Onte, a manifestación do PAME na praza
Sintagma foi impresionante
O goberno organizou a represión estatal
da manifestación
A loita continuará nos centros de
traballo con maior determinación
Mentres
que no Parlamento os partidos burgueses chamaban ao pobo a baixar a cabeza para
a salvación dos monopolios e se preparaban para votar o paquete de medidas
antilaborais bárbaras do terceiro memorándum, en todo o país se escoitaba a voz
de decenas de miles de folguistas e manifestantes de familias obreiras e
populares: “Obreiros, non acepten a escravitude contemporánea, poden prescindir
das leis e dos patróns” e “Ningún sacrificio para a plutocracia, a crise que a
pague a oligarquía”.
En Atenas, decenas de miles de
manifestantes “inundaron” a praza Sintagma por segundo día consecutivo. Tras o cerco da praza Sintagma pola PAME o martes, o
mércores pola tarde miles de persoas de toda a rexión de Ática partiron de
Omonia e reuníronse no centro da cidade
manifestándose coas bandeiras da PAME. Responderon ao chamamento de moitas
federacións sectoriais, de sindicatos e sindicalistas que se agrupan nas filas
da PAME así como ao chamamento dos autónomos, dos pequenos comerciantes
(PASEVE), dos estudantes (MAIS) e das mulleres (OGE).
A
manifestación estendeuse ao longo das rúas principais e da praza de Sintagma. As
consignas non se detiveron por un segundo, e ata baixo a choiva torrencial
todos permaneceron na súa posición e as voces fixéronse máis fortes: “Aquí, coa
loita clasista, porque non se pode vivir con 400 euros”.
Contra
a operación de intimidación que foi montada unha vez máis, a manifestación da
PAME mantívose organizada. Foi un plan organizado de violencia e represión
estatal brutal contra os manifestantes; un plan que a Secretaria Xeral do CC do
KKE, Aleka Papariga, tamén denunciou desde o parlamento. Aleka Papariga sinalou
entre outras cousas: “a política implementada e as medidas que veñen, é imposíbel
que non se acompañen por violencia estatal, represión, autoritarismo e ata é
moi probábel que se poña en vixencia unha lei que existe, que debido á
resistencia popular non se promoveu, que ten que ver coa intervención das
forzas militares cando hai folgas, ocupacións, etc. A violencia é aínda maior
nos centros de traballo. Na praza Sintagma vémola e condenámola. Nos centros de
traballo pasa desapercibido o feito de que os patróns levan obrigatoriamente
aos traballadores en buses e que coa ameaza do despedimento lles fan traballar
ás dúas da mañá antes de que se formen os piquetes. Ningún comentario sobre
isto. Desgraciadamente na maioría das ás no parlamento hai unha sensibilidade
selectiva. A violencia intensificarase, isto sabémolo moi ben. Non poden
convencer sen o uso de violencia. Desde este punto de vista as cousas son moi
graves. Van atopar pretextos para atacar as manifestacións. E se non os atopan,
vanos crear e isto dicímolo sendo plenamente conscientes.”
Fronte
ao uso extensivo de gases lacrimóxenos e de bombas de auga, os manifestantes
reforzaron a súa determinación e as súas consignas. As forzas da PAME
mantivéronse organizadas durante horas ata moi tarde nas rúas principais cerca
e ao redor da praza Sintagma malia a tormenta. Demostraron unha vez máis que a
loita clasista organizada e protexida ten a forza de esmagar os plans do estado
burgués.
O
grupo parlamentario do KKE no parlamento expuxo o carácter clasista das medidas
mentres que a Secretaria Xeral do CC do KKE, Aleka Papariga, dixo entre outras
cousas: “O pobo non debe en ningún caso apoiar os intereses dunha parte dos
grupos empresariais fronte aos demais. Isto significaría a derrota do movemento
por moitos anos.” No seu discurso, a SG do KKE suscitou os seguintes eixos
básicos:
* A
ofensiva é unificada contra os traballadores asalariados, os autónomos e os
campesiños pobres. O goberno trae un proxecto de lei desexando asegurar a
recuperación da rendibilidade do capital e dos investimentos.

* A
saída a favor do pobo significa a abolición dos monopolios e a retirada da UE.
Isto significa o derrocamento do poder político dos monopolios. Non hai saída
da crise a favor do pobo sen isto.
Cabe
sinalar que o debate no parlamento sobre as novas medidas antipopulares
coincidiu co 95 aniversario da Gran Revolución de Outubro. Así o primeiro
ministro, Samarás, líder do partido dereitista da ND, decidiu atacar ao
socialismo que coñecemos con odio e mentiras, falando de “totalitarismo” e
“falta de democracia e de inversores”. En todo caso, o ataque de Samarás, que
recibiu unha resposta acorde de parte dos deputados do KKE, confirma unha
cousa: que en condicións de agudización da crise e de podremia do capitalismo,
o seu temor do verdadeiro contrapeso, que é a outra vía de desenvolvemento que
comezou coa construción socialista no século pasado, perséguelles tanto
espertos como durmidos…
Ademais,
foi reveladora a actitude de SYRIZA no parlamento. Centrándose en cuestións de
procedemento e con propaganda sobre a “desviación” da democracia, defendeu
outra fórmula de xestión do capitalismo pedindo ao goberno a establecer “liñas
vermellas de negociación” mostrando a súa paixón para a UE mencionando que “a
política da señora Merkel é a que nos está illando da Unión Europea”. En
esencia, sostivo que un mero cambio gobernamental é suficiente para mellorar a
vida dos traballadores, sen ruptura coa UE e co sistema capitalista.
Finalmente,
153 votaron a favor do terceiro memorándum e foi aprobado. En base ao resultado
anunciouse a expulsión de seis deputados do PASOK e dun da ND.
Máis
mobilizacións militantes levaranse a cabo, polo que desde hoxe se debe
fortalecer a loita sobre todo nos centros de traballo para que máis
traballadores cheguen a ser máis activos e organizados na loita polo
derrocamento da política antipopular. Este derrocamento non se levará a cabo
soamente por unha folga ou unha mobilización; require unha loita dura ata que o
pobo entre nunha ruptura total coa UE e os monopolios.