18.000 euros por día. Foi o “salario” de Carlos Tavarés, o patrón
de Citroën. A recompensa concedida en 2018 polos accionistas de PSA ao seu
xestor, en premio polo aumento constante dos beneficios do grupo nos últimos 4
anos. Só no 2018, 2.830 millóns de beneficio neto.
A cambio, os propietarios do grupo PSA recibiron un dividendo por acción de
0,48 € no 2017, 0,53 € no 2018 e 0,78 € para o 2019. Ou sexa, un aumento de
máis do 62% en tres anos para remunerar os accionistas.
De onde saen eses astronómicos beneficios?
Pois naturalmente, do sacrificio de milleiros de obreiros e obreiras das
empresas principais como Citroën e máis das ducias de empresas auxiliares, ETT,
empresas multiservizos e Centros Especiais de Emprego.
Os traballadores da automoción viron, nos últimos anos, os seus salarios
reducirse drasticamente, os ritmos de traballo aumentar ata a extenuación, as
xornadas alongarse e os horarios flexibilizarse de tal xeito que organizar a
súa vida familiar é un soño imposible.
Os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego sucédense nas empresas do
sector, á vez que se multiplican as horas extraordinarias e as
subcontratacións. Unha xestión empresarial dos horarios de traballo que parece
caótica, pero que en realidade ten unha finalidade racional: forzar a clase
obreira a aceptar a desregulación dos horarios como norma, a flexibilidade
total das plantillas, para asegurar o máximo rendemento do capital. Empresas
sen stocks, traballo sen “tempos mortos”, obreiros espremidos coma laranxas que
logo se tiran ao lixo.
O sector do automóbil vive un acelerado proceso de concentración de
capital, de fusións e compras dunhas empresas por outras, que lle permite aos
grandes monopolios reducir as plantillas e poñer a “competir” á baixa unhas
factorías con outras, unhas auxiliares con outras. Auxiliares que, con
frecuencia, son simples filiais das empresas principais. En realidade esa
“competencia” oculta unha crecente interpenetración de capitais, plataformas
tecnolóxicas comúns e un obxectivo único: sacar aínda máis diñeiro do traballo
da clase obreira. Son os mesmos cans con distintos colares: os accionistas
dunhas e doutras empresas son a mesma clase de explotadores.
O capital ten claros os seus obxectivos e está unido. E usa as separacións
existentes entre os traballadores das distintas empresas, as divisións dentro
das plantillas e as desiguais condicións laborais e salariais nas propias liñas
de produción, para impoñernos máis recortes, máis precariedade, máis
explotación e menos salario.
As sucesivas reformas laborais ditadas polos gobernos capitalistas
debilitaron a capacidade de resposta da clase obreira. A fragmentación do
convenio de sector en distintos convenios colectivos de empresa favorece e dá
forza a unha patronal unida como un puño.
Debemos reaccionar. É necesario construír a máxima unidade da clase obreira
como obxectivo estratéxico para poder recuperar dereitos e gañar novas conquistas
e melloras.
Chamamos ao conxunto dos traballadores e traballadoras da automoción a
procurar a máxima unidade na acción e na mobilización para lograr mellorar os
convenios colectivos que se negocian neste período e impedir novos recortes.
Chamamos a reforzar masivamente os sindicatos de clase, e a combater a
fragmentación das condicións de traballo.
Chamamos á solidariedade do pobo traballador da comarca para arroupar as
loitas dos traballadores da automoción contra a explotación e a precariedade e
por mellores convenios colectivos.
Chamámoste a reforzar as filas do Partido Comunista e construír o partido
da clase obreira en cada centro de traballo, para loitarmos por un país para a
clase obreira.
PARTIDO COMUNISTA DOS TRABALLADORES DA GALIZA
- PCTG