Manifestación o sábado 15, en Pontevedra, contra a represión sindical, a reforma do código penal e a lei de taxas xudiciais.

Sairá ás 11:30 horas da Praza da Ferrería.
Pontevedra acollerá, o vindeiro sábado día 15 de decembro, una manifestación convocada pola CIG para denunciar a represión sindical, coa que se busca criminalizar a resposta ás políticas do PP;  a reforma do Código Penal que prepara o goberno de Mariano Rajoy, que pretende tipificar como delitos accións que antes non tiñan esa consideración e a lei de taxas xudiciais que dificulta o acceso ao dereito fundamental á tutela xudicial efectiva. A manifestación sairá ás 11:30 horas da Praza da Ferrería.
12-12-11 cartaz mani Pontevedra O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, explica que aínda que o fallo da Audiencia Provincial de Pontevedra foi favorábel para os compañeiros que foran condenados a tres anos de cadea en primeira instancia, no xulgado do Penal número 1, se mantén a  convocatoria porque a CIG entende que cómpre seguir denunciando publicamente a campaña urdida desde o poder “para impedir que se dea contestación sindical nos diferentes conflitos ou que, cando se dea, esta sexa o menos efectiva posíbel”.
Seixo considera que por iso se recorre á vía da represión e lembra que, de feito, nos últimos tempos, nos conflitos laborais estanse repetindo “as sancións de carácter gobernativo ou a apertura de xuízos e de solicitudes de penas de cadea por participar neles”.

Nesa liña insire tamén, o secretario xeral da CIG, a reforma do Código Penal que está a promover o Partido Popular. Unha reforma que, alerta, “vai intentar incidir máis no que ten que ver con desordes públicos, incrementando as penas e tipificando como delitos accións que até o de agora non eran consideradas como tal”.
Denuncia que hai una campaña en marcha para debilitar o máis posíbel toda contestación social ás políticas económicas e laborais do goberno. “Entendemos que isto require que se lle dea resposta a nivel social e que hai que seguir chamando a atención sobre o que hai detrás deste tipo de reformas e de medidas ou de actuacións tanto dos fiscais como dos xuíces. O PP está aproveitando a xuíces e fiscais que lle son máis próximos ideoloxicamente para que cumpran esa función represora”, afirma.

A CIG tamén quere denunciar, con esta mobilización, a imposición dunhas taxas xudiciais que derivarán nunha xustiza “elitista e clasista” que vai rematar co dereito constitucional fundamental á tutela xudicial efectiva. “Vaise dificultar o acceso á xustiza por parte de moitos traballadores e traballadoras que aínda que teñan dereito a recorrer e posibilidades para gañar o recurso, non o van poder facer porque economicamente non están en condicións de pagar as taxas que lle impón o goberno”.

[Fonte: Avantar]