O voto útil é un enganabobos


| Raúl Martínez

Levamos meses mergullados nunha campaña electoral constante baseada nunha soa premisa: o voto útil. Os partidos capitalistas, tanto de esquerda como de dereita, trátannos coma se fósemos bobos, pedíndonos que o noso voto sexa útil. Pero útil, para quen? Esa é a cuestión.

O PSOE é o responsable da reconversión industrial, da legalización das ETT, das varias reformas laborais que estenderon a precariedade e abarataron o despedimento, da reforma do artigo 135 da Constitución para supeditar a riqueza do país aos intereses empresariais, do ingreso de España na OTAN, da implicación do país en guerras criminais, etc. Cada cal pode engadir o que considere… É útil o voto ao PSOE para os traballadores? Non, é realmente complicado volver ao lobo vexetariano, por moito que se tente. E levamos corenta anos coa mesma cantilena.

Podemos, ou como queira que se chamen agora, tamén apela ao voto útil. Piden que lles votemos para que o PSOE non goberne con Ciudadanos, para que haxa un “goberno de esquerdas”. Ou sexa, en resumidas contas: piden o noso voto para que goberne o PSOE, se é posible, con eles. Niso quedou “a esquerda”? Pois si, unha esquerda cada día máis domesticada que se conforma con rogarlle a papá PSOE un oco no goberno capitalista de quenda.

En realidade  ese voto, tanto a uns como a outros, si que é útil. É útil ao capitalismo e é útil aos capitalistas, que se retorcen de risa vendo o programa de máximos da coalición neosocialdemócrata. E basta con axitar o espantallo da extrema dereita para que ese programa se converta no mínimo do mínimo, nunha xestión moderada do capitalismo, sen molestar no máis mínimo a quen ten o poder e a riqueza que producimos nas súas mans.

Tómannos por parvos, así de claro. E nas Eleccións Europeas verase con toda claridade. O europeísmo entusiasta do PSOE co europeísmo crítico de Podemos, será entusiasta ou crítico, pero é europeísmo. Claro, europeísmo no sentido de defensa da Unión Europea e os seus monopolios, esa que dita os recortes e a eliminación dos nosos dereitos que os enganabobos logo nos aplicarán aquí empregando a esa Unión Europea, precisamente, como desculpa.

A socialdemocracia, nas súas diferentes variables, ten a función esencial de integrar a clase obreira no capitalismo, de supeditala ao poder dos empresarios. Nos sistemas democrático-burgueses a teoría do voto útil mostrouse sempre eficaz. Por tanto  é necesario un esforzo ideolóxico e político para desenmascarar diante da clase obreira este tipo de manobras e, con elas, á propia socialdemocracia.
Nin o PSOE nin Podemos representan os intereses dos traballadores e traballadoras de España, e pronto se encargarán de demostralo. Non debe haber tregua na loita pola nosa independencia política, organizativa e ideolóxica.

Fonte: Nuevo Rumbo
Traducido por Revista FORXA