NON SE PODE ESTAR EN ATENAS E EN SANTIAGO AO MESMO TEMPO ou da fascinación reformista coas "frontes amplas".
Debemos comezar sinalando que aqueles que nos consideramos marxistas, e por ende, utilizamos o materialismo dialéctico para elaborar as nosas análises, partimos da necesidade de coñecer e estudar a realidade material na que nos movemos, e a partires de ela, elaborar a nosa estratexia e a nosa táctica como comunistas. Como subliñaba Giorgos Marinos, do Comité Central do KKE, “o curso da maduración das condicións materiais pode ter diferente ritmo dun Estado a outro debido ao desenvolvemento desigual do capitalismo e os comunistas estudan este elemento. Con todo, obxectivamente, o carácter da época como época de transición do capitalismo ao socialismo adquiriu dimensións mundiais e isto concirne a todos os países capitalistas onde se desenvolveu o capitalismo monopolista, concirne tanto aos Estados imperialistas fortes como aos Estados como Grecia que teñen unha posición subordinada no sistema imperialista”[3]. E outro tanto poderíamos dicir para Galiza, por moito na “periferia” que a queiramos situar. O tempo das revolucións democrático-burguesas rematou.
Co gallo dos últimos acontecementos en Grecia, aparecía na web da FPG un interesante artigo nomeado “Da fascinación esquerdista cos fogos de artificio”[1], firmado por Moncho Lareu. Nel fala do apoio recibido pola coalición reformista Syriza desde distintos sectores da esquerda autóctona, e fai una loábel defensa do papel do KKE na loita de clases en Grecia. A análise é a grandes trazas atinada, máis cumpre facer varias observacións á calor dos cambios recentes no panorama político galego. Pois cumpre atender non só á mensaxe para entendermos o texto, senón tamén ó emisor, e é aquí neste caso cando nos xorden as contradicións.
Os cambios ós que nos referimos son, por un lado, a constitución dunha nova organización política no galeguismo de esquerdas, ANova, na que conflúen diversas organización políticas (entre a que se inclúe a do propio Lareu). E, por outra banda, as declaracións da coordinadora xeral de Esquerda Unida na Galiza, Yolanda Díaz, nas que facía un chamamento á construción dunha “Syriza galega”[2].

Non obstante, nun momento de crise estrutural do capitalismo, algunhas capas sociais que son constantemente agredidas e empurradas cara a proletarización (a pequena burguesía, o campesiñado, mesmo a aristocracia obreira...) reaccionan e tentan volver a unha situación anterior, na que os medios de produción seguen en mans privadas pero a distribución é máis “social” (en aras, todo sexa dito, de gañar a simpatía dos traballadores en competencia co bloque socialista). Esta é a forza motriz que impulsa a creación nestes últimos tempos de diversas “Frontes amplas”: o Bloco de esquerdas, Syriza, mesmo o pacto entre EU e o PSOE en Andalucía nace con este mesmo propósito de “combater o neoliberalismo”. Ningunha de estas frontes acadou nunca melloras significativas para a clase traballadora. Tódalas súas receitas, máis ou menos imaxinativas, ignoran que o “capitalismo de rostro humano” que preconizan non é se queira factible no marco actual da loita de clases, pois a tendencia actual é a de o incremento constante da explotación da clase obreira para recuperar a taxa de ganancia do capital. O capitalismo, na súa fase senil, xa non ten solucións que ofrecer á clase traballadora.
Co mesmo espírito de nace na nosa Galiza Anova – Irmandade Nacionalista, recollendo os principios inspiradores da revolución burguesa de 1789 de “igualdade, liberdade, fraternidade e laicidade”, todo aderezado con toques do altermundialismo e a posmodernidade.
Por outra banda, a proposta de Yolanda non ten nada de novo, pois é, como sinala Ferran Nieto en referencia á mesma proposta en Catalunya[4], “moi parecida á proposta fundacional de EUiA, na frustrada "refundición" de EU, nas Mesas de Converxencia, etc... O único innovador é o nome ". É dicir, unha loita por ampliar a base social do reformismo, e de paso, os escanos no parlamento.
Até aquí os feitos. Agora é cando veñen as contradicións:
1. É para os comunistas preciso neste intre unha “fronte de esquerdas”? Primeiro cumpre sinalar que o termo “esquerdas” xorde na Revolución Francesa para denominar á facción máis progresista da burguesía. O proletariado tivo a ven aliarse con esta capa social mentres algo de revolucionario quedou nela, para rematares a transformación democrático - burguesa e eliminar os restos do feudalismo, ou loitar contra o máis agresivo fascismo. Pola contra, se agora asumimos que o capitalismo atópase na súa fase última, a clase social que o sustenta xa non ten nada que ofrecer ó pobo. Toda reforma que se propoña en beneficio do pobo é un engano e é irrealizable (ou ben será unha gota nun mar de ataques). Polo tanto, propostas como a “democracia participativa” que propón ANova, sen ningún contido de clase, son falsas, unha calexa sen saída, irrealizábeis dentro do capitalismo. O poder, a democracia, será burguesa ou obreira-popular. Non hai creacións intermedias.
2. Seguen sendo a día de hoxe os Partidos Comunistas “ferramentas indispensábeis e imprescindíbeis para a defensa do proletariado” como afirma Lareu? A resposta non pode ser máis que afirmativa. Así o demostra a historia. Os únicos avances e conquistas democráticas para o pobo conseguíronse grazas á mobilización sostida de obreiros e obreiras con conciencia de clase revolucionaria e organizada en fortes Partidos de Clase (por enriba das “esquerdas”). Pola contra tras a desviación eurocomunista e a pérdida do carácter de clase (moitas veces diluída nestas “frontes amplas”), non viñeron máis que derrotas, ate o punto de que a xornada laboral de oito horas é moitas veces un mero recordo.
Fai máis de cento cincuenta anos, Marx e Engels escribiron no Manifesto Comunista que “chegou o momento de que os comunistas expoñan á face do mundo a súa maneira de ver, os seus fins e as súas tendencias”. Mais aínda agora vemos moitos herdeiros desta nobre tradición dilúen as súas lexítimas reivindicacións en “programas de mínimos” en aras da unidade. A unidade sen dúbida é importante, pero, para qué? Con quén? Os e as comunistas debemos dicir ben alto e ben claro que o que queremos, o que precisamos, é o socialismo. Dicímosllo ós da nosa propia clase, a clase traballadora, a máis interesada obxectivamente en conquistalo, e unímonos con ela dende a base, nos nosos centros de traballo ou estudo, nos nosos barrios. E unímonos con ela (e coas organizacións das que se dote) para a loita cotiá e para unila á loita pola sociedade socialista. Loitamos pola construción dunha Fronte Obreira e Popular polo Socialismo.
O que está claro é que non se pode defender ós traballadores e pactar co PSOE e cómplices ó mesmo tempo, como non se pode defender o “benestar” sen saír da UE (que EU tanto defende). Non se pode, como di Yolanda, defender á clase traballadora e ó Estado do Benestar. Non se pode apoiar ó KKE constituír unha Syriza ó mesmo tempo. Non se pode, en definitiva, estar en Atenas e en Santiago ó mesmo tempo.