As organizacións sindicais de Ferrol convocan unha manifestación o 17 de outubro polo futuro da comarca e o sector naval.
Os comités de Navantia e os delegados/as das industrias auxiliares
abandonaban o pasado xoves, e logo de transcorrido un mes do inicio da
protesta, o peche no interior do Concello de Ferrol tras confirmarse a
data de reunión da Comisión de Seguimento do Dique Flotante. Non
obstante, advertiron que a mobilización continuará na rúa e as
organizacións sindicais xa teñen convocada unha gran manifestación
comarcal para este mércores 17 de outubro con saída ás 20:00 horas dende
o Inferniño.
Coa marcha, convocada pola CIG, CCOO, UGT e USTG, as organizacións
sindicais queren denunciar tanto os recortes e medidas contra a maioría
social que están a aplicar os gobernos do PP como a situación de
abandono na que teñen deixado á comarca e a un dos seus principais
sectores industriais: o naval. A maiores, lembran que nos últimos anos
unha boa parte das empresas máis grandes teñen pechado, aplicado EREs ou
despedimentos, mentres os compromisos con Ferrolterra continúan sendo
papel mollado.
A manifestación desenvolverase baixo o lema
“Queren afundir a comarca. Impidámolo!”, sairá ás 20:00 horas dende o
Inferniño para finalizar na Praza de Armas.
Continúan as protestas no naval.
Pola súa
banda, o pasado xoves os membros do Comité de Navantia e as industrias
auxiliares que dende o pasado 11 de setembro permanecían pechados no
Concello de Ferrol, acordaron abandonar a medida de presión tras
concretarse a data de reunión da Comisión de Seguimento do Dique, para o
24 de outubro.
Os traballadores/as tamén están chamados a
secundar este luns día 15 un peche nos estaleiros até as seis e medida
da tarde, cando sairán das instalacións para se sumar á mobilización que
ten convocada a Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos.
[Fonte: Avantar]