eficacia. Imos
comprobar como se xeneraliza, máis aló do período de corentena, o teletraballo
e como se avanza con rapidez cara a unha cada vez maior individualización das
relacións laborais.
Goberno, oposición e patronal están de acordo en promover unha rápida
flexibilización das condicións de traballo en beneficio dos empresarios.
Apostan por un modelo que vai moito máis alá do actual pero que xa está
anunciado nas últimas reformas laborais, que este Goberno non quere tocar máis
que superficialmente.
A máxima flexibilidade interna nas empresas para beneficio patronal vén
presentándose desde hai anos baixo o enganoso nome, apadriñado polas
institucións da Unión Europea, de “flexiseguridade”. Até agora, estaba xa
presente a través das “bolsas de horas”, das xornadas irregulares, do recurso a
subcontratas e ETTs, das modificacións substanciais das condicións de traballo
e de toda outra serie de medidas introducidas nas reformas laborais das últimas
décadas.
Os sectores máis novos da nosa clase e do noso pobo sufrirán especialmente
esta crise, como xa ocorreu en 2008. Eles son hoxe quen máis directamente
coñecen o modelo de explotación que se quere xeneralizar: salarios de miseria,
precariedade laboral permanente, contratos parciais e a demanda, proliferación
de falsos autónomos e un longo etcétera.
Coa escusa da crise, os capitalistas aspiran a dar o paso cara á
xeneralización do traballo a demanda; o modelo que se coñeceu como a
“uberización” da economía, que vén acompañado dunha brutal campaña ideolóxica
destinada a rachar a conciencia de clase e o carácter colectivo das relacións
laborais, para o que é esencial a erosión do movemento sindical.
O papel das organizacións sindicais a diario nos centros de traballo é
insubstituíble. Os centos de miles de sindicalistas que loitan nas empresas do
país conforman a primeira liña na batalla que se está desenvolvendo, pero para
loitar con efectividade necesitan unha dirixencia que non se aliñe coas teses
socialdemócratas baixo o argumento do mal menor.
O modelo económico, social e laboral que se está a formular é o que
necesitan os monopolios para garantir a rendibilidade do capital. A diferenza
entre as propostas socialdemócratas e as liberais radica unicamente na rapidez
e brutalidade da adopción das medidas. Non podemos elixir entre asasinos polo
simple feito de que un nos diga que nos vai matar con menos dor.
A día de hoxe, os dereitos de reunión, manifestación e a liberdade de
expresión foron limitados de facto baixo o argumento da protección da poboación
fronte ao virus. Pero tamén se está a producir unha persecución de posturas
que, supostamente, xeran un “clima contrario á xestión de crise”.
O papel de partidos como o PP ou VOX e dos seus satélites está a ser clave
no proceso de liquidación da liberdade de expresión: as difamacións, calumnias
e mentiras fabricadas que estiveron difundindo desde que estalou a crise serven
como escusa para lexitimar ante as masas medidas que se van adoptando, que se
van manter no período que vén e que, sen dúbida, o PP e VOX utilizarán
amplamente no momento que cheguen ao Goberno.
As medidas de control social a través da tecnoloxía compleméntanse con
discursos cargados de referencias bélicas e apelacións á disciplina, ao
sacrificio e á unidade interclasista. Se o país se atopase en condicións de
enfrontamento militar, o clima sería moi similar, se non igual. O “inimigo”
hoxe é un virus, pero en condicións de brutal crise económica o inimigo de mañá
pode ser calquera outro país, calquera outra alianza de países cuxos monopolios
teñan interese nos mesmos recursos ou nos mesmos mercados que os monopolios
españois.
O Goberno, os partidos capitalistas e a patronal quérennos
disciplinadamente detrás dos intereses da burguesía española para o futuro que
vén. Quérennos defendendo os intereses dos empresarios en lugar de pelexando
polos nosos propios intereses.
A nosa resposta é un rotundo NON. A nosa resposta é que se pode e se debe
construír un país no que os intereses primordiais sexan os de quen producen a
riqueza social co seu traballo, e non os dos seus explotadores.
Por iso, neste 1º de Maio, dicimos abertamente que o PCTE quere construír
un país para a clase obreira.
Este novo país non se construirá só. Este novo país non vai nacer se non
hai unha loita organizada e crecente contra os capitalistas e os seus gobernos.
Este novo país non vai nacer se non hai millóns de traballadores e
traballadoras que queiran poñer fin á explotación e que, recoñecéndose como a
única clase esencial, queiran tomar as rendas do seu propio futuro.
As loitas que librará a clase no futuro inmediato serán determinantes. A
defensa dos dereitos obreiros e populares é un primeiro paso. Exemplos como a
folga convocada na Nissan e outras empresas ou as accións de protesta dos
“riders” durante as últimas semanas son boa proba de que a loita de clases non
se detivo. Pero a loita polos dereitos máis básicos da clase obreira nos
centros de traballo debe ir acompañada dunha proposta política superior,
encamiñada a ilustrar cal é o país que propoñemos os e as comunistas.
Por iso, hoxe, no inmediato, chamamos a afrontar o novo ciclo de loitas que
vén coas seguintes prioridades.
Estas medidas son necesarias para repeler os primeiros ataques dos capitalistas e os seus gobernos, pero é esencial formular un modelo económico e social que priorice os dereitos da maioría obreira e popular.
- Paralización da produción nos centros de traballo en que non se garanta a seguridade e a saúde do persoal.
- Nulidade de todos os despedimentos desde o 1 de marzo, con obriga de readmisión e pago dos salarios de tramitación.
- Prestación indefinida de desemprego a todos os demandantes de emprego pola contía máxima, dedicando a iso as partidas destinadas a financiar os custos empresariais por ERTE.
- Plan Urxente para garantir a saúde do pobo. Expropiación sen indemnización da sanidade privada, das residencias xeriátricas e de todos os centros de asistencia social.
- Plan de Desenvolvemento do sector público industrial que garanta as subministracións básicas en materia sanitaria e en materia enerxética.
- Ampliación de persoal en sanidade e solución inmediata da precariedade no sector. Garantías de protección da saúde do persoal sanitario.
- Expropiación de vivendas en mans de empresas e “grandes posuidores”.
- Oposición a toda medida laboral de flexibilidade interna nas empresas: nin ERTEs, nin EREs.
- Oposición á nova reforma laboral que se está a impor a través das medidas de excepción e derrogación inmediata das reformas laborais.
Estas medidas son necesarias para repeler os primeiros ataques dos capitalistas e os seus gobernos, pero é esencial formular un modelo económico e social que priorice os dereitos da maioría obreira e popular.
As medidas inmediatas que expón o PCTE deben integrarse nun proceso moito
maior, de loita pola sociedade socialista-comunista, na que o Estado xa non
sexa a ferramenta que garante a explotación da nosa clase, senón a ferramenta
da nosa clase para poñer fin á explotación.
Queremos construír un país no que os sectores estratéxicos da economía
estean socializados e baixo control obreiro, no que a economía planificada
mostre a súa superioridade fronte á anarquía da produción reinante en todo país
capitalista.
Un país no que a propiedade privada dos medios de produción concentrados
non supoña unha condena a perder a saúde ou a vida para os millóns de
traballadores e traballadoras que xeramos toda a riqueza social co noso
traballo.
Para conseguir este país, para construír o noso propio país, é necesario reforzar
as filas comunistas. É necesaria a máxima unidade da nosa clase e do noso pobo
fronte aos explotadores e os seus gobernos. É necesario superar toda forma de
división entre os traballadores e traballadoras que fomentan os capitalistas. É
necesario ser conscientes de que só nós somos esenciais e que a nosa unidade é
a garantía para vencer.
É a hora de organizarse de novo. É o momento de pisar as rúas novamente,
para facelas nosas, para que este país funcione para quen o fai funcionar.
Só nós somos esenciais.
Viva a loita da clase obreira!
Viva o 1º de Maio!
Buró Político do PCTE
27 de abril de 2020