É unha unión de
capitalistas para defender exclusivamente os seus intereses económicos
En declaracións á
prensa, o número 5 da candidatura do PCTE para as Eleccións Europeas do 26 de
maio, Albert Camarasa, comentou que “a pesar da continua propaganda sobre as
súas virtudes democráticas, a Unión Europea é un dos espazos políticos menos
democráticos do mundo”.
Esta afirmación
tan contundente parte do feito de que “o Parlamento Europeo non é un órgano
lexislativo ao uso, senón que é a Comisión Europea, elixida polos Gobernos, o
verdadeiro órgano de poder, e ante quen responde é ante os Gobernos dos países
membros”.
Camarasa ofreceu
outro dato para apoiar a súa formulación: “a xente ten que saber que, tanto no
Parlamento Europeo como noutras institucións da UE, actúan máis de 20.000
lobistas, é dicir, 20.000 representantes de grandes empresas que presionan en
todos os sentidos para conseguir que as normas europeas sexan favorábeis aos
seus intereses”. E engade que “estes lobistas teñen orzamentos millonarios, o
seu obxectivo é gañarse as vontades de altos políticos e funcionarios da UE, e
así logran que ningunha decisión importante se tome sen contar con eles”.
Ademais, sinala
que “outra cousa que a xente non sabe é que o lobby con máis poder na UE é a
chamada Mesa Redonda Europea de Empresarios Industriais, integrada polas 55
maiores empresas dos países membro da UE, entre elas Telefónica, Iberdrola,
Inditex ou Ferrovial”.
Así, o candidato
comunista pregúntase “se os intereses de Telefónica ou de Inditex son os que
ditan as normas, de verdade alguén se atreve a dicir que a UE é democrática?”.
Indica Camarasa
que “a UE é, ante todo, unha unión de capitalistas que defenden o seu mercado e
os seus beneficios, e a posibilidade de reformala a favor dos traballadores e
os pobos non existe”.
Por tanto,
conclúe, é necesario romper con ela de forma unilateral. “Pero isto non ten
nada que ver co Brexit”, aclara, “que tan só beneficia a unha parte dos
capitalistas británicos, senón que a loita contra a UE debe ir unida á loita
por un país para a clase obreira, no que a clase obreira estea no poder, porque
para garantir os dereitos dos traballadores débese loitar contra todos os
capitalistas”.
Fonte: PCTE, 18 de maio
Traducido pola Revista FORXA