Por Gerardo Barrios
Unha vez finalizado o enxendro do “permiso retribuído
recuperable”, que obrigará aos traballadores a facer as horas non realizadas
durante estas dúas semanas, hoxe luns volven ao traballo millóns de
traballadores asalariados. En sectores como o da construción ou a industria non
considerada como “esencial”, renovaranse as xornadas de traballo a pesar do
evidente risco que iso representa para a saúde dos traballadores.
A decisión tómaa o goberno do PSOE e Unidas Podemos sen
contar sequera co aval do seu comité de expertos e sen presentar un criterio
científico que a xustifique. É lóxico que así sexa, xa que a volta ao traballo
non está apoiada por un criterio sanitario claro e fundamentado, senón pola
lóxica capitalista, e nesta priman os beneficios da patronal por enriba da
saúde da clase obreira e do pobo.
Pouco importa ao goberno de coalición socialdemócrata o
evidente risco que supón a concorrencia masiva aos servizos de transporte
público, coa aglomeración de persoas en horas punta. Ante este máis que
evidente perigo de contaxio, co probable repunte no número de infectados, o
Goberno responde prometendo repartir máscaras (agora si, antes non) e
publicando unha “Guía de boas prácticas” que en nada obriga á patronal e que,
no concreto, resulta imposible de corroborar (cando non de aplicar) a súa
efectiva posta en práctica.
Novamente, as decisións que toma o executivo de Sánchez poñen
en evidencia o seu marcado carácter de clase, mostrando ante os ollos de
millóns de traballadores que, no capitalismo, os gobernos limítanse a ser
xuntas que administran os negocios, e xa que logo os intereses, da burguesía.