Comunicado do Comité Nacional de Comunistas da Galiza - PCPE
No medio dunha proliferación inaudita de convocatorias electorais, que expresan a incapacidade crecente da clase dominante para dotarse de xestores políticos cribles, convocaron, de maneira precipitada e chafalleira, as eleccións ao Parlamento Galego.
Este adianto, que xa no seu día cualificamos de manobra para esganar as posibilidades de representación institucional das forzas obreiras e populares, súmase ás dificultades que a concorrencia a estas eleccións entraña para un partido obreiro sen máis brazos nin máis medios económicos que os da súa militancia.

Chamamos a votar comunista porque non hai futuro no capitalismo para a nosa clase obreira e a nosa mocidade que non sexa a miseria, a sobreexplotación, o paro e a emigración.
Porque non hai futuro no capitalismo para os sectores produtivos esnaquizados pola Unión Europea do capital, as súas directivas, as súas cotas de produción e a súa sinistra Política Agraria Comunitaria.
Porque os máis xenuínos representantes políticos do capital arrasan en aras do máximo beneficio co emprego, dereitos, servizos básicos, industria, agricultura, coa terra e o mar.
Porque as forzas capitalistas de "rostro humano" enganan e dividen á clase obreira propóndolle alianzas interclasistas baixo dirección allea, co obxectivo ilusorio dun capitalismo menos depredador e mellor administrado.
O discurso sobre a "ineficacia" e a "incompetencia" dos actuais xestores políticos serve ao obxectivo de encubrir o ocaso histórico do capitalismo e o carácter criminal e bárbaro da súa ditadura de clase.
Coa súa cohorte de intelectuais pseudoprogresistas ao seu servizo, a socialdemocracia vella e "nova" e o oportunismo, queren enganar e dividir á clase obreira facendo que esta confunda a natureza e xerarquía das innumerábeis contradicións existentes no sistema podrecido que se vén abaixo (nacionais, de xénero, campo/cidade) , e que non alcance a distinguir entre elas a contradición fundamental, a única que une á clase obreira, aquela de cuxa resolución depende a posibilidade de resolver todas as demais. A contradición entre Capital e Traballo.

E é necesario que nestas eleccións, estea o Programa de clase, o Programa comunista.
Porque o noso Programa non é un programa de goberno paliativo para embelecer o capitalismo e dulcificar a súa agonía, senón un programa de loita que enlaza as reivindicacións máis apremiantes e inmediatas de cada sector da clase obreira e o pobo traballador, co horizonte estratéxico da toma do Poder pola clase obreira.
Porque non ofrecemos falsas ilusións senón un posto de combate.
Porque é hora de Tomar Partido. OU ELES, OU NÓS!
Comunistas
da Galiza – PCPE
Comité Nacional