Este
pasado dia 23 de agosto celebrase o Día Europeo
de Conmemoración das Vítimas do Stalinismo e o Nazismo, data impulsada por
forzas anticomunistas no 2009 en Praga, na chamada Declaración de Praga sobre Conciencia Europea e Comunismo que condenaba
ao mesmo por crimes contra a humanidade e despois ratificada na Resolución do Parlamento Europeo sobre a
conciencia europea e o totalitarismo
apoiada polas forzas socialdemócratas e oportunistas.
Tras a vitoria da
contrarevolución e da desaparición da URSS as clases dominantes, lonxe de
atenuar, intensifican a súa loita ideolóxica e política contra o comunismo. En
numerosos países elabóranse políticas que falsifican a Historia e que pretenden
equiparar ao comunismo co fascismo, ocultar o carácter de clase do fascismo e a
súa relación co capitalismo, a represión contra as forzas obreiras e populares
e os enormes sacrificios do pobo soviético e a súa contribución na derrota do
nazi fascismo.
A natureza de clase do
fascismo.
Os fascistas non son como
os fungos -como se dicía nunha celebre escena de Novecento-, que nacen así
nunha noite, non. Foron os patróns os que plantaron aos fascistas,
quixéronos, pagáronlles...
O fascismo foi apoiado e
financiado polas clases dominantes en Alemaña, Italia ou España como forza de
choque contra o movemento obreiro. O nacemento do fascismo é produto dunha época
caracterizada por unha profunda crise capitalista, unha crise política e tamén
pola existencia dun estado obreiro e socialista que fixo que diversos sectores
da burguesía precisaran instrumentos represivos que superaran os limites da
democracia formal.
As primeiras medidas
adoptadas tanto en Italia como en Alemaña foron as de rematar coa resistencia
da clase obreira comezando pola
ilegalización dos partidos comunistas.

Diversas
empresas e monopolios apoiaron dun xeito ou doutro ao nacionalsocialismo en
Alemaña: Hugo Boss , Volkswagen, IBM, Chase Bank, Ford (Hitler tiña unha foto
de Henry Ford colgada no seu despacho), Kodak, Coca-Cola, Nestlé, BMW, General Electric, Bayer,
Standard Oil, General Motors.
O fascismo naceu para esmagar
á clase obreira, para reducir a escombros as súas forzas revolucionarias, para
acabar coas folgas e cos sindicatos de clase, para perseguir e asasinar aos
comunistas e para acabar coa Unión Soviética.
Equiparar a vítimas e verdugos.
Centos
de miles de comunistas alemáns foron asasinados ou remataron os seus días en
campos de concentración, ou mesmo usados como escravos polas autoridades nazis,
incluíndo a destacados dirixentes como Ernst Thälmann -que foi fusilado en Buchenwald en 1944- ou Eric Honnecker -que
tivo ocasión de rematar cos seus osos na cadea tanto baixo a ditadura fascista como
na democracia burguesa-, o motivo nos dous casos foi o mesmo, ser comunista.
Para os imperialistas alemáns, os soviéticos eran considerados 'Bolshevik Untermenschen' (bolxeviques sub-humanos) contra os cales
desencadearon unha guerra de exterminio que se cobrou a vida de mais de 26 millóns
de persoas entre civís e militares, máis do 16% da poboación da URSS.
Os
prisioneiros de guerra soviéticos recibiron un trato inhumano, bárbaro e
criminal, trato que non recibirían os prisioneiros das potencias aliadas, ás
cales se lles aplicou o Tratado de Xenebra.
Os
prisioneiros soviéticos foron acenados en campos rodeados unicamente de arame
de espiño, sometidos a duras condicións climatolóxicas, privados de alimentos
durante semanas, sometidos a unha política de abuso, maltrato e exterminio que
levou á morte a máis de 4 millóns de prisioneiros soviéticos.
A
poboación civil da unión soviética non correu mellor sorte. Só hai que lembrar
o sitio de Leningrado, onde morreu máis dun millón de persoas froito do frío e
da fame.
Ningunha
outra nación tivo que soportar durante a guerra uns custos humanos e materiais
similares.
Unha
condena hipócrita.
Resulta hipócrita a data
escollida, 23 de agosto, dia da sinatura do acordo de non agresión firmado
entre a URSS e Alemaña, coñecido como pacto Ribbentrop- Molotov.

As
principais potencias europeas permitiron o rearme de Alemaña como un muro de
contención fronte a ameaza bolxevique.
Hai
que destacar tamén o papel das democracias europeas e a súa "neutralidade"
durante a guerra nacional revolucionaria en España, na cal negáronse a prestar
axuda ao democrático goberno da República.
Cómpre
destacar o apoio prestado por diversos monopolios norteamericanos e por
diversos grupos financeiros que outorgaron -vaia a redundancia- financiación ou
mesmo subministraron combustible ao bando nacional, que contou co apoio militar
da Alemaña de Hitler e a Italia de Mussolini.
Os crimes do capitalismo.
A historia das democracias
liberais europeas esta manchada de sangue e de crimes cometidos contra os pobos,
contra a clase obreira e contra toda a humanidade.
Basta lembrar os xenocidios
cometidos polo imperialismo derivados da dominación colonial.
En 1910 as principais
potencias imperialistas desencadearon a I Guerra Mundial, as democracias
liberais europeas mandaron á morte a máis de 20 millóns de fillos da clase
obreira, que foron masacrados nos campos de batalla para defender os intereses
e manter os privilexios das súas respectivas burguesías.
No 1954, a democrática república
francesa cometeu crimes contra a poboación arxeliana, que loitaba pola súa
independencia nacional e pola ruptura da súa dependencia e sometemento colonial,
provocando mais dun millón de mortos.
Francia mantivo activa ata
1953 as colonias penitenciarías na Guayana, onde morreron 70.000 presos.
Na resolución do
parlamento europeo tamén se menciona o xenocidio de Sebrenica, pero ocúltase o propio
papel da Unión Europea no desencadeamento do que se deu en chamar Guerra de Iugoslavia.
Concretamente
a axuda económica e militar a Croacia de Franjo Tuđman, que era admirador de Franco
e de Ante Pavelic (dirixente fascista croata colaborador do nazismo), negacionista
do holocausto e responsábel de crimes contra a humanidade en Croacia e tamén en
Bosnia, son crimes polos que nunca foi xulgado.
En 1999, a OTAN baixo a
democrática secretaría de Javier Solana atacou Iugoslavia, bombardeando estruturas
como pontes, fábricas ou a sede da radio-televisión iugoslava.
As clases dominantes coa axuda das forzas socialdemócratas
teiman en equiparar fascismo con comunismo, presentando aos mesmos como réximes
non democráticos. Destacan unilateralmente a cuestión dos dereitos humanos, da
represión nos estados socialistas, obviando que nos réximes democrático
burgueses se vulneran continuamente estes dereitos, que baixo o capitalismo millóns
de persoas son vítimas da miseria, da pobreza e das guerras desencadeadas polo
imperialismo, que nos estados capitalistas os dereitos democráticos dos
obreiros e do pobo son restrinxidos para manter a liberdade dos patróns, dos
capitalistas, dos bancos.
Para as
e os comunistas, toda cuestión relacionada coa forma que adopta o estado debe
analizarse desde o punto de vista da clase social no poder, e non desde o punto
de vista estreito e burgués do oportunismo que fai unha defensa formal da
democracia dos capitalistas, predicando a igualdade entre oprimidos e
opresores.
RevistaForxa
[Setembro 2017]
Foto1: Karl Kapp (Cónsul xeral alemán en Cleveland); Henry Ford e Fritz Hailer (Cónsul da Alemaña nazi en Detroit).
Foto 2: Chamberlain, Daladier, Hitler, Mussolini, e Ciano fotografados antes de asinar os Acordos de Múnic.