Manifestáronse durante cinco meses e impediron que se trasladase a maquinaria da empresa cun piquete permanente de 24 horas e un gran apoio veciñal; só a intervención da policía fixo posíbel que parte desa maquinaria saíse.
A maiores recurriron á vía xudicial e a Sentencia no Xulgado nº 2 de Pontevedra fallou que o ERE debe ser anulado xa que literalmente di que só persigue “abaratar custes para aumentar beneficios empresariais a costa de perderse postos de traballo”, argumento que é precisamente o que dende o primeiro día estas compañeiras -cun altísimo grao de comprensión e compromiso de loita sindical de clase-viñan plantexando para opoñerse ao ERE, máis aló de argumentos tamén de tipo técnico-xurídico.
Ante a dilación da Empresa en cumprir esa Sentencia, o mesmo Xulgado acaba de emitir un Auto no que ordena que se reabra de inmediato a fábrica de Vilaxoán con todo o seu persoal e para realizar toda a produción que era habitual.
Por outra banda, tamén a Seguridade Social e o INEM están obrigados á reclamarlle á Empresa importantes cantidades económicas, e a propia Xunta de Galicia abriu por fin un expediente sancionador ante a contundencia da Sentencia e a preparación de novas e masivas mobilizacións na rúa.