Eleccións e mobilización obreira

| Severino Menéndez |
Antes da moción de censura que levou ao goberno ao PSOE, as mobilizacións pola defensa, reposición e conquista de dereitos que levaron a cabo centos de miles de traballadoras e traballadores antes da caída do goberno de Mariano Rajoy, mostraban a forza coa que se podía contar de cara á formación dun novo goberno se este pretendía gobernar na dirección dos intereses lexítimos da clase obreira e os sectores populares.

Nada impedía ao novo goberno da vella socialdemocracia (PSOE), en alianza coa nova socialdemocracia (UNIDAS-PODEMOS), apoiarse na forza da rúa para construír políticas que fixesen avanzar os nosos dereitos tras décadas de recortes e retrocesos nos mesmos.

Contábase tamén, se ese quixera ser o camiño, coa forza duns sindicatos que retomaban a senda mobilizadora até o punto de palparse no aire como ía callando a convocatoria dunha nova Folga Xeral.

Foi nese momento (sen que xerase sorpresa para os comunistas que levamos clarificando que significa a opción política do PSOE e os seus aliados) cando empezan a producirse anuncios máis ou menos grandilocuentes sobre as medidas que con carácter social se ían ir producindo no futuro próximo. O Goberno prometía e anunciaba, nun intento de gañarse ás capas populares, grandes avances sociais. Os puntos fortes sobre pensións, reforma laboral e outros quedaron en só anuncios que de novo volven axitar como programa de cara ao próximo proceso electoral. Nada realmente substancial e consolidado obtivemos os traballadores e traballadoras co novo goberno. En cambio, a burguesía si conseguiu, con esta nova edición do bipartidismo, frear un proceso de mobilizacións que auguraban a consecución de novas conquistas.

O movemento sindical de clase equivocouse, virando toda a súa estratexia cara ás loitas parciais, nun intento de darlle unha marxe ao novo goberno. Quizais pensando na boa vontade do mesmo ou por compartir un modelo de sociedade que non é o que obxectivamente nos interesa á clase obreira. E esa decisión do movemento sindical empuxou cara a falsas esperanzas no parlamentarismo a unha clase obreira cada vez máis farta das sucesivas traizóns de quen toma o goberno apelando á esquerda e logo xestionándoo a maior gloria do capital.

É por iso que o movemento sindical de clase debe deixar de expor a súa axenda, e de modulala, ao compás dos intereses electorais de determinadas forzas políticas. Debe saírse da chantaxe que o pretende culpar da posible chegada da dereita, máis ou menos extrema, ao goberno. Pois esa responsabilidade é exclusiva dunhas formacións políticas mornas e timoratas, cando non traidoras, que permanentemente defraudan as expectativas que, inxenuamente, as capas populares depositan neles e na vía parlamentaria.

Son xa anos nos que as contradicións propias do sistema capitalista imprimen ao sistema político español un determinado desenvolvemento como é a imposibilidade de xerar gobernos institucionalmente estables froito do período entre crise que vivimos. Un período caracterizado, por unha banda, por unha guerra aberta e sen cuartel da gran burguesía española contra a mediana e pequena burguesía e as implicacións territoriais que isto xera, e doutra banda a guerra que todas elas desataron contra a clase obreira no seu afán de aumentar a taxa de explotación.

A crise institucional que atravesa o sistema político español débese a múltiples factores que os comunistas fomos analizando ao longo deste período. Pero lonxe de caer no academicismo, o realmente importante é que debemos converter esa crise nunha oportunidade para facer avanzar as posicións de clase no camiño da construción dun país para a clase obreira.

Por iso, nun ano de intensa actividade política e electoral como o actual temos que aplicar toda a nosa enerxía en converter a batalla electoral nun altofalante para a dinamización, intensificación e converxencia das loitas obreiras. Na clarificación do feito de que só a forza organizada da clase obreira pode conseguir o avance das súas posicións e garantía dos seus dereitos. E en clarificar que a verdadeira forza está na mobilización e a organización, aínda que o voto importa se se expresa na opción da única formación política que, fortalecéndose, fortalece os nosos intereses como clase: o Partido Comunista.


Fonte: Nuevo Rumbo
Traducida pola Revista FORXA