A Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos convoca concentracións para este xoves 21 de febreiro.
A Plataforma Galega en defensa dos
Servizos Públicos ten convocadas mobilizacións para o xoves, día 21 de
febreiro, ás 19:00 horas nas sete cidades galegas para manifestar o seu
rexeitamento a uns orzamentos que poñen en perigo os servizos públicos,
promoven a supresión e despedimento de persoal e deterioran as súas
condicións laborais e económicas.
Lugares das mobilizacións:
- A Coruña: na Praza de Pontevedra, diante do Edificio de Facenda da Xunta.
- Ferrol: diante do Edificio Administrativo Xunta.
- Santiago de Compostela: Praza do Toural.
- Vigo: Porta do Sol (enfronte do Sireno).
- Ourense: diante da Casa do Chocolate, na Avda. da Habana.
- Lugo: diante do Edificio Multiusos da Xunta
- Pontevedra: Subdelegación do Goberno.
A
Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos denuncia que os
orzamentos propostos polo goberno de Feijoo “estrangulan” os servizos
públicos deteriorando até o extremo a atención aos usuarios e usuarias
dos mesmos e precarizan as condicións laborais das traballadoras e
traballadores que desenvolven a súa actividade no sector. Ademais,
favorecen a amortización de postos de traballo, pola vía da non
reposición de efectivos, e abren a vía para realizar despedimentos.
A
Área Pública da CIG, que forma parte da plataforma, alerta de que tras
dos recortes orzamentarios agóchase a pretensión do Partido Popular de
favorecer a privatización dos servizos públicos. Por iso fai un
chamamento ás empregadas e empregados públicos e a sociedade no seu
conxunto a participar nestas mobilizacións en defensa dos servizos
públicos e dos dereitos laborais e sociais das súas traballadoras e
traballadores.
Así mesmo, coincidindo coa data de votación dos
Orzamentos da Xunta para 2013, a Plataforma ten convocada unha
concentración o vindeiro martes 26 de febreiro, dende ás 12:00 horas, ás
portas do Pazo do Hórreo.
[Fonte: Avantar]