As asembleas de traballadores/as do comercio vario da provincia da Coruña acordan ir á folga o día 1 de xullo.
En contra do bloqueo da negociación do novo convenio colectivo e para denunciar as pretensións da patronal de aplicar brutais recortes salariais e laborais.
Logo da ruptura das mesas de negociación polas pretensión da patronal de desmantelar todo o convenio colectivo aplicando un recorte brutal das condicións salariais e laborais, os traballadores e traballadoras do comercio vario da provincia da Coruña acordaron nas distintas asembleas celebradas ao longo das últimas semanas secundar unha xornada de folga o vindeiro luns 1 de xullo, coincidindo co inicio do período de rebaixas.
A folga, que se desenvolverá durante todo o día, afecta a todo o comercio vario –téxtil, comercio de metal, de construción, ópticas, etc.- e a estabelecementos de grandes grupos como Inditex, Cortefield, Dielectro ou Kilovatio Galicia. Porén, non están afectados os grandes almacéns e as perfumerías, pois teñen convenios propios.
O responsábel de comercio da CIG-Servizos, Roberto Pérez, explica que o convenio caducou en xuño de 2011 e por mor da dilatación das negociacións, os traballadores/as do Grupo Inditex sufriron conxelación salarial durante 2012, a pesar dos enormes beneficios obtidos polo xigante do téxtil.
A este respecto, o sindicalista criticou as propias desavinzas entre a patronal, xa que a metade do empresariado non se presentou nas mesas de negociación, unha parte quérese escindir do convenio e a outra parte da patronal presentou dúas plataformas de convenio diferentes.
As propostas empresariais presentadas na mesa, denuncia Pérez, supoñen unha precarización radical das condicións laborais deste colectivo de traballadoras e traballadores.
Entre outras cuestións, a patronal pretende: unha redución do 10% dos salarios para os novos contratos durante os tres primeiros anos; desaparición da cláusula que garante as condicións máis beneficiosas que existen en moitas empresas; supresión da paga extraordinaria de marzo nas empresas que aleguen non ter beneficios (aínda que non especifican como se controlará esta circunstancia); desaparición de todas as categorías e mobilidade absoluta do persoal; diminución da porcentaxe obrigatoria de persoal indefinido; desaparición dos calendarios de traballo anuais por outros de carácter mensual co establecemento dun mínimo de xornada irregular anual do 15%; posibilidade de desprazamento obrigatorio até 50km; ou a retirada do complemento por IT.
Ante as pretensións do empresariado e á vista de que en poucas semanas o convenio perderá a súa vixencia (por mor da limitación da ultraactividade introducida coa reforma laboral), as asembleas de traballadoras e traballadores celebradas nas distintas cidades da provincia acordaron incrementar as medidas de presión e levar a cabo unha xornada de folga para o vindeiro 1 de xullo. Así mesmo, non se descarta a convocatoria de novas mobilizacións, se a patronal continúa coa súa actitude e non atende ás reivindicacións do sector.
[Fonte: CIG]
CCOO sinala que o comercio vario coruñés irá á folga o 1 de xullo para frear a pretensión da patronal de recortar dereitos.
Afecta aos comercios de téxtil, calzado, ópticas, multiprezos, material eléctrico e construción.
A secretaria xeral da Federación de Comercio, Hostalaría e Turismo de Comisións Obreiras de Galicia (FECOHT-CCOO), Isabel Castaño, sinala que o comercio vario da provincia da Coruña irá á folga o próximo 1 de xullo para impedir que a patronal do ámbito recorte dereitos laborais.
O comercio vario agrupa o de téxtil, calzado, ópticas, multiprezos, material eléctrico e construción, e a folga, convocada conxuntamente por CCOO, UGT e CIG, conta co apoio do persoal, que nas asembleas dos pasados 19 e 25 de xuño ratificou esta medida de presión.
Isabel Castaño asegura que «están en xogo as condicións laborais no sector», xa que a patronal se amparou na reforma laboral para rexeitar que o actual convenio continúe vixente mentres se manteñen as negociacións para pactar un novo texto. A isto cómpre sumar que a proposta empresarial é «retrógrada», pois «devólvenos a unha situación de moitos anos atrás».

Por último, Isabel Castaño lembra que moitas das empresas do sector están nunha «boa situación económica», razón pola cal cre que «intentan aproveitar a conxuntura da crise para aumentar beneficios á custa de recortar dereitos laborais».
Piquetes informativos.
Haberá piquetes informativos no centro comercial Catro Camiños (A Coruña) ás 8:30 e ás 9:30 na praza Roxa (Santiago de Compostela) e no centro comercial Odeón (Ferrol).
[Fonte: CCOO de Galicia]