
A Asemblea de
desempregad@s da CIG maniféstase ante o supermercado Alcampo co obxectivo de
expresar o seu rechazo ante a eliminación daqueles alimentos próximos á
caducidade que realizan no interior das instalacións porque "xa non
lles resultan rendábeis economicamente".
Esta concentración inscríbese dentro dunha iniciativa promovida pola Asemblea de desempregad@s que consiste en coñecer o destino que lle dan os supermercados da nosa comarca aos alimentos próximos à data da caducidade. Alcampo negouse con desprezo a recibirnos e a interesarse pola nosa iniciativa, e máis sabendo que é un segredo a voces o que fai este centro comercial con eses alimentos.
En tempos onde se nos reclama "austeridade" ou "que nos apretemos o cinto", foméntase o consumismo compulsivo coa chegada do Nadal, e mentres, hai xente obrigada a meterse nos contentores do lixo para buscar algo de comer.
Dede o noso colectivo, queremos seguir mantendo o debate social que creamos coa expropiación simbólica de alimentos de primeira necesidade a principios do mes de xuño pasado no Maxi-Dia de Ferrol, para demostrar que por riba de calquera beneficio privado está a dignidade das persoas.
@s traballadores/as en situación de desemprego que integramos este colectivo, somos conscientes de que se non continuamos a promover este tipo de mobilizacións e crear a necesaria alarma social sobre a dramática situación pola que están a atravesar moit@s desempregad@s que non contan con ingreso económico algún, veremos como esas expropiacións deixarán de ter carácter simbólico e serán pura realidade.
Ante esta situación desde a Asemblea de desempregad@s da CIG propoñemos unha serie de alternativas:
- Comedores sociais nos barrios. A día de hoxe só existe en Ferrol a Cociña Económica como entidade de referencia para esta cuestión.
- Economatos populares nos barrios, nos que se podan adquirir productos alimentares básicos a baixo prezo ao ser subvencionados polo Estado.
- Bancos de alimentos de control público.
- Servizo municipal de xestión e recollida dos alimentos próximos à caducidade que rexeitan os supermercados.
- Servizo de comedor escolar gratuíto para fill@s de traballadores/as en situación de desemprego.
- Unha renda básica para aqueles/as desempregad@s que non perciban prestación algunha, asegurando que podan adquirir produtos de primeira necesidade.
Concentración: Domingo, 16 de decembro, ás 12:30 horas no Polígono da Gándara, diante de Alcampo - Ferrol.