
Un discurso que chama aos traballadores e traballadoras a confiar o seu
porvir a un futuro cambio social da UE propiciado polo avance electoral das
forzas reformistas que eles representan. Un chamamento oportunista ao que
queren arrastrar á clase obreira e aos sectores populares galegos e ao resto de
pobos de Europa, e que se sustenta na idealista e imposíbel idea dunha volta
atrás cara escenarios dun capitalismo “bo” e en crecemento, capaz de seguir a
repartirnos migallas aos traballadores e traballadoras no que denominaron
Estado do Benestar.
Unha reivindicación non só imposíbel, senón ademais insolidaria, pois os
seus beneficios, os que compartiron connosco durante uns anos mediante a
alienante e embrutecedora sociedade de consumo, sempre se fundamentaron na
explotación, o saqueo dos pobos, a fame, a miseria e a guerra.
Falan de que dentro da UE e o sistema capitalista é posíbel un modelo de
crecemento económico favorábel á maioría social contraposto ao que impoñen os mercados
e a Sra. Merkel. Nós, os e as comunistas galegas, dicimos que iso é imposíbel e
que saben que menten cando, no seu fracaso para concibir unha sociedade
distinta ao Capitalismo, nos prometen un capitalismo distinto e bo. Hoxe, no
marco da crise estrutural do sistema, a clase dominante (os monopolios europeos
e o bloque de dominación oligárquico burgués que impón a súa ditadura de clase
no estado español e a UE), está a facer todo o que necesita para tratar de
superar as súas graves dificultades e non deixarán de facelo porque uns
ilusionistas como estes señores de AGE pretendan mudar a realidade con falsas
promesas.
As súas mentiras evidéncianse coa aplicación dos recortes sociais e
laborais polo goberno de coalición PSOE-EU en Andalucía (incluído o departamento
de vivenda no que o Sr. Meyer ten enchufada á súa filla como directora xeral),
coa acción xenocida de Hollande en Siria tras recibir o soporte entusiasta do
Front de Gauche e co proclamado apoio de Syriza ao EURO e á UE.
Desde Comunistas de Galiza,
dirixímonos á clase obreira galega, aos campesiños e campesiñas empobrecidos
pola PAC, á mocidade obreira e popular que nin atopa traballo nin ten futuro
nesta sociedade, ás mulleres que sofren dobremente o capitalismo e o
patriarcado, a que non se deixen enganar por estes ilusionistas que tan
comodamente viven instalados no sistema. Os trucos de trileiro que practican
aínda enganan a un pobo que pensa saír desta situación de paro, pobreza e
miseria sen organizarse e loitar, pero as mentiras teñen as patas curtas e non
cabe a menor dúbida de que cando o pobo decida organizarse e loitar saberá
distinguir con claridade quen lles enganou e quen lles dixo a verdade.
A verdade é revolucionaria e por iso nós dicímoslle ao pobo que a alternativa
é só unha: ou eles ou nós, ou Socialismo
ou Barbarie.
COMUNISTAS DA GALIZA