O Comité
Nacional dos Colectivos da Mocidade Comunista (CMC) e dos Comunistas da
Galiza-PCPE queremos transmitir ás vítimas da traxedia vivida onte en Vigo nos
concertos do Marisquiño e ás súas
familias e amigos, a nosa solidariedade e desexos de pronta recuperación.
Na noite de
onte, domingo 12 de agosto, centos de persoas, mozos e mozas de familias traballadoras
na súa inmensa maioría, foron vítimas da irresponsabilidade criminal dos
diversos gobernos que construíron, xestionaron, e “conservaron” unhas
instalacións cuxas deficiencias viñan sendo denunciadas desde hai anos.
A lóxica do Capital
impón que as obras se realicen por empresas privadas cuxos lucros aumentan
cando se aforra na calidade e seguridade das obras, como ben saben os obreiros
da construción, vítimas de tantos “accidentes” no traballo.
A lóxica do Capital
impón que os gobernos que serven os intereses da gran burguesía (e non os da
“cidadanía”, como gustan de chamarlle ao pobo traballador) recorten os gastos
de mantemento ou de reparación de infraestruturas, porque o diñeiro ten que ir
alimentar o pago da débeda bancaria ou os orzamentos da OTAN.

E agora que? O
PP dirá que a culpa é do Concello de Vigo que tiña a cargo o mantemento do
paseo marítimo e foi quen organizou o Marisquiño
sabendo que todo estaba podre. O PSOE dirá que a culpa é de Portos de Vigo que
construíu a obra e daba os permisos para celebrar o festival coñecendo os
perigos das instalacións. 316 vítimas, algunhas delas graves, pero ningún
responsábel?
Os Colectivos
da Mocidade Comunista e Comunistas da Galiza-PCPE, ademais de reiterar a
solidariedade coas vítimas e os seus familiares, esiximos a depuración das responsabilidades
das distintas administracións e empresas implicadas na traxedia de onte.
Esiximos xustiza.
Colectivos da Mocidade Comunista (CMC)
Comunistas da Galiza-PCPE