A CIG convoca este Primeiro de Maio baixo o lema “Partido Popular–Unión Europea: menos dereitos, máis pobreza”.
Chama a mobilizarse para pór punto e final “a este roubo, a este saqueo contra a poboación máis débil, contra a clase traballadora”
A CIG denuncia o ataque ás pensións, os dereitos no traballo abaratando o despedimentos, incrementando a xornada laboral, reducindo os nosos salarios, causando máis paro e pobreza. “Somos vítimas dos desafiuzamentos, perdemos o fogar, os aforros. Reducen as nosas prestacións por desemprego ao 50% a partir do sexto mes. Elimínanlle o dereito ao subsidio para maiores de 55 anos a centos de miles de persoas, suprimindo a cotización durante estes anos e, como consecuencia, castigando a pensión de todos e todas as que perderon o seu traballo”.
A central sindical denuncia tamén a redución das prestacións sanitarias atacando a saúde; a supresión de servizos e a privatización de hospitais para o negocio das empresas dos seus amigos; o poder que se dá ás mútuas para as baixas por enfermidade; o encarecemento da universidade para as fillas e fillos da clase traballadora, mentres dan centos de millóns ao ensino privado para os fillos e fillas dos ricos/as.
Pregúntase por que atacan sempre o gasto social con estas reformas e non atacan a inmensa fraude das grandes empresas do IBEX (Telefónica, Repsol, Santander, Iberdrola, Gas natural, BBVA e 28 empresas máis que segundo a Inspección de Facenda desvían por ano máis de 74.000 millóns de euros a paraísos fiscais. Ao igual que se pregunta por que non perseguen a fraude das grandes fortunas, os máis ricos, que segundo a propia Inspección levan a estes paraísos máis de 42.000 millóns de euros ao ano.
Lembra que o gasto social no Estado español (pensións sanidade, ensino, axudas, subsidios, etc) é un 15% menor que a media da Unión Europea e salienta que só para contentar a Europa estase a matar a industria galega, o naval, a pesca ou o noso sector agroalimentario, destruíndo miles de empregos na nosa nación.
Alerta de que xa se anuncian novas reformas, antes do verán, que terán como consecuencia máis paro e pobreza e fai un chamamento a frear esta situación. “Temos que paralos ou non teremos futuro, e peor será para os nosos fillos e fillas”.
Manifestacións convocadas:
- A Coruña: ás 12:00 horas dende a Praza de Vigo
- A Estrada: dende a Praza do Concello ás 12.00 horas
- A Mariña: ás 12:00 horas dende o local da CIG (Avda. Arcadio. Pardiñas, 137)
- Ferrol: ás 12:00 horas desde a Avda de Esteiro
- Lugo: ás 12:00 na Ronda da Muralla (a altura do Edificio Sindical)
- Ourense: dende o Pavillón dos Remedios ás 12.00 horas.
- Pontevedra: dende a Praza da Ferrería ás 12.00 horas.
- Ribeira: 12:00 horas, da Praza do Peixe.
- Santiago: 12:30 horas na Praza Roxa.
- Vigo: dende o cruce da Doblada con Urzaiz ás 11.30 horas.
- Vilagarcía: dende a Casa do Mar ás 11.00 horas.
[Fonte: Avantar]