A UE fomenta que os servizos públicos se sometan ao capital privado


Ilu Ordóñez é candidato ao Parlamento Europeo polo Partido Comunista dos Traballadores de España (PCTE). En declaracións á prensa indicou que “os servizos públicos están en serio perigo mentres o noso país permaneza na UE e mentres o Estado español siga pola actual senda capitalista de desenvolvemento”.

Segundo a candidata “isto débese a que tanto a Unión Europea como os Gobernos dos Estados membro levan anos fomentando a entrada do capital privado en sectores como a sanidade, a educación ou os servizos sociais, o que carrexa graves problemas tanto para os usuarios como para os traballadores e traballadoras”.

Menciona que, no caso español “hai anos que vén comprobando como hai Comunidades Autónomas que están a implantar sistemas de xestión totalmente privados en centros educativos ou sanitarios públicos, como Catalunya e Madrid, e ese modelo é o que se quere xeneralizar”, mentres que nos servizos sociais “lamentablemente xa hai moitos anos que o Estado preferiu ceder a xestión a asociacións e fundacións nas que, para empezar, o respecto aos dereitos laborais é, canto menos, dubidoso, se non se abusa da figura do “voluntario”, claro”.

Indica Ordóñez que, “o empeoramento nas condicións laborais vai emparellado ao empeoramento na calidade dos servizos; por tanto, privatizar sempre é sinónimo de peores servizos, xa que onde impera a lóxica do beneficio económico non hai preocupación polos usuarios, que ademais adoitan ser sempre os sectores con rendas máis baixas”.

Apunta tamén a candidata que “a UE fala de “lograr obxectivos de servizo público nos mercados abertos e competitivos; ben, iso que significa? Pois nin máis nin menos que o sometemento da prestación de servizos públicos ás necesidades e criterios do mercado capitalista”. Para Ordóñez “isto é unha barbaridade que xa sabemos a onde leva: o que non dá diñeiro péchase ou se traslada, sen importar a cantas persoas afecte ese peche ou traslado”.

En materia de pensións, Ordóñez aproveitou para lembrar que “a UE está a fomentar tamén os plans de pensións privados. Recentemente, o Parlamento Europeo aprobou o que se chama o “produto paneuropeo de pensións individuais”, que non é outra cousa que unha medida para fomentar o investimento en mercados de capitais a través de plans de pensións que se poden “mover” duns países a outros da Unión. Outra medida boa para a banca e mala para os traballadores, típica da UE”.

Conclúe indicando que “outro cabalo de batalla son os copagos sanitarios, porque hai moitas voces que xa están a pedir que se amplíen como noutros países europeos, e esa cantilena xa a coñecemos: os capitalistas españois miran sempre como importar a España as medidas máis lesivas que se aplicaron contra os traballadores doutros países, nunca se preocupan dos nosos dereitos”.

Fonte: PCTE, 19 de maio
Traducido pola Revista FORXA