A CIG repulsa a represión e torturas da policía contra o compañeiro Pintos e os intentos do PP de criminalizar a loita sindical.
Ante o anuncio do Partido Popular de que denunciará á central, o Secretario Xeral advirte que se lle dará a desposta acaída.
A CIG denuncia a carga policial e a detención e torturas padecidas polo
compañeiro Xesús A. López Pintos, responsábel da central sindical na comarca de
Ferrol. A este respecto, o Secretario
Xeral da CIG, Xesús Seixo, manifestaba ás portas dos xulgados
de Ferrol que estas actitudes, veñen demostrar a política represiva da que se
vale o PP para acalar e reprimir todas aquelas voces que se levantan contra as
súas medidas antisociais e antiobreiras.
O secretario
xeral da CIG foi especialmente contundente denunciando a
detención de Pintos e as torturas ás que foi sometido na comisaría. “Esta
situación empeza a lembrar a épocas do franquismo” advertiu.
O compañeiro Pintos permaneceu esposado máis de dúas horas. Tempo no
que, a cada pouco, padeceu os golpes dun policía cunha luva de coiro, na cara e
no corpo, mentres o insultaba e ameazaba, tanto a el como á central sindical.
Estes feitos xa foron todos denunciados diante do xuíz, ao que se lle reclamou
que abra unha investigación para depurar responsabilidades.
Ante o anuncio do Partido Popular de que denunciará á CIG diante da
Xunta electoral, Seixo explicou que a asesoría xurídica da central estudará os
termos de dita demanda e dará todas as respostas necesarias contra este novo
intento de criminalización do sindicalismo nacionalista. Matizou ademais, que a
protesta realizada en Ferrol non foi convocada pola CIG, senón que estaba
convocada polo Comité de Navantia, no marco do calendario de mobilizacións que
dende hai máis de un ano veñen desenvolvendo para reclamar carga de traballo
para o sector e a construción do dique flotante.
“Na CIG xa estamos afeitos ás persecucións e ás represións por parte do
PP. Por iso tampouco nos estraña que intente agora culpabilizar á CIG. Pero
isto non nos vai facer calar nin nos vai atemorizar. A CIG seguirá dando a batalla
en todas as frontes e contra o conxunto de políticas antisociais e de recortes
do PP”.
[Fonte: Avantar]