Este ano cúmprese
o 150 aniversario do nacemento de Vladimir Ilich Lenin, o principal continuador
das ensinanzas revolucionarias de Marx e Engels co seu ilustrado pensamento
científico, o líder popular e ardente revolucionario, o fundador do Partido de
Novo Tipo e do primeiro estado socialista no mundo. O gran líder do
proletariado ruso que entregou toda a súa vida á loita pola liberación social
da clase obreira e todas as masas oprimidas.
O Partido de Novo
Tipo é o legado ideolóxico e político crucial de Lenin para a clase obreira de
todo o mundo. Lenin foi o primeiro en diagnosticar e formular a necesidade dun
partido revolucionario de novo tipo e coherente, equipado coa cosmovisión
marxista sen a cal é imposible preparar e levar a cabo a revolución. A
Historia, con Lenin á fronte, ensinounos que só o Partido de Novo Tipo, a
sección de vangarda da clase obreira e a súa forma superior de organización,
son capaces de organizar e guiar a loita da clase obreira para derrocar o
capitalismo e construír o socialismo. Coas teses que expresou en abril de 1917,
estableceu o obxectivo inmediato do poder obreiro, de forma que o Partido
Bolxevique puidese preparar e levar a cabo con éxito a Revolución Socialista en
Rusia.
Lenin desenvolveu
e concretou aínda máis as partes constituíntes do marxismo; é dicir, a
filosofía, a economía política e o comunismo científico.
Na súa
polifacética obra teórica e práctica, Lenin iluminou grandes e complexos
problemas teóricos da sociedade humana na era do imperialismo. Facendo uso das
súas propias conclusións, sinalou o camiño e as condicións para a loita
vitoriosa da clase obreira.
Os seus ensinos
sobre o imperialismo, a revolución socialista e a ditadura do proletariado, o
Partido dun novo tipo e os seus principios, a cuestión agraria e nacional,
entre outras, son de incalculable valor, mentres que tamén desenvolveu as bases
teóricas da construción da nova sociedade, é dicir, o socialismo. A súa obra é
de gran importancia teórica e práctica, ao estudar o desenvolvemento do
capitalismo no paso do século XIX ao século XX, ao atopar que pasara á súa
etapa última e superior de desenvolvemento, isto é, o imperialismo, onde todos
os seus contrastes se acentúan ao máximo. A importancia para a documentación
ideolóxica e política do desenvolvemento económico e político desigual que crea
a posibilidade de rachar a cadea do sistema imperialista internacional no seu
elo máis débil é verdadeiramente especial.
A súa obra
titulada “A Consigna dos Estados Unidos de Europa” é un valioso recurso
atemporal para a loita dos comunistas en Europa, na que se salienta que baixo o
réxime capitalista son ou ben imposibles ou ben reaccionarios. Esta conclusión
foi xustificada e confirmada na realidade ao refutar tanto ás forzas
oportunistas no tempo de Lenin así como aos apoloxistas da UE e das unións
interestatais do capital do noso tempo. Lenin era contrario a calquera
distorsión da teoría revolucionaria e consideraba a loita irrenunciable contra
o oportunismo como unha das condicións máis básicas para a vitoria da
revolución socialista.
A acción
internacionalista coherente dos bolxeviques baixo a guía de Lenin e froito diso
a fundación da Terceira Internacional Comunista son unha pedra angular do
movemento comunista internacional, destacando a tarefa de separar ás forzas
revolucionarias dos partidos oportunistas a nivel internacional e denunciando a
posición traizoeira da Segunda Internacional que, apoiando á burguesía dos seus
países, chamaron á clase obreira a ser conducida á morte polos intereses do
capital.
Hoxe, a obra
didáctica e atemporal de Lenin desenmascara a todos aqueles que tentan en balde
calumniala ou ocultala. É unha espiña no costado da barbarie capitalista, que
estamos a experimentar nestes días da pandemia coas tráxicas deficiencias no
sector sanitario e a feroz competición dos monopolios que cargan sobre os pobos
crises e guerras e os converten en refuxiados, salientando a necesidade do
socialismo máis que nunca.
É unha resposta e
unha guía para a acción contemporánea dos PPCC de todo o mundo e da loita da
clase obreira e os seus aliados en cada país.
A Iniciativa
Comunista Europea está inspirada e guiada pola obra de Lenin, está comprometida
coa continuación infatigable do mesmo carreiro, defendendo o seu legado para
acadar os nosos obxectivos revolucionarios.