
El Mundo informara en 2012 da retirada do carné a Carromero despois de acumular 42 multas en tres anos. Está claro, pois, que é un condutor perigoso. Ademais, en anteriores declaracións ao Washington Post, Carromero afirmara que o vehículo agresor era “vermello”, non “azul”. Finalmente, no coche, ademais dos falecidos, viaxaban o sueco Aron Modig e o propio Carromero. Os dous, testemuñas do suposto ataque, son repatriados con rapidez aos seus países, algo inverosímil cando se pretende ocultar un delito.
O 7 de agosto, El Mundo publica que a congresista cubanoamericana Ileana Ros-Lehtinen “pide investigar a morte de Oswaldo Payá”. O xornal afirma que Ileana, “nacida na Habana e veterana do Partido Republicano, organizou varios encontros con José M. Aznar”. Pero, que outras amizades ten Ileana Ros?
Na imaxe, a congresista con Orlando Bosch. Na parte superior, unha dedicatoria manuscrita: “Orlando, con mucho cariño. Ileana Ros-Lehtinen.”
Quen é Orlando Bosch?
O xornal barcelonés La Vanguardia publica o 6 de outubro de 2006 esta noticia.
“Cúmprense 30 anos do atentado contra un avión cubano no que morreron 73 persoas. O Departamento de Xustiza de EE UU decidía onte o futuro do terrorista cubano Posada Carriles, exaxente da CIA, un dos presuntos autores. O home que admite ser o planificador do atentado, o cubano exiliado Orlando Bosch, vive en liberdade en EE UU, tras recibir permiso para residir directamente do presidente George Bush pai. Lonxe de arrepentirse, Bosch insiste en que o avión (no que viaxaba o equipo de esgrima cubano e un grupo de estudantes de Güiana) era "un branco de guerra" e que os pasaxeiros eran cómplices de Castro. En Miami, Posada e Bosch son heroes.”
Apoia Ileana Ros-Lehtinen a Luis Posada Carriles?
En www.cubadebate.cu, pódese ver en vídeo unha homenaxe a Posada en Miami. No minuto 7, o presentador afirma que Ileana Ros é presidenta honoraria dun comité de apoio económico ao terrorista.
O 8 de agosto, El Mundo publica que “EE UU esixe que se investigue o caso Payá”. En EE UU, vive en liberdade Posada Carriles. A súa detención foi solicitada por varios lexisladores demócratas (La Vanguardia, 10.05.07), que o consideran “un dos asasinos máis notorios do hemisferio occidental”. A súa extradición a Venezuela foi reclamada polo Cumio Iberoamericano de Xefes de Estado celebrado en Salamanca en 2005.
Para a súa inverosímil campaña contra Cuba, Carromero e El Mundo contan con grandes axudas: Ileana Ros-Lehtinen e o goberno de EE UU; ambos os dous, como pode comprobarse, destacados defensores dos dereitos humanos.