
A actual fase de desenvolvemento do capitalismo require ferramentas que
ofrezan unha maior expansión e rendibilidade ás multinacionais. Os falazmente
denominados tratados de libre comercio como o TTIP ou o CETA son, por agora, a
máis avanzada fórmula para que os monopolios exerzan a súa ditadura. O
imperialismo require das súas leis, e iso son os tratados de libre comercio.
O TTIP (Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos. En inglés;
Transatlantic Trade and Investment Partnership) é un acordo comercial que
actualmente se atopa en fase de negociación entre a Comisión Europea e EEUU.
O CETA considérase o irmán pequeno do TTIP, pero é igual de agresivo contra
os nosos intereses ou mesmo máis, porque as negociacións xa finalizaron e só se
está á espera da súa ratificación.
A entrada en vigor do CETA suporá unha sondaxe do que será finalmente o
TTIP, permitindo ás empresas estadounidenses utilizar as súas filiais
canadenses para ter acceso ao mercado europeo. Consecuentemente, a resposta
organizada e contundente do movemento obreiro e popular debe ser a de acabar de
inmediato co CETA igual que o fixo coa constitución europea.
Estes acordos comerciais pretenden unha baixada xeneralizada dos estándares
de proteccións laborais, ambientais, de seguridade alimentaria, de protección
da saúde, social, industrial, e outros, impondo as lexislacións menos esixentes
entre o bloques económicos que interveñen en cada acordo. Se hoxe xa todas as
leis atacan á clase traballadora e os sectores populares, co que se propoñen
facer estamos abocados a unha maior
perda dos nosos dereitos e liberdades.
Un exemplo paradigmático desta práctica ditatorial é a existencia dunha
cláusula reservada á protección dos investidores, que poderán demandar aos
estados cando consideren que as lexislacións nacionais lesionen os seus
intereses.
Con absoluta claridade, o obxectivo principal do TTIP e o CETA é privatizar
os servizos públicos, cambiar ou anular leis que impidan o avance dos
monopolios e recortar dereitos sociais e salarios en beneficio das grandes
multinacionais. Todo o que se argumente ao seu favor desde o poder, non son
máis que mentiras e máis mentiras.
Sen dúbida, estes acordos son un ataque directo á clase obreira dirixido a
arrebatar dereitos laborais e sociais,
que aumentarán a explotación e o desemprego.
A burguesía vende este acordo como un raio de luz sobre un ceo nubrado,
prometendo emprego e estabilidade. Falso, pois sen mencionar a calidade destes
novos contratos, os estudos demostran que a súa aplicación destruiría entre
500.000 e 1 millón de empregos de pequenas e medianas empresas, fronte aos máis
de 400.000 novos contratos que prometen as multinacionais, normalmente máis
precarias.
Este acordo, absolutamente lesivo co medio ambiente, permitirá a
comercialización de produtos transxénicos como ocorre xa hoxe na EE.UU.
As leis dun consumo máis saudábel e cuns mínimos de respecto ao medio
ambiente de produtos e explotacións agro-gandeiras que foron unha conquista do
movemento obreiro e popular mediante a súa loita pola defensa do medio
ambiente, desaparecerán en pouco tempo aos dous lados do Atlántico.
Outra das moitas cláusulas existentes nestes tratados é reforzar a creación
de patentes, o que fará que quen as posúa terá máis vantaxes fronte aos seus
competidores. Por exemplo en medicamentos, retardará a creación de xenéricos e
verémonos obrigados a pagar prezos desorbitados para obtelos.
Por todo iso, Comunistas da Galiza-PCPE e os Colectivos da Mocidade Comunista
(CMC) alzamos a voz contra o TTIP e o CETA e animamos a toda a clase obreira e
ao pobo en xeral, a loitar ao noso lado para deter a violencia que a ditadura
do capital quere impor con estes tratados. Estes acordos mostran a importancia
de loitar diariamente e non ceder nin un milímetro nos nosos dereitos. As e os
comunistas chamamos a levantar un muro de dignidade e rebeldía organizada que,
impedindo a firma destas leis, camiñe decididamente contra a UE e a favor do Poder
Obreiro e o Socialismo.
NON AO TTIP, NON AO CETA!
FÓRA DO EURO, A UE E A OTAN!
CONTRA TODA AGRESIÓN DA
BURGUESÍA!
POR UNHA FRONTE OBREIRA E POPULAR
POLO SOCIALISMO!
_______________________________________________________________________
Recomendamos a lectura deste artigo publicado con anterioridade no noso perfil de facebook:
Sobre a Asociación Transatlántica e Comercio e Inversión (TTIP)
_______________________________________________________________________
_______________________________________________________________________
Recomendamos a lectura deste artigo publicado con anterioridade no noso perfil de facebook:
Sobre a Asociación Transatlántica e Comercio e Inversión (TTIP)
_______________________________________________________________________