Hai cen anos o proletariado ruso rompeu o xeo, marcando o
camiño a seguir para o movemento obreiro revolucionario de todos os países. Coa
toma do poder político en Rusia, o 7 de novembro de 1917 (25 de outubro no
antigo calendario), iníciase unha nova época na Historia da Humanidade: a época
da transición do capitalismo ao socialismo-comunismo, a era das revolucións
proletarias.
Foi o propio Lenin quen sinalou, tras unha exhaustiva análise
do desenvolvemento do capitalismo na Rusia de principios do século XX e tras
expor a súa teoría sobre o imperialismo, que “o capitalismo monopolista de
Estado é a preparación material máis completa para o socialismo, a súa
antesala, un chanzo da escaleira histórica entre o cal e o chanzo chamado
socialismo non hai ningún chanzo intermedio”.
Tras a breve experiencia do proletariado parisiense
durante os días heroicos da Comuna en 1871, a Gran Revolución Socialista de
Outubro converteu en realidade o primeiro programa científico da clase obreira,
exposto por Marx e Engels no Manifesto do Partido Comunista de 1848. A clase
obreira, continuadora da loita de todas as clases sociais explotadas ao longo
da historia, arrastrando coa súa loita a todas as capas populares, convertíase
por vez primeira en clase dirixente e, levantando un Estado de novo tipo baseado
no poder dos soviets, exerceu a ditadura do proletariado para abolir por
primeira vez na historia a explotación duns seres humanos por outros.
O Partido Bolxevique demostrou que no proceso
revolucionario o Partido Comunista xoga un papel insubstituíbel. Os bolxeviques
souberon extraer certeiras conclusións sobre as revolucións europeas de 1848,
sobre a experiencia da Comuna de París de 1871 e sobre a loita das clases
explotadas na Rusia de finais do século XIX. Contaban ademais coas ensinanzas
da rica experiencia da Revolución de 1905, da que naceron os soviets, e aprenderan
a loitar en todas as condicións, de fluxo e de refluxo revolucionario, nos estreitos marxes da
legalidade zarista e na máis dura clandestinidade.
O Partido Bolxevique estaba preparado ideolóxica,
política e organizativamente para a toma do poder. Contaba cunha análise
precisa sobre a fase monopolista do capitalismo e sobre a posición de Rusia na
pirámide imperialista; fora quen de restablecer a teoría marxista sobre o papel
de Estado; Lenin expuxera de forma maxistral a súa teoría da revolución nas
condicións do imperialismo, precisando as condicións en que unha situación
revolucionaria se pode converter en
crise revolucionaria e o camiño cara ao socialismo en relación coa guerra imperialista.
Lenin e os bolxeviques libraran unha loita sen cuartel, en todos os terreos da
teoría, contra os menxeviques e contra todas aquelas correntes que defendían
posicións revisionistas e oportunistas no seo do movemento obreiro, forxando
nesa loita unha estratexia precisa para a toma do poder, para organizar a
Revolución Socialista.
O Partido Bolxevique tamén se preparara dende un punto de
vista organizativo e político. Nunha loita implacábel contra as formas
artesanais de traballo e contra o oportunismo nas cuestións organizativas, os
bolxeviques organizaran un partido de revolucionarios profesionais,
profundamente vinculado ás masas, profundamente proletario dende un punto de
vista clasista: un partido de novo tipo. Baixo dirección leninista, o Partido
Bolxevique demostrou unha altísima capacidade para adecuar a estratexia
revolucionaria ás condicións cambiantes da loita de clases, a través das
viraxes tácticas necesarias e de consignas precisas para orientar a loita das
masas obreiras e campesiñas, para forxar as súas alianzas en cada momento da
loita.
En todo este proceso destaca a figura de Lenin,
convertido en xefe do proletariado mundial. A súa inmensa aportación teórica en
todos os terreos, a súa valentía á hora de confrontar cada desviación ideolóxica
e a súa habilidade para relacionar teoría e práctica, quedaron definitivamente
confirmadas na exposición das Teses de Abril, nas que analizando cientificamente
a Revolución de Febreiro de 1917 constatou a existencia dunha dualidade de
poderes, apuntando como obxectivo á toma do poder pola clase obreira e á
implantación da ditadura do proletariado, dando lugar a aquel “dez días que
estremeceron ao mundo” coa vitoria da primeira Revolución Socialista da
Historia.
O marxismo acadou con Lenin un novo estadio de
desenvolvemento, o marxismo-leninismo forxouse como a cosmovisión científica da
clase obreira mundial na época do imperialismo. Hoxe, transcorrido un século dende
entón, o desenvolvemento dos acontecementos veu a confirmar as ensinanzas
leninistas.
Se na Rusia de 1917 se confirmou que existían as
condicións para o tránsito ao socialismo, cen anos despois as forzas produtivas
desenvolvéronse até tal punto que permitiría resolver os grandes problemas que
afronta a Humanidade. Existen as condicións obxectivas para satisfacer por
completo as necesidades sociais, para elevar ao ser humano a un novo estadio en
plena harmonía co medio natural, para iniciar, dunha vez por todas, a
verdadeira Historia dunha Humanidade emancipada.
A Gran Revolución Socialista de Outubro de
1917 marcou o camiño a seguir: demoler as relacións de produción capitalistas e
ao Estado capitalista a través da Revolución Socialista; socializar os medios de produción concentrados para dar paso a unha
economía centralmente planificada, baixo o control obreiro da produción e da
distribución do produto social; levantar a democracia socialista-comunista dende
os centros de traballo entendidos como células básicas dun novo poder: a
ditadura proletaria que garante a defensa do poder obreiro, que se erixe nun
novo tipo de Estado que arrincona até a súa completa desaparición todo rastro de
relacións mercantís de produción, todo rastro de explotación e opresión duns
seres humanos por outros, até o completo triunfo do comunismo.
O Comité Central do Partido Comunista —PCPE— considera
que esa é a tarefa do noso tempo e, por tanto, o obxectivo que deben perseguir
os Partidos Comunistas no momento presente. A Gran Revolución Socialista de
Outubro marcou o camiño, a loita de clases é unha loita directa pola vitoria
obreira, unha loita directa polo socialismo-comunismo.
Outubro impulsou a loita revolucionaria da clase obreira
mundial
Co triunfo do proletariado en Rusia a loita contra as
posicións revisionistas, predominantes na II Internacional, entrou nun novo
estadio. Durante a Primeira Guerra Mundial confirmouse que unha maioría dos
partidos socialdemócratas, traicionando os principios do internacionalismo
proletario, completaran a súa integración no campo do imperialismo,
participando en distintos gobernos capitalistas e/ou votando favorablemente os
créditos que permitían proseguir a guerra imperialista na que os traballadores
eran utilizados como carne de canón polas burguesías de cada país contendente.
Era imprescindíbel reagrupar á clase obreira
revolucionaria baixo novas formas que garantiran a independencia política,
ideolóxica e organizativa do proletariado. Á calor do triunfo da Gran
Revolución Socialista de Outubro, as masas proletarias de todos os países
entraron nun novo estado de efervescencia revolucionaria e intensificaron os
debates no seo dos vellos partidos socialistas. Lenin propuxo organizar unha
nova Internacional baixo cuxas bandeiras conducir a loita revolucionaria polo
poder.
A fundación da III Internacional, en marzo
de 1919, elevou a organización do proletariado mundial a un estadio superior. A partir de entón, e garantindo o respecto ás 21 condicións para o ingreso
na Internacional Comunista, que implicaban unha ruptura efectiva con toda
posición revisionista, nacerán os partidos comunistas e, con eles, o Movemento
Comunista Internacional.
O Comité Central do Partido Comunista rende homenaxe aos
homes e mulleres que en abril de 1920 formaron o primeiro Partido Comunista no
noso país, iniciando un camiño que conduciría pouco después, en novembro de
1921, ao nacemento do Partido Comunista deEspaña - Sección Española da I.C.,
baixo o impulso da Gran Revolución Socialista de Outubro.
Nos tempos da clandestinidade baixo a Ditadura de Primo
de Rivera e no período de loita legal durante a II República; nos gloriosos
días da Revolución de Outubro de 1934 e durante o duro período de represión
contrarrevolucionaria; nos case tres anos de guerra nacional-revolucionaria
contra o fascismo e en catro décadas de clandestinidade durante a noite
franquista; a clase obreira española contou coa solidariedade do país dos
soviets e do Movemento Comunista Internacional. A organización das Brigadas
Internacionais, conformadas por miles de voluntarios de decenas de países, que
combateron e derramaron o seu sangue na desigual guerra antifascista que
libraba o pobo español, é sen dúbida un dos maiores exercicios de
internacionalismo proletario que coñeza a Historia.

A Unión Soviética demostrou a superioridade do
socialismo-comunismo
O poder obreiro demostrou durante décadas a superioridade
do socialismo-comunismo sobre a formación social capitalista. A pesar das
difíciles condicións históricas en que se desenvolveu a revolución, e dos
poderosos inimigos internos e externos que o poder soviético tivo que enfrontar,
dende o triunfo revolucionario até a contrarrevolución, é un feito que por
primeira vez na Historia foi superada a explotación do home polo home e que na URSS,
principalmente, pero tamén no resto de países socialistas, sentaron as bases
para a conformación dunha sociedade superior, libre de explotación e de toda
forma de opresión.
O impresionante desenvolvemento das forzas produtivas,
libres da constrición das relacións sociais de produción capitalistas —baseadas
na propiedade privada e dirixidas ao beneficio privado duns poucos—, permitiron
unha ampla satisfacción das necesidades populares, descoñecida até entón. Conquistáronse dereitos en todos os ordes da vida:
dereitos laborais, sociais e políticos que, até entón, foran negados ás amplas masas populares.
Construíuse unha sociedade de pleno emprego —conquista
histórica e exclusiva do socialismo-comunismo— na que o avance das relacións
socialistas de produción permitiu un altísimo desenvolvemento
científico-técnico; púxose fin á secuela do analfabetismo e desenvolvéronse a
cultura e todas as artes ao servizo das maiorías traballadoras, mentres se
reducía o tempo de traballo permitindo con iso o seu desfrute e sentando as condicións para unha ampla
participación política das masas, para a súa activa implicación na
administración do Estado.
Na Unión Soviética reducíronse as desigualdades entre o
campo e a cidade, romperon as barreiras entre o traballo manual e o
intelectual, sentaron as condicións para a convivencia pacífica, igualitaria,
libre e voluntaria das nacións até entón oprimidas polo nacionalismo ruso;
sentaron as bases para a erradicación da histórica desigualdade das mulleres,
que por primeira vez conquistaron dereitos reais negados en todos os países
capitalistas; practicouse unha política internacional baseada no
internacionalismo, na solidariedade, na unidade fraternal con todos os pobos
oprimidos polo imperialismo.
O desenvolvemento do poder soviético serviu
de estímulo á loita obreira en todos os países.
O exemplo da URSS, que alimentaba o temor capitalista á Revolución, permitiu
que nos países capitalistas se conquistasen dereitos laborais, sociais e
políticos que foran negados até entón.
A Unión Soviética e o Movemento Comunista Internacional
foron o factor decisivo para derrotar ao nazi-fascismo. É un feito que as
potencias capitalistas pretendían dirixir a besta nazi-fascista contra a URSS.
Antes, durante e despois da guerra demostrouse a conivencia das potencias
capitalistas co nazi-fascismo. A mesma conivencia que demostraron na nosa
Guerra Nacional-revolucionaria as chamadas democracias capitalistas co golpe
fascista á II República baixo a repugnante escusa do Pacto de Non Intervención,
do que participaron activamente as forzas socialdemócratas. Baixo a guía de o PCUS, dirixido por Stalin, o pobo soviético
derrochou heroísmo e, pagando un alto prezo, garantiu a gran vitoria
antifascista dos pobos.

Abriuse un novo período de posibilidades revolucionarias,
no que a correlación de forzas se inclinaba ao lado do movemento obreiro
revolucionario e ao lado dos pobos. Con todo, mentres as potencias
imperialistas non perdían tempo en desatar a Guerra Fría, o Movemento Comunista
Internacional non foi capaz de definir unha estratexia revolucionaria adecuada
aos tempos de posguerra. Fosilizouse a táctica acordada no VII Congreso da
Internacional (disolta en 1943), e comezaron a estenderse posicións que negaban
as ensinanzas da Gran Revolución Socialista de Outubro e o seu valor universal.
As forzas revisionistas que até entón foran derrotadas polo marxismo-leninismo,
comezaron a gañar forza, tanto no seo dos partidos que loitaban en países
capitalistas como naqueles partidos que se atopaban no poder, tamén no PCUS.
Co triunfo da Gran Revolución Socialista de
Outubro comezou en termos políticos o século XX e co triunfo da
contrarrevolución (1989-1991), terminou.
Contra os países socialistas, e moi especialmente contra a Unión Soviética, as
potencias imperialistas libraron unha guerra de alta intensidade en todos os
terreos: guerra psicolóxica e cultural, espionaxe e sabotaxe, política de cerco
e apoio ás forzas contrarrevolucionarias do interior, guerra económica e militar.
A Unión Soviética partía dunha clara desvantaxe coas
potencias capitalistas. O poder socialista construíuse nun país arrasado polos
efectos da Primeira Guerra Mundial, no que se librou unha intensa guerra civil,
acompañada dunha intensa intervención estranxeira dirixida a derrocar o poder
obreiro.
A diferenza das potencias imperialistas, a Unión
Soviética foi capaz de enfrontar os importantes atrasos que caracterizaban ao
capitalismo en Rusia, de acadar espectaculares avances sociais dirixidos a
satisfacer as necesidades populares, de reconstruír o país e de prepararse en termos
militares para a nova guerra imperialista que se aveciñaba. E todo iso sen
obter recursos adicionais da explotación de terceiros países á vez que se
libraba unha dura loita por eliminar todo rastro de explotación.
A Unión Soviética fixo un sacrificio incomparábel durante
a guerra antifascista. A destrución causada pola invasión alemá afectou a
importantes infraestruturas, a base económica do país foi novamente destruída.
O pobo soviético pagou con máis de vinte millóns de mortos o prezo da vitoria
contra o nazi-fascismo, ademais dos máis de dez millóns de feridos e lisiados.
Ningunha potencia capitalista pagou un prezo similar. Os
Estados Unidos, en cuxo territorio non se librou batalla algunha nin na
Primeira nin na Segunda Guerra Mundial, e que se alzaba xa como primeira
potencia imperialista, partiu nas condicións de posguerra nunha clara posición
de vantaxe que lle permitiu lanzar con éxito a súa política de cerco ao campo
socialista e moi especialmente á Unión Soviética, desatando a carreira armamentista
e a Guerra Fría.
Malia a importancia destes factores, as causas
determinantes do triunfo da contrarrevolución foron internas. Pode constatarse
que até terminado o período de reconstrución que seguiu á guerra imperialista,
o poder soviético seguiu unha liña de conquistas ascendente e primaron no seo
do Partido, baixo dirección de Lenin e Stalin, as posicións revolucionarias.
Tralo período de reconstrución, as forzas produtivas acadaron
na URSS un altísimo grao de desenvolvemento que esixía cambios revolucionarios
nas relacións sociais de produción, dirixidos a acadar un novo estadio de
correspondencia entre unhas e outras. Nestas condicións, desatáronse intensos
debates no seo do Partido, especialmente debates económicos.
Tralo falecemento de Stalin (marzo 1953) avanzaron
gradualmente as posicións oportunistas no seo do PCUS, favorecidas polo clima
de cerco imperialista e tamén polo cambio na composición do Partido, cuxas
filas ampliáranse notabelmente durante e despois da guerra antifascista, na que
perderon a súa vida amplos sectores militantes probados e moitos cadros
comunistas.
Eses cambios na correlación de forzas expresáronse no XX
Congreso do PCUS (febreiro 1956), no que se aprobaron toda unha serie de
posturas oportunistas relacionadas coa construción do socialismo e favoreceuse
a adopción de posicións que buscaban responder con medidas de corte capitalista
a problemas que, pola contra, esixían unha profundización socialista-comunista.
Xerouse unha correlación de forzas que levaría ao cabo a
defender a tese revisionista de que a construción do socialismo-comunismo é compatíbel
coa existencia de relacións mercantís de produción, distribución e cambio, que
posteriormente irían estendéndose.
Xunto a debates de fondo que afectaban á esencia da construción
socialista-comunista, ás súas leis obxectivas, o denominado Informe Secreto presentado
sorpresivamente por Nikita Kruschev foi
o inicio dunha liña de renuncia e claudicación político-ideolóxica que
golpearía con forza ao conxunto do Movemento Comunista Internacional, cedendo posicións diante da propaganda negra do nazismo, replicada trala
guerra polos centros ideolóxicos imperialistas, e favorecendo unha revisión da
historia do PCUS e da construción do socialismo-comunismo na URSS que
rehabilitaba aos sectores oportunistas e illaba as posicións revolucionarias,
utilizando como cabeza de turco a figura de Stalin.
A liña oportunista estendeuse en posteriores Congresos do
PCUS nunha aberta violación das leis que rexen a construción do
socialismo-comunismo e mesmo da propia legalidade soviética. Infravalorouse e
mesmo negouse a continuidade da loita de clases durante todo o período da
construción do socialismo, incorreuse en erros na análise da pirámide
imperialista e nas relacións entre o campo socialista e o campo imperialista,
con formulacións erróneas como a “coexistencia pacífica”. O carácter de clase
do Partido e do Estado alteráronse, adoptando as formulacións acientíficas de
“Estado de todo o pobo” e “Partido de todo o pobo”.
A extensión gradual das relacións capitalistas de
produción, tanto legais como ilegais (capital na sombra), xeraron unha forza
social contrarrevolucionaria que tiña o seu claro reflexo no seo do Partido e da
súa dirección. A legalidade socialista convertíase nun obstáculo para a
circulación e reprodución do capital. O oportunismo madurou nunha forza
contrarrevolucionaria que, durante os anos 80 do pasado século, coa política da
Perestroika, sentou as bases para o restablecemento progresivo do capitalismo
e, finalmente, para derrubar a superestrutura socialista: a URSS foi liquidada
e triunfou por completo a contrarrevolución.

Ningunha formación social impúxose ao longo da Historia
de forma lineal, á primeira e dunha vez por todas. O propio capitalismo tardou
más de catro séculos en implantarse, tras unha serie de revolucións e
contrarrevolucións-restauracións, pero finalmente impúxose. Nese sentido, o
triunfo da contrarrevolución é temporal, pois lonxe do afirmado polos ideolóxicos
burgueses, demostrouse que a loita de clases prosegue, e sobre esa base
prosegue tamén a loita anticapitalista que dará como resultado o triunfo de
novas revolucións que abran o camiño a unha Humanidade emancipada.
A crise do Movemento Comunista Internacional
A disolución da Internacional Comunista (15 de maio de
1943) privou ao movemento comunista dun centro de dirección internacional e
supuxo organizativamente un paso atrás para o movemento obreiro revolucionario,
que non foi emendado pola creación da Oficina de Información dos Partidos
Comunista e Obreiros (Kominform, outubro de 1947 - abril de 1956), nin polos
posteriores Encontros Internacionais de Partidos Comunistas e Obreiros.
A propaganda burguesa insistiu intencionadamente en presentar á
Internacional como un apéndice do PCUS; pero o certo é que, dende a súa mesma
fundación até a súa disolución, no seu seo libráronse importantes debates, do
mesmo xeito que no seo do PCUS e o resto de Partidos Comunistas e Obreiros,
sobre a estratexia revolucionaria. Unha das tarefas que debe afrontar o
movemento comunista é o estudo rigoroso dos debates habidos nos sete congresos
da I.C., das distintas posicións existentes e da súa repercusión na práctica
revolucionaria.
A estratexia aprobada polo VII Congreso da I.C., baseada
na conformación de Frontes Populares para facer fronte ao nazi-fascismo,
mantívose inalterada tras a II Guerra Mundial, e foi reinterpretada no sentido
de pacto cos “sectores non reaccionarios”, os “sectores democráticos”, ou os
“sectores antimonopolistas” da burguesía. Fosilizouse na estratexia dos
Partidos Comunistas a loita por unha etapa de “democracia antimonopolista”, de
“democracia avanzada”, como paso ou etapa previa á construción socialista. Con
iso, abandonáronse paulatinamente as ensinanzas leninistas probadas durante a
Gran Revolución Socialista de Outubro, e entrouse nunha fase caracterizada pola
ausencia real dunha estratexia para a toma do poder por parte de moitos
partidos comunistas.
Os acordos adoptados polo XX Congreso do PCUS sobre a
pluralidade de vías cara ao socialismo, incluída a parlamentaria, viñeron
profundar esa crise. Varios partidos comunistas optaron pola vía parlamentaria,
retomando as posicións defendidas pola II Internacional que no seu día foron
confrontadas e refutadas por Lenin e os bolxeviques. O XX Congreso impactou con
forza en moitos partidos comunistas, entre eles no Partido Comunista de España.
Durante as propias sesións do XX Congreso (febreiro de
1956), e á vista do Informe Secreto, da política de coexistencia
pacífica, da crítica ao culto á personalidade, e da pluralidade
de vías ao socialismo, víronse fortalecidas as aspiracións do grupo
oportunista liderado por Santiago Carrillo, que se saldou coa aprobación por
parte do Buró Político da Política de Reconciliación Nacional, en xuño
de 1956, e co nomeamento de Carrillo como Secretario Xeral no VIN Congreso
(Praga, 1960).
Pode concluírse que no conxunto do Movemento Comunista
Internacional interactuaron as posicións oportunistas das diferentes correntes
que ían conformándose, tanto nos partidos no poder (kruschevianos, maoístas,
titistas...) como nos partidos que loitaban en países capitalistas, nos que foi
conformándose unha corrente liquidadora: o Eurocomunismo. As teses desas
correntes, lonxe de verse confirmadas na práctica, sumiron ao Movemento
Comunista Internacional nunha profunda división, que viña a sumarse á ausencia
dunha estratexia revolucionaria unificada para a toma do poder.
Co triunfo da contrarrevolución na Unión Soviética, as
teses revisionistas no seo do Movemento Comunista Internacional resultaron
fortalecidas. Moitos partidos foron completamente liquidados, outros
abandonaron toda defensa da loita comunista e das revolucións socialistas e das
experiencias na construción socialista-comunista durante o século XX e sufriron
un intenso proceso de socialdemocratización, abandonando tanto na práctica como
formalmente o marxismo-leninismo. En moitos casos, penetraron con forza posicións
de certa “intelectualidade de esquerdas” que viñan corroer o carácter de clase
e os obxectivos esenciais dos partidos comunistas, que viñeron cubrir o flanco
esquerdo do arco parlamentario ou supeditarse aos denominados “novos movementos
sociais” e aos “novos suxeitos emerxentes”, véndose profundamente influenciados
polas correntes postmodernas en boga.
A convocatoria por parte do Partido Comunista de Grecia
(KKE) do I Encontro Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros (Atenas,
1998), primeiro tras o triunfo da contrarrevolución, supuxo un claro punto de
inflexión, tratando de reagrupar por primeira vez aos partidos comunistas trala
liquidación da URSS, do Campo Socialista e de boa parte do Movemento Comunista
Internacional.
Os sucesivos Encontros Internacionais de Partidos
Comunistas e Obreiros convertéronse nun importante punto de encontro e de
intercambio de opinións, pero confirmaron tamén a existencia de profundas
desavinzas político-ideolóxicas, xustificadas moitas veces tras a máscara dunha
supostamente positiva pluralidade.
A fundación da Revista Comunista Internacional (2009) e o
posterior nacemento da Iniciativa de Partidos Comunistas e Obreiros de Europa
(2013) supuxo a positiva aparición de ámbitos de colaboración comunista
reforzada, nos que ademais do mero intercambio de informacións, por primeira
vez desde a contrarrevolución, empréndese unha colaboración ideolóxica que
trata de restablecer o punto de vista marxista-leninista sobre os máis variados
aspectos e de acadar posicións político-ideolóxicas comúns que permitan sentar
as bases para a superación da grave crise en que continúa o Movemento Comunista
Internacional.
Seguimos o camiño da Gran Revolución Socialista de
Outubro
O Partido Comunista dos Pobos de España afronta con
optimismo o Centenario da Gran Revolución Socialista de Outubro, disposto a
contribuír na medida das nosas posibilidades á definición dunha estratexia
revolucionaria dirixida á toma do poder nas condicións contemporáneas.
Tras décadas de crise, retroceso e liquidación no
movemento comunista español, o IX Congreso do Partido (decembro de 2010) apuntou
como obxectivo da clase obreira a loita polo socialismo-comunismo, partindo do
feito incontestábel de que existen, como nunca antes ao longo da Historia, as
condicións materiais que permitirían satisfacer as necesidades obreiras e
populares, polo que todos os esforzos deben dirixirse a preparar as forzas que
derroquen o único obstáculo que impide pór fin á explotación duns seres humanos
por outros: as relacións de produción capitalistas, asentadas sobre a
propiedade capitalista privada, e o Estado que sobre elas se erixe.
As nosas posicións, confirmadas polo X Congreso (xuño de
2016), contribuíron de maneira destacada a abrir un serio debate no seo do
movemento comunista español, que por vez primeira en moitas décadas asumía o
reto de analizar autocriticamente a súa propia historia e a do conxunto do
Movemento Comunista Internacional. Se é a preparación das forzas que leven a
cabo a Revolución Socialista, todas as vellas concepcións rexidas pola vella
estratexia etapista ou parlamentaria debían ser substituídas por liñas de
traballo acordes ao obxectivo da toma de poder: tipo de partido, métodos e
estilo de traballo, alianzas, traballo coa clase obreira e con as masas
populares, prioridade de frontes de traballo, etc.
Ese imprescindíbel proceso de clarificación e de
restablecemento dunha estratexia revolucionaria acorde ás ensinanzas
marxistas-leninistas, non podía deixar de desatar profundas resistencias e
incomprensións, tanto no interior como no seo doutras forzas que en España se
reclaman comunistas. Por unha banda, porque é un feito incontestábel que a
loita de clases se reproduce no seo das organizacións políticas, que non se
desenvolven nunha urna de cristal, senón profundamente influídas polos debates
e intereses de clase presentes na sociedade en que actúan e, por outro, porque
o movemento comunista do noso país foi golpeado por un proceso liquidador que
se desenvolveu durante décadas, no que o eurocomunismo se fixo hexemónico, e no
que operaron todo tipo de desviacións e influencias ideolóxicas das más
variadas tendencias.

Confírmase así un cambio de tendencia no movemento
comunista español, un punto de inflexión cara á recuperación e fortalecemento
dos principios marxistas-leninistas, cara á definición dunha estratexia
revolucionaria e actual cara á toma do poder, que se converte na mellor homenaxe
da militancia comunista do Estado Español os homes e mulleres que, hai un
século, levantaron as bandeiras vermellas da clase obreira e marcaron o camiño
a seguir, baixo a dirección de Lenin e do Partido Bolxevique.
O XI Congreso do Partido, ademais de profundizar nas análises
do imperialismo e do papel do Estado Español na pirámide imperialista,
afrontará o reto esencial de configurar o Partido como partido de novo tipo, de
priorizar o traballo entre a clase obreira e de virar a organización comunista
cara aos centros de traballo.
A mellor homenaxe á Gran Revolución Socialista de Outubro
é continuar o camiño trazado. Para iso noso XI Congreso sitúa dous retos para o
futuro inmediato aos que está chamado a contribuír todo o movemento comunista
español: abordar críticamente nosa propia historia, extraendo as conclusións
que nos permitan fundamentar a estratexia revolucionaria no presente; e dar os
pasos para a elaboración dun novo Manifesto-Programa, no que sobre a base dun
estudo científico do capitalismo español, se sinalen os pasos que permitan
guiar á clase obreira ao poder, trazando as liñas programáticas da construción
do socialismo-comunismo en España.
Este mes de outubro de 2017 se cumpren 73 anos desde que miles dos nosos guerrilleiros, tras
contribuír decisivamente a liberar Francia da besta nazi-fascista, cruzaron a
fronteira española dispostos a proseguir a loita de liberación. Na súa retirada
do Val de Arán, aqueles homes e mulleres deixaron escrita unha promesa de
futuro sobre a cortiza das árbores do Pirineo: “Volveremos na primavera”.
No 100 Aniversario da Gran Revolución Socialista de
Outubro, rendemos homenaxe a todos os homes e mulleres que entregaron a súa
vida á causa da clase obreira, á causa do comunismo. Recollemos hoxe as súas
bandeiras de loita e o seu exemplo heroico, para superar o longo inverno de
predominio revisionista no movemento comunista español. Sentáronse as
condicións para o inicio dunha nova ofensiva revolucionaria, que abra o paso a
unha nova Primavera na que ondeen bandeiras nas que se poida ler: “de cada cal
segundo a súa capacidade, a cada cal segundo o seu traballo”, que darán lugar
ao comezo da verdadeira Historia dunha Humanidade para sempre emancipada baixo
unha última e definitiva consigna: “de cada cal segundo a súa capacidade, a
cada cal segundo as súas necesidades”. Entón, e só entón, venceriamos.
Viva a Gran Revolución Socialista de Outubro!
Viva o marxismo-leninismo!
Proletarios de todos os países, unídevos!
Fonte: Novo Rumbo #4