A asemblea de
desempregados/as de Ferrol rexeita a condena a cinco compañeiros e unha compañeira que
participaron nunha acción simbólica nun DIA.
O colectivo considera que con esta resolución preténdese criminalizar a
mobilización social e dáselle amparo as políticas que condenan á miseria a
amplos sectores da poboación.
A continuación reproducimos o comunicado da Asemblea:
Ante
a sentenza condenatoria contra os 6 compañeiros/a pola acción simbólica
realizada o 6 de xuño no supermercado MaxiDIA de Ferrol, dende a
Asemblea de Desempregados/as da CIG queremos manifestar:
1-
Que o feito de que a pena imposta sexa a máxima solicitada polo
Ministerio Fiscal (90€ a cada un e 275€ de indemnización á empresa DIA a
pagar de forma conxunta), vén darnos a razón e confirma que con este
xuízo téntase por un lado, criminalizar e frear a mobilización social en
defensa dos nosos dereitos, e polo outro, dáselle amparo ás políticas
antisociais e de recortes que condenan á miseria a amplos sectores da
poboación.
2- Que esta sentenza é inxusta e
desproporcionada cando o custo monetario dos produtos retirados do
supermercado aos que se atribúe o obxecto do furto constitúen a suma de
25.37€, mentres que a cantidade total da condena imposta os/a nosos/a
compañeiros/a ascende a 835€. Un completo despropósito que só dá forzas
para reafirmármonos nas nosas conviccións e motívanos para continuar a
loitar a prol das nosas lexítimas reivindicacións. Esta crise do sistema
non a creamos nós e non estamos dispostos a pagar por ela!
3-
Como dignamente declararon os nosos compañeiros e compañeira o pasado
14 de setembro, dia da realización do xuízo, participaron nunha acción
que procuraba denunciar a dramática situación pola que están a atravesar
un cada vez maior número de traballadores/as desempregados/as que non
perciben prestación económica algunha, e polo tanto, que non teñen
recursos económicos para adquirir eses produtos de primeira necesidade
que custodian empresas como DIA S.A., véndose obrigados/as a encarar o
camiño da exclusión social, inherente a este podre sistema capitalista.
4-
Desde a Asemblea de desempregados/as da CIG queremos solidarizarnos cos
nosos compañeiros e compañeira mostrando todo o noso apoio e forzas
para continuar a participar en todo tipo de mobilizacións encamiñadas a
espertar a necesaria consciencia social. Facemos un chamamento ao
conxunto do pobo traballador da nosa comarca a participar nas vindeiras
accións do noso colectivo para seguirmos traballando na mobilización
social dos traballadores/as en situación de desemprego para facer fronte
a todos os ataques do goberno, dos que nos últimos tempos somos un
branco inerme.
Ferrol, 28 de setembro de 2012