Comunistas da Galiza, plataforma política unitaria da que participan a organización de Galiza do PCPE e o Colectivo Comunista Galego FORXA!, queremos denunciar con este comunicado a represión xeralizada contra o movemento obreiro e popular e os dereitos e líberdades democráticas, que está a desencadear o goberno oligárquico e reaccionario do PP, da que os feitos acontecidos na pasada madrugada en Ferrol, coincidindo co inicio da campaña electoral, son exemplo ilustrativo.

Estes feitos, postos en coñecemento do xulgado durante a súa comparecencia e posterior liberación, son dunha gravidade tal, que pon de manifesto o grao de degradación á que chegou este goberno e mandos e axentes obedientes ás súas instrucións, para empregar a persecución policial e xudicial contra militantes e dirixentes do movemento obreiro e sindical, ata o extremo da TORTURA como métodos da súa “orde públíca”. Esta, experimentada polos mineiros asturianos, leoneses e aragoneses, polos estudantes valenciáns, pola xente do pobo madrileña, pola clase obreira en distintos conflitos e en todas as nacións e territorios do Estado, xunto ás intencións de modificacións de normativas no terreo dos dereitos e liberdades fundamentais como manifestación, xuntanza e folga, e o ton e o contido dos posicionamentos públicos da dirixencia ultradereitista do PP, ensínanos e alértanos sobre os riscos desta escalada represiva contra todo o pobo, asentado os alicerces do fascismo como eventual saída oligárquica á fonda crise política, económica e social que estamos a viver.
Facemos un chamamento á máis ampla unidade de todas as forzas políticas e sindicais do movemento obreiro e popular, para que na rúa, e desde as fábricas e centros de traballo, respostemos coa contundencia necesaria fronte a esta ofensiva para derrocar a este goberno coa mobilización, levando con el á crise política terminal a este podre réxime monárquico, digno e incuestionábel sucesor da sanguenta ditadura que o pariu.