
Por se houbera algunha dúbida, con esta sentenza os xuíces da Audiencia Nacional ratifican as palabras do Ministro Rubalcaba no sentido de que a estratexia represiva do Estado non mudou un milímetro nos últimos tempos. Unha estratexia que segue a ser a mesma de sempre tanto fóra das cadeas (detencións, torturas, condenas...), dentro delas (dispersión, illamento, provocacións...) como “dentro-fóra”, tal e como estamos a ver coa persecución que seguen a sufrir os presos políticos (antes Iñaki de Juana, agora Troitiño) que son liberados unha vez cumprida a súa condena.
Unha vez máis evidénciase con toda claridade que contra o que o Estado loita non é unicamente contra as organizacións armadas senón sobre todo contra as ideas e os obxectivos políticos que defenden tanto elas coma amplos sectores populares. A antiga Batasuna ou o PCE(r), por pór algún exemplo, nunca practicaron a loita armada. Porén, o noso veciño Paco, ven de ser condenado a case doce anos de prisión por militar nese partido; unha “organización” que para a Audiencia Nacional é tan “terrorista” coma os propios Grupos de Resistencia Antifascista Primeiro de Outubro, GRAPO.
A conclusión é clara: temos presos e presas políticas para longo. E non só iso, senón que haberá cada vez máis, pois as causas que explican a súa existencia (a falta de dereitos políticos, sociais, sindicais; a represión; as leis de excepción, etc) non só non desaparecen senón que se están a acentuar coa crise xeral do capitalismo e do propio Estado español. Xa que logo, non queda máis alternativa que perseverar na loita pola Amnistía Total. Non hai outro camiño que o da resistencia e a denuncia dos atropelos que sofren tanto os presos e presas políticas como todos aqueles sectores populares que non tragan co sistema e se enfrontan consecuentemente a el.
Na Coruña, Primeiro de Maio 2011