Por Miguel Urbano Rodrigues.

Os gobernantes e
dirixentes da dereita e os seus ideólogos presentaron a campaña baixo unha
falsa perspectiva e intentan agora extraer do voto popular conclusións
perigosas que responden aos intereses do gran capital.
Controlados polos
engrenaxes do sistema, os grandes medios afirman que os resultados das
eleccións do 17 de febreiro expresaron unha clara opción da cidadanía grega
pola Unión Europea e o euro.
A primeira mentira é a
conclusión de que a gran maioría do electorado votou polos partidos
representados no goberno de Samaras, definidos como «democráticos». En
realidade houbo unha enorme abstención e dos cidadáns que foron ás urnas pouco
máis de 40% se pronunciaron por Nova Democracia
e Pasok.
Omítese que o gran
capital e o imperialismo exerceron unha presión colosal sobre o pobo grego nas
semanas que separaron a primeira da segunda volta das eleccións. Merkel, Hollande, Cameron, Obama, a Comisión Europea, o Banco
Central Europeo e o FMI, en
patente e esmagadora inxerencia na campaña, pediron o voto para a dereita, con
submisión incondicional a todas as esixencias da troika. A alternativa sería o
caos, a miseria, a fame.
De Syriza, os grandes
media esbozaron a imaxe dunha «esquerda radical revolucionaria» sen un proxecto
críbel. Pero, de modo xeral, trataron con benevolencia ao seu líder, Alexis Tsipras, quen foi tema de
titulares, artigos e entrevistas que o presentaron como rostro dunha «nova
esquerda». Mentiron sen pudor.
Das garantías que Tsipras deu ao capital cando se
desprazou a Berlín e París, afirmando ser partidario do euro, aberto ao diálogo
coa Comisión Europea e o FMI, pouco, case nada, se falou.
Algúns analistas
comparárono a Cohn Bendit, subliñando
o papel que ese mozo alemán -hoxe un dócil político burgués- cumpriu no Maio do 68 francés. Omitiuse que Synapismos, o partido nuclear de Syriza,
naceu dunha disidencia de dereita do KKE
e que a súa actividade desde o inicio caracterizouse por compromisos ambiguos
coa burguesía e por un anticomunismo transparente. Omitiuse que a coalición de
Syriza é unha amálgama de
anti-comunistas, anarquistas, trotskistas e ex-membros do Pasok.
Presentado como paradigma de «unha nova esquerda radical» Syriza é membro do Partido da Esquerda Europea, creado por partidos reformistas para neutralizar as loitas dos traballadores.
Presentado como paradigma de «unha nova esquerda radical» Syriza é membro do Partido da Esquerda Europea, creado por partidos reformistas para neutralizar as loitas dos traballadores.
Significativamente,
xornais, cadeas de TV e radios da Unión Europea coincidiron nas súas criticas
ao Partido Comunista de Grecia-KKE,
subliñando que o seu rexeitamento a calquera tipo de acordo con Syriza impediu a formación dunha ampla fronte de
esquerda.
O KKE afirmou desde o inicio
que participaba nas eleccións nun cadro político e social moi desfavorable.
Perdeu 14 dos 26 deputados que conseguira semanas antes. O discurso populista,
tramposo e demagóxico de Syriza quitoulle
moitos votos de xente progresista que votou por candidatos que prometeron o que
sabían que nunca poderían cumprir.
Ese gran revés do KKE nas
urnas foi amplamente explotado polos grandes medios que o atribuíron ao
«sectarismo» da dirección do partido ao cal algúns chaman «neostalinista».
Tan intensa foi esa
ofensiva contra o KKE que acabou por
influenciar negativamente a intelectuais revolucionarios. Cito, por expresivo,
o caso do norteamericano James Petras
que conquistou prestixio mundial polas súas posicións anti-imperialistas. En
Europa filósofos marxistas como o esloveno Zizek
apoiaron a Syriza.
Artigos apoloxéticos de
Tsipras foron divulgados por webs
progresistas de información alternativa como Rebelión. O mesmo Gara
vasco participou do concerto de eloxios a Syriza.
Francisco Louçã, o líder do Bloco de Esquerda de Portugal, imaxe do
radicalismo pequeno burgués, definiu a Syriza
como «partido irmán» e foi a Atenas a participar nun mitin dese partido.
Non sorprende que Boavenura Sousa Santos e Mario Soares, anti-comunistas asumidos
con máscara socialista, sumáronse aos que presentan a Syriza como esperanza da
esquerda, tal como eles a conciben.
O Comité Central do KKE, nunha primeira avaliación dos
resultados electorais, non dubida en afirmar que a loita dos traballadores
gregos contra as forzas internas e externas do capital será a partir de agora
moito máis difícil. O partido comunista pagou un prezo moi alto polo seu
sentido de responsabilidade revolucionaria. Foi o único coherente cos
principios e valores que defende, que falou a linguaxe da verdade dirixíndose
ao seu pobo.
Non ten compromisos co
calendario. Tomar o poder non é posible en tempo previsíbel. Non prometeu o
asalto ao ceo ao desafiar o imperialismo. Tal como os communards franceses de
1871, é consciente –como afirmou Karl
Marx- de que o camiño ao socialismo pasa por batallas e derrotas cuxas
leccións achegan aos auténticos revolucionarios a futuras e decisivas vitorias.
Pero non hai que alentar
ilusións. O reformismo, baixo moitas máscaras, intenta
utilizar o resultado das eleccións gregas como arma para confundir e
neutralizar forzas e partidos solidarios coa loita revolucionaria do KKE.
Vila Nova de Gaia, 27 de Xuño de 2012