CIG, CCOO e UGT convocan unha concentración o xoves 18 de outubro en contra da represión da loita sindical.
As centrais sindicais repulsan as torturas sufridas polo compañeiro
López Pintos e fan un chamamento a participar na defensa dos dereitos
fundamentais.
esión e torturas sufridas polo co-responsábel comarcal da
CIG en Ferrol, Xesús A. López Pintos. Coa protesta, que se desenvolverá
diante dos edificios da Xunta en Ferrol, as organizacións sindicais
tamén queren denunciar o progresivo deterioro e vulneración de dereitos
fundamentais “que nos retrotraen a épocas xa moi afastadas da ditadura”.
A continuación, polo seu interese, reproducimos o comunicado conxunto emitido polas tres centrais sindicais:
Xa
hai tempo que as organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT vimos
denunciando e convocando todo tipo de mobilizacións contra as políticas
de recortes que están a aplicar os actuais gobernos do PP, tanto
central, como Autonómico. Recortes que afectan aos dereitos laborais, ás
políticas de emprego, ao mantemento do posto de traballo, aos salarios,
ás pensións, a uns servizos públicos de calidade en sanidade,
educacións e benestar social, ás políticas de igualdade para a xente
máis desfavorecida, á capacidade dos nosos principais sectores
produtivos, ás infraestruturas e medios de comunicación na nosa comarca,
etc.
Mais, sendo importantísimos todos estes dereitos, hai tamén
outros que todos e todas ternos como persoas, como cidadáns e cidadás,
que son fundamentais. Estámonos a referir ao dereito á libre expresión e
a manifestala publicamente, de xeito individual ou colectivo, sempre
que sexa de xeito pacífico, sen poñer en risco a integridade física ou
psíquica de quen queira exercelos.
E estamos asistindo a un
proceso acelerado de merma destes dereitos, non só a nivel cuantitativo,
pois son moitos os episodios de represión policial contra todo tipo de
protestas nos últimos tempos, senón desde o punto de vista cualitativo,
dado que se está a sobrepasar unha liña vermella que nos retrotrae a
épocas xa moi afastadas da ditadura.
Os feitos acontecidos a noite
do pasado día 4, coincidindo co comezo da campaña electoral diante do
Hotel Almirante, onde os Comités de Empresa de Navantia e Poligal
manifestaron o seu rexeitamento a decisións que afectan ao futuro dos
seus postos de traballo, son unha clara mostra deste deterioro
democrático. Non só pola desproporcionada carga policial contra as
persoas que participaron na protesta, e que non tiñan intención de
agredir a ninguén (a xente que participaba nese acto do PP saíu sen
sufrir ningún percance pola porta principal), senón só de facerlles
chegar a súa indignación, senón polo que aconteceu a continuación, ó
ensañamento na propia concentración, a detención,
incomunicación e os malos tratos e torturas que un representante
sindical, neste caso o Coportavoz da CIG en Ferrol, Xesús Anxo López
Pintos, sufriu na Comisaría de Policía.
Por todo isto, ademais de ternos manifestado publicamente
contra estes feitos, e solicitar conxuntamente unha entrevista do
delegado do goberno, convocamos unha CONCENTRACIÓN DE PROTESTA o
vindeiro xoves, día 18 de outubro, ás 12 horas. diante do edificio da
xunta. na Praza de España, e facemos un chamamento á participación, para
preservar estes dereitos e esixir unha investigación dos feitos e a
depuración das responsabilidades a que houbera lugar, á marxe das
actuacións xurídicas que se puideran levar a cabo.
Pola defensa dos dereitos civís!
Ferrol, a 16 de outubro de 2012
Asdo: Por CIG, Manuel Grandal Anca
Por UGT, Cesáreo Fraga García
Por CCOO, Julio Abelleira Souto
[Fonte: Avantar]