4600 traballadores e traballadoras de Paradores
Nacionais volven estar convocados para este 31 de Decembro e 1 de Xaneiro a
unha folga en defensa tanto das súas condicións e postos de traballo, como da titularidade pública dun sector histórico
do turismo estatal.
Resulta desprezábel que se estea usando como
argumento para a suposta inviabilidade do sector, “a gran cantidade de
liberados sindicais existentes”, cando comprobando o organigrama directivo de
Paradores Nacionais (e os seus substanciosos soldos) vemos que os seus
principais dirixentes son familiares, amigos, “padriños” ou conmilitóns de
insignes dirixentes do PP como Rodrigo Rato, Cristóbal Montoro, José Manuel
Soria, ou o ex-deputado do PP por Navarra Santiago Cervera, recentemente
dimitido ao ser imputado por un caso de delito de chantaxe ao presidente de
Caixa Navarra.
Con todo, o principal problema que aqueixa ao
persoal de Paradores Nacionais é o indisimulado obxectivo por parte do actual
goberno de seguir liquidando o patrimonio público. A estratexia é sempre a
mesma: descapitalizar (en definitiva, provocar a creba) coa fin de xustificar
argumentalmente a necesidade de que pase a mans privadas a prezo de saldo para
que os posteriores beneficios revirtan exclusivamente en petos particulares con
quen, por certo, xa está habendo reunións para concretar a “entrega en bandexa”
do sector.
Paradores Nacionais non é senón outro exemplo de
plan trazado pola Unión Europea e a famosa troika que, coa escusa da crise,
trazaron unha folla de ruta tendente a liquidar
o xa raquítico sector público. Por iso, resulta mesquina a actitude
dunha “oposición” que agora racha as
vestiduras polo futuro de miles de traballadores e traballadoras cando a diario
cacarexa sobre as supostas bondades da UE. Porque, sinxelamente, resulta
hipócrita clamar contra as consecuencias de algo cando se foi, e cando se é responsábel das causas que as xeran.

Mal
farían as organizacións sindicais se aceptasen a oferta de miseria que a
dirección de Paradores lles ofrece, pois sempre é o mesmo: discutir sobre a
cantidade e profundidade de dereitos que o cadro de persoal vai perder,
asumindo novas condicións máis precarias que, con toda seguridade, e antes
pronto que tarde, servirán de teito sobre as que volver “negociar” futuros
recortes.
Adiante coa loita de Paradores!
Comités para a Unidade Obreira (CUO)
http://www.unidad-obrera.org/
Contacta en: cuogaliza@gmail.com
Vídeo onde un compañeiro pertencente a CCOO da leitura a uns fragmentos da octavilla repartida polos CUO-Galiza:
Algunhas fotos máis da concentración en apoio á Folga dos traballadores e traballadoras de Paradores (31/12/2012):