Comunicado do CN do PCTG con motivo do adianto das eleccións galegas


Diante do anuncio polo goberno de Feijóo da convocatoria adiantada das eleccións galegas para o  vindeiro 5 de abril, o Comité Nacional do PCTG quere manifestar o seguinte.

Este adiantamento, que mereceu o respaldo expreso da patronal galega, persegue dous obxectivos: colocar atrancos administrativos e prazos inasumibles aos seus adversarios políticos para a concorrencia electoral, así como de minimizar o impacto do desgaste (que podería poñer en perigo a maioría absoluta do executivo do PP)  producido pola vaga mobilizadora con que amplos sectores están a responder á ofensiva que mantén o goberno da patronal contra os nosos dereitos  e servizos públicos.

As e os comunistas imos concorrer a esta convocatoria electoral situando con claridade que queremos botar a Feijóo do goberno,  pero que as políticas regresivas, antiobreiras e antipopulares,  foron, son e serán aplicadas tanto por gobernos conservadores como por gobernos socialdemócratas, alén de contar co apoio e a colaboración de forzas políticas periféricas de toda cor política. As súas políticas son as mesmas:  submisión aos mercados e ao capital.

Queremos botar a Feijóo do goberno, pero sobre todo queremos desaloxar do poder á clase parasitaria que el representa.

As altas taxas de desemprego, a expansión da pobreza, a abolición dos dereitos laborais e de seguridade social, o ataque contra á negociación colectiva, a mercantilización da sanidade, do benestar e da educación, as privatizacións e a desregulación de ramas e sectores da economía, son características do capitalismo.

Durante estes 5 anos de “crecemento” económico, non recuperamos as condicións de vida e traballo anteriores á crise, que xa eran malas antes. Milleiros de traballadores non dan chegado a fin de mes. Milleiros de familias do noso país malviven dunha pensión. Ducias de empresas industriais pecharon ou ameazan con desaparecer, deixando un regueiro de desemprego e emigración. Nós non esquecemos Poligal, Alcoa, Endesa, e tantísimas outras. E sobre este panorama de partida, xa está a amortecer o ciclo expansivo que sucedeu á última crise, e que só beneficiou aos grandes empresarios pero nunca aos nosos salarios e condicións de vida. Os indicadores macroeconómicos caen, anunciando unha nova crise altamente acelerada e sincronizada que terá nefastas consecuencias para a clase obreira e o pobo traballador galego.

O programa da Coalición, chamada Progresista, que pactaron no goberno de Pedro Sánchez as socialdemocracias, a vella e a nova, e o reformismo, amosa con claridade os límites do que a clase obreira e as capas populares poden agardar de calquera das fórmulas da xestión capitalista. Un programa expresamente comprometido coa “necesaria competitividade empresarial” dos monopolios españois, cos obxectivos e restricións orzamentarias ditadas pola UE e os organismos financeiros internacionais do capital, e coa contrarreforma laboral de 2010.

A socialdemocracia e os seus aliados están dispostos a aplicar con man dura as políticas de axuste duro, privatización, flexibilización do mercado laboral e ataque contra os salarios e as condicións de vida, que vai necesitar, no marco da nova crise de sobreprodución e sobreacumulación que se aveciña, o gran capital, a quen serven como xestores. Xa o demostraron en Grecia con Syriza, e vémolo hoxe en Francia con Macron.

A clase obreira e os sectores populares necesitan un programa e unha organización política propia. Un programa e un Partido Comunista para avanzar na recuperación dos dereitos arrebatados e na conquista de novos dereitos sociais, económicos, políticos e culturais, polo pleno emprego, por unha vivenda digna, por unha sanidade e unha educación universais, públicas, gratuítas e de calidade, pola nacionalización dos sectores estratéxicos da economía e pola soberanía industrial, enerxética e agraria do país, pola ruptura coas estruturas imperialistas e as alianzas monopolistas internacionais,  económicas, políticas e militares.

O Partido Comunista dos Traballadores da Galiza presentarase ás vindeiras eleccións galegas para facer avanzar o programa independente da clase obreira, para asegurar ao conxunto das traballadoras e os traballadores galegos a posibilidade de elixirse a si mesmas, de elixir o necesario, de votar polo seu propio programa de clase.

Chamamos á clase obreira galega a apoiar o PCTG durante a campaña electoral que vén, a tomar contacto co Partido para coñecer a súa proposta política e a fortalecer as fileiras do Partido Comunista diante das importantes loitas que se anuncian no horizonte.

Por un país para a clase obreira!
Galiza obreira en pé!

Comité Nacional do Partido Comunista dos Traballadores da Galiza (PCTG)
Santiago de Compostela, 11 de febreiro 2020