As organizacións sindicais pedirán unha reunión co Delegado do Goberno para esclarecer o acontecido en Ferrol.
Os representantes
comarcais denuncian as políticas represivas aplicadas polo PP contra
quen lexitimamente defende os seus dereitos.
Os responsábeis comarcais de CIG, UGT,
CCOO e USTG compareceron en rolda de prensa na tarde deste venres para
denunciar publicamente a gravidade dos feitos acontecidos na madrugada
do xoves en Ferrol e o trato represivo padecido polo compañeiro Xesús
López Pintos. Os representantes das organizacións sindicais entenden que
episodios como este amosan ás claras as políticas represivas que está a
aplicar o Partido Popular contra aquelas organizacións que se atreven a
denunciar e loitar na contra das súas medidas antiobreiras e xa
adiantaron que solicitarán unha reunión co Delegado do Goberno para
aclarar o acontecido e depurar todas as responsabilidades.
Grandal lembrou que a desproporcionada carga policial e
a detención de Pintos ocorreron no marco dunha protesta convocada polo
Comité de Navantia (na que están representados CIG, CCOO, UGT e USTG)
para denunciar os enganos e incumprimentos do PP co sector e a comarca,
aproveitando o acto de inicio de campaña dos populares nun hotel da
cidade ferrolá.
A este respecto, aseverou que é o propio Partido
Popular quen está infrinxido a lei e non dubidou en acusar a Diego Calvo
e a José Manuel Rey de ter provocado un marco propiciatorio para os
feitos que viñeron despois. Neste senso, referiuse ao informe elaborado
polo director do hotel, no que se recoñece que todas aquelas persoas que
estaban no acto electoral e saíron pola porta principal fixérono sen
maiores problemas. Agás no caso de Calvo e Rey que, nunha decisión
insólita, acordaron abandonar o edificio pola porta da cociña e
fortemente escoltados pola policía.
O responsábel sindical quixo
denunciar a actitude da policía, xa que unha vez que ambos os dous
políticos abandonaran o lugar, os axentes deron a volta e cargaron
contra os/as participantes na protesta, “ensañándose dunha maneira
brutal e indo directamente a polo compañeiro Pintos, a quen ameazaron
con romperlle a cabeza se non se daba a volta mentres o tiñan tirado no
chan”.
Grandal relatou como unha vez en comisaría, Pintos foi
torturado, humillado, recibiu varias malleiras e ameazas contra a súa
persoa e o sindicato ao que representa. Un comportamento que cualificou
de absolutamente “ilegal”. Cómpre subliñar que López Pintos estivo
incomunicado toda a noite e o avogado só puido falar con el pasadas ás
dez da mañá, cando lle tomaron declaración no xulgado.
O
desproporcionado da actuación policial chegou a tal punto que mesmo
cando tres representantes da CIG se achegaron á comisaría para
interesarse pola situación de Pintos, estes foron recibidos con cadanseu
golpe e con indicacións de que marchasen para a casa.
Ante
estes inconcibíbeis sucesos, a asesoría da central sindical está
redactando xa demanda para que se investiguen os feitos, e dende a CIG
pídese a xudicatura que abra unha investigación e depure
responsabilidades. Do mesmo xeito, a central sindical pide ás
organizacións policiais que fagan as súas indagacións e que descubran
aos culpábeis para evitar que este tipo de comportamentos fascista se
volva repetir.
Durante a comparecencia de prensa, Grandal
anunciou que as catro organizacións sindicais acordaron solicitar unha
entrevista co Delegado do Goberno, Samuel Juárez, para pedir
explicacións e para reclamarlle que “tome cartas no asunto, porque todo
apunta a que esta actitude se enmarca nunha estratexia deseñada polo PP”,
destinada a desacreditar á loita sindical e a impedir as
reivindicacións sociais. Neste senso, na rolda apuntouse ás sospeitas
que circulan por Pontevedra a respecto de que está no programa do
Partido Popular prohibir toda clase de manifestación durante a campaña
electoral.
Fronte a isto, os representantes de CIG, UGT, CCOO e
USTG xa adiantaron que continuarán adiante coas mobilizacións e a
convocatoria da manifestación comarcal en defensa do naval e do futuro
de Ferrolterra, prevista para o día 17 de outubro ás 20:00 horas.
[Fonte: Avantar]