Ofrecemos a continuación esta entrevista con Severino Menéndez, Secretario
de Movemento Obreiro e Sindical do CC do PCPE, publicada por Novo Rumbo o pasado mes de abril, en
vésperas do 1º de Maio. Malia ter pasado xa esta mobilización, consideramos que
o texto ten un enorme interese e plena actualidade. Sitúa con grande claridade unhas
orientacións fundamentais para o traballo da militancia comunista no movemento
obreiro e sindical na presente conxuntura marcada polo auxe de loitas obreiras
e populares, mais tamén pola intensificación do perigo de guerra e polos retrocesos
nas liberdades “democráticas”. Sen dúbida, a aplicación das orientacións
sinaladas nesta entrevista suporá un avance decisivo na construción do Partido
necesario para edificar un país para a clase obreira.
“Só a resposta dunha demostración de unidade e forza na loita, que representa a Folga Xeral, será capaz de situarnos en condicións de vitorias concretas”
Ante a proximidade do 1º Maio, Novo Rumbo entrevistou a Severino
Menéndez, secretario de Movemento Obreiro e Sindical do Comité Central do PCPE,
con quen abordamos as principais liñas de traballo do PCPE na materia e as
claves dende as que aborda o actual período de loitas obreiras.
Novo Rumbo: Parece que estamos a
vivir uns tempos de moita mobilización obreira e popular: folgas, mobilizacións
de pensionistas, o 8 de Marzo. Como valoras esta situación?
Severino Menéndez: Marzo e abril
foron dous meses de importantes mobilizacións, con manifestacións
multitudinarias en defensa do dereito a unhas pensións dignas, e onde a
histórica xornada do Día da Muller Traballadora logrou levantar un clamor pola
igualdade e a liberación da muller que abre unha inmensa oportunidade para superar
xa definitivamente o testemuñalismo en que se convertera o 8 de marzo e elevalo
a un punto no ano que sexa o froito da loita diaria dos homes e mulleres da
clase obreira que nos queremos libres e iguais.
Meses de loita, dicía, que
entendemos abren un período de resposta da clase obreira e os sectores
populares ante tantas agresións, como recentemente sinalaba unha resolución do
noso Buró Político. Un ciclo de esperanza que precisa dun traballo a conciencia
para construír e manter unha resposta unitaria e firme. Un ciclo que, á par das
posibilidades de vitorias tras as bandeiras reivindicativas da recuperación e
conquista de novos dereitos, debe servir tamén para crear as condicións e
sentar as bases dun potente movemento obreiro organizado e á ofensiva.
NR: Pero toda mobilización está
exposta a perigos, verdade?
SM: En primeiro lugar creo que
debemos resaltar que, tras o tipo de mobilizacións de carácter interclasista
que supuxo o movemento do 15M, que no seu transfondo mantiñan posicións
antisindicais e antipartidos, confiándoo todo a que co simple feito de expresar
a indignación sería suficiente para cambiar o panorama, hoxe situámonos ante
mobilizacións de carácter netamente de clase. Estas mobilizacións son por tanto
un avance con respecto á inconsistencia daquelas mobilizacións ás que tanto
podía asistir o explotador como o explotado. Parece que a clase obreira volve
ocupar o lugar que lle corresponde na parte central do escenario político e
coas súas propias reivindicacións. Naquel momento o noso Partido expresou con
total claridade os riscos daquel tipo de mobilización.
Hoxe, tras terse configurado un
tipo de mobilización e reivindicacións netamente de clase, os riscos son
outros. Por unha banda, que se poida romper a unidade na loita co que iso
suporía de perda de forza, e por outro a manipulación por parte daqueles que
pretenden que o confiemos todo á fronte electoral e ven estas mobilizacións
como unha oportunidade para facer a súa propia campaña.
NR: Na resolución do Buró Político
que mencionabas antes propóñense uns obxectivos para o 1º de Maio. Cres que
este 1º de Maio haberá unha ampla mobilización?
SM: Haberaa, e sobre todo
necesitámola, ampla e masiva como as mobilizacións das que antes falamos. Un 1º
de Maio que encha as rúas e que desterre ideas falsas das mentes dos
traballadores e traballadoras sobre a inevitabilidade das medidas antiobreiras
ou da imposibilidade de conquistar dereitos mediante a loita.
Necesítase un 1º de Maio que
visualice que a loita é a única forma de conquistar e manter os nosos dereitos,
e sobre todo necesítase un 1º de maio que sexa un clamor onde conflúan as
reivindicacións máis sentidas pola nosa clase xunto ás loitas obreiras das
empresas onde hoxe estase combatendo contra os ERE, contra os abusos da
patronal, pola mellora do convenio, etc.
Unhas reivindicacións básicas que
nós situamos con claridade en:
- Derrogación inmediata das
reformas laborais e da reforma das pensións.
- Fin de toda discriminación
laboral e da fenda salarial: a igual traballo igual salario.
- Subida das pensións nos
mesmos termos que soben os salarios de policías e gardas civís
- Eliminación dos contratos en
prácticas e formativos, así como do Plan de Garantía Xuvenil.
Un 1º de Maio onde a clase
obreira do noso país volvamos falar de Folga Xeral e onde os sindicatos
recollan esa luva, incrementando a mobilización para preparala con garantías de
éxito e de continuidade na loita sostida até conseguir reverter os retrocesos
en dereitos de tanta reforma e contrarreforma laboral, das pensións, da
sanidade, a educación, etc., o que sería un punto de inflexión na dinámica da
loita de clases no noso país e abriría un novo ciclo.
SM: Sen dúbida a convocatoria e
organización dunha Folga Xeral ao redor dunhas reivindicacións claras é, atreveríame
a dicir, imprescindíbel.
Cada día que pasa o Goberno
mantense na cerrazón absoluta a calquera tipo de cesión ás xustas esixencias da
clase obreira e os sectores populares. Só a resposta dunha demostración de
unidade e forza na loita, que representa a Folga Xeral, será capaz de situarnos
en condicións de vitorias concretas para hoxe, pero tamén para o día de mañá
onde, con outros gobernos de supostas latitudes ideolóxicas distintas ao actual,
se pretenda seguir gobernando ao ditado dos intereses dos monopolios e o gran
capital.
NR: Como valoras o actual
panorama sindical en España?
SM: Existe un movemento sindical
de clase bastante fracturado no organizativo, cunhas organizacións sindicais
maioritarias, CC.OO. e UXT, con presenza en todo o Estado e outras de carácter
nacionalista como CIG, ELA ou LAB, que coexisten con outras organizacións que, malia
a súa menor implantación, posúen forzas organizadas en importantes empresas e
sectores da produción. Para nós o desexábel sería a existencia dunha única
Confederación Sindical, pero somos conscientes de que a actual situación é
froito do propio desenvolvemento histórico do movemento sindical no noso país e
de que existen hoxe bases obxectivas para que ese modelo plurisindical siga
existindo.
Por outra banda, o que si nos
xera preocupación é como esa pluralidade de organizacións sindicais conviven no
interior das empresas e sectores produtivos.
Nós temos a nosa propia visión,
como dicía antes, pero entendemos e respectamos as discrepancias existentes que
configuraron un movemento sindical de clase con tantas expresións
organizativas. Son discrepancias variadas, ás veces sobre a táctica e outras
sobre a estratexia ou sobre o alcance que ha de ter a propia acción sindical. A
iso debemos sumar ademais as realidades políticas que xorden dos feitos
nacionais e que teñen a súa translación directa ao movemento sindical.
Dito isto, o que si consideramos
é que é un feito incontestábel que, naquelas empresas e centros de traballo
onde existe unha colaboración e coordinación leal e sincera entre as seccións
sindicais, nos comités de empresa e xuntas de persoal, antepondo os intereses
do conxunto dos traballadores e traballadoras, é onde con maior frecuencia se
conseguen vitorias. Onde a unidade de acción sindical non é a tónica, as
consecuencias son outras.
É por iso que desde o PCPE
mostramos sempre a nosa colaboración e pomos todo o noso empeño para que o
conxunto do movemento sindical de clase levante a máis ampla unidade de acción
a todos os niveis, dende o respecto á independencia orgánica de cada sindicato.
E é no marco dese espírito no que nos diriximos a finais de marzo ao conxunto
de sindicatos de clase coa “Carta ao movemento sindical: ‘Por un 1º de maio
unitario’” que se pode ler na nosa páxina web.
NR: Cal é a orientación do PCPE
no traballo sindical?
SM: O noso Partido traballa dende
o interior dos sindicatos de clase para fortalecer un movemento sindical de
clase, unitario e sociopolítico. Que beba directamente das fontes do mellor
sindicalismo reivindicativo que, en máis dunha ocasión, obrigou a dobrar o
xeonllo ao fascismo en España, arrincándolle conquistas como a da negociación
colectiva.
Un movemento sindical independente
do poder político burgués e afastado de conceptos alleos aos intereses da clase
obreira como son o de Pacto Social, Competitividade, produtividade ou paz
social.
Un movemento sindical de
confrontación aberta e sen concesións, e que estea disposto a organizar o novo
ciclo de loitas obreiras dende un compromiso para derrotar a política
reaccionaria e para recuperar os dereitos perdidos.
NR: Pódesnos comentar en que
consiste ese “xiro obreiro” do que vides falando nos vosos documentos?
SM: A nosa consigna principal
nestes momentos é “Por un país para a clase obreira”, o que significa
que todos os nosos esforzos se dirixen a preparar as condicións para o asalto
ao poder, para implantar en España a ditadura do proletariado, o que implica o
derrocamento e a destrución do Estado burgués.

O xiro obreiro ten unha dimensión
estratéxica, na medida en que partimos de que a clase obreira é a única clase
autenticamente revolucionaria. A dimensión táctica do xiro obreiro parte do
recoñecemento da influencia aínda limitada do Partido no seo da clase obreira.
O xiro obreiro implica un
traballo metódico no plano ideolóxico, para estender entre a clase obreira as
posicións do socialismo científico fronte á actual hexemonía ideolóxica da
burguesía. Tamén no plano político, para desvelar o carácter de clase de cada
medida gobernamental e das diferentes propostas do resto de forzas políticas,
elaborando as posicións políticas do Partido desde o punto de vista dos
intereses da clase obreira. E no plano organizativo, para que o Partido estea
presente nos centros de traballo e nos sectores produtivos determinantes,
facendo das células de centro de traballo organizacións de combate da clase obreira
revolucionaria.
Por tanto, o xiro obreiro
consiste en loitar pola independencia ideolóxica, política e organizativa da
clase obreira, para o que tamén é fundamental que a militancia comunista estea
envorcada na intervención no movemento sindical, organizando a loita da clase
obreira en defensa das súas condicións laborais e elevando a loita económica a
loita política, elevando a loita de clases espontánea a loita de clases
consciente.
NR: No terreo práctico inmediato,
a organización do Partido nos centros de traballo é unha tarefa difícil, como
pensades levala a cabo?
SM: Sen dúbida non é unha tarefa
sinxela e non existe unha fórmula precisa, pero partimos en primeiro lugar da
análise ideolóxica, da nosa razón de ser como comunistas e das necesidades
organizativas que iso require. Por tanto, a primeira medida xa se levou a cabo
cando o X Congreso aprobou o “xiro obreiro” e cando, pouco despois, o XI
Congreso (Extraordinario) decidiu acabar para sempre coa retórica das análises
do papel que o aguanta todo e pasar a pór no centro do noso accionar político a
creación e consolidación de estruturas celulares do Partido nos centros de
traballo.
Neste momento a prioridade do
Partido é, á vez que seguimos na loita diaria, converter esa loita en
acumulación de forzas da clase obreira que teña a súa expresión práctica e
duradeira no reforzamento do Partido Comunista nos lugares de onde xorde a
explotación capitalista. Os diferentes Comités territoriais e todas as células
do Partido, tras a análise dos sectores e empresas definidas como estratéxicos
nesta primeira etapa, traballan para facer realidade unha estrutura que se
sustente principalmente nos centros de traballo.
Será necesario para iso despregar
todas as nosas capacidades e pór a disposición do obxectivo todos os recursos
cos que contamos, porque non estamos a falar dunha mera campaña puntual no
tempo, senón de cambiar o paradigma organizativo dunha estrutura que até agora
se asentaba fundamentalmente sobre o territorio e que agora pretende pór a
énfase no desenvolvemento do Partido sobre a base das células de empresa.
Todo iso require da militancia do
Partido asumir a concreción dunha intensa acción de contacto con milleiros de
traballadoras e traballadores que reúnen as condicións para ser membros do PCPE,
explicándolles que a súa adhesión ás filas partidarias é esencial para o seu
reforzamento e, con el, para o incremento da forza da clase obreira.
Unha acción intensa de toda a
militancia, asentada en plans de traballo concretados sobre o terreo, reforzando
as capacidades de dirección nas organizacións partidarias e promocionando
cadros e designándoos aos labores concretos de acompañamento na creación de
células de empresa. Todo iso, á vez que se incorpora a toda a militancia
organizada nas empresas á vida partidaria.
NR: Pero por que organizarse nas
empresas e non nos barrios?
SM: A organización política en
base ao lugar de residencia dos militantes non se menoscaba coa nosa forte
aposta por multiplicar a nosa presenza nos centros de traballo. Son ámbitos
complementarios da organización de tipo leninista, pero o esencial é estar
presentes nas empresas.
A patronal conseguiu no seu día,
grazas á represión, pero fundamentalmente grazas á loita ideolóxica, que as
organizacións políticas da esquerda fosen retrocedendo até practicamente
desaparecer do interior das empresas. Desde entón parecía que a única expresión
política que debese ter a clase obreira debía ser a do lugar de residencia,
circunscribindo a loita política ás estreitas marxes do electoralismo municipal,
autonómico ou estatal. Deixábase en exclusiva ao sindicalismo a articulación
dentro das empresas. E digo que foi unha dura loita ideolóxica que nos gañaron
porque esa exclusividade da loita sindical, con ser imprescindíbel e
insubstituíbel non pode converterse na única razón de forza da clase obreira
nas empresas.
Nós consideramos que o poder obreiro
só é verdadeiro poder se se asenta nas raíces mesmas da produción. Nós, que
todo o producimos, non decidimos nin como, nin cando, nin canto, nin onde, nin
con quen, nin que repartición se fai, xa non só da produción, senón da riqueza
que se xera co noso traballo e que nos é expropiada día a día en forma de
plusvalía polos propietarios dos medios de produción.
E é que as reivindicacións
globais da clase obreira non son en exclusiva as reivindicacións de salarios e
condicións de traballo que realizan os sindicatos e que, volvo repetir, son
insubstituíbeis. Pero para todas esas reivindicacións que se saen do ámbito simplemente
económico, e tamén para consolidar as reivindicacións económicas e elevar o
nivel da loita cara a obxectivos superiores, é igual de insubstituíbel a
presenza do Partido Comunista dentro das empresas.
Debemos ter en conta que hoxe en
día, igual que sempre, quen mantén unha forza estábel dentro do marco do
movemento obreiro convértese na opción política decisiva que é capaz de romper
os estreitos muros do electoralismo e situarse en condicións de cambio real. De
non disputar esa batalla no terreo onde se dá, estariamos castrando a
posibilidade da consecución dos obxectivos políticos estratéxicos dos e das
comunistas. A toma do poder político sen a base do poder obreiro sobre os
sectores produtivos é unha entelequia que xamais conseguiría levar á clase
obreira ao poder real e por tanto faría inviábel a construción do
socialismo-comunismo.